DOMINGO XXVI DO TPO. ORDINARIO C

                                                 Oracional Galego en Spotify 

+ Enlace orixinal Oracional iVoox



LECTIO:

DOMINGO XXVI T. O.

28 setembro 25

            Temos hoxe diante unha parábola máis de Lucas, impresionante como todas as súas. A parábola é exclusiva del, pois os outros evanxeos non a refiren. Coma sempre, hai en Lucas unha preocupación especial polos pobres, pola súa dignidade e a súa importante función na Igrexa. Esta ten que ser Igrexa dos pobres, onde eles se sintan a gusto como en casa propia. Dado que isto non sempre funciona así, lembraredes como o papa Francisco nos dicía con frecuencia que teriamos que acostumármonos a ver e a practicar esa estreita relación entre a nosa fe cristiá e a xente pobre e necesitada. A Igrexa ten, pois, que aprender de novo a irse desprendendo de xeitos de proceder que teñen máis semellanza cos comportamentos de xente rica e podente ca cos modos de ser e de vivir da xente sinxela, traballadora, sufrinte e necesitada. Por que? Pois simplemente porque Xesús tamén así se comportou. Fíxose pobre cos pobres, sufrinte cos sufrintes, necesitado cos necesitados. Os que, polo menos en intención, nos consideramos seguidores del teriamos xa que logo seguilo nese comportamento. Do contrario, non poderemos ollarnos como verdadeiramente cristiáns, por moito que o creamos ou proclamemos.

            Chamoume sempre a atención nesta parábola a naturalidade coa que nela se conta, sen máis preámbulos, que o pobre Lázaro morreu e foi recibido no ceo e que o rico tamén morreu e que non foi acollido entre os xustos. Non se di nada propiamente sobre a relixiosidade ou moralidade tanto do rico coma do pobre. Polo que se ve, todo semella indicar que en Lucas van estreitamente unidas, por un lado, pobreza e salvación e, polo outro, riqueza e condena. Isto -como vedes- está en relación co que Lucas poñía en boca de Xesús no anterior domingo: “Non podedes servir a Deus e mailo diñeiro”.

            Na mensaxe hai algo fundamental. Xesús vén dicirnos (sexamos da ideoloxía, da cultura, do país ou da relixión que sexa) que todos temos un mesmo Pai. Aquel que invocamos cando dicimos “Noso Pai que estás no ceo”. Somos todos, pois, irmáns. Agora ben, que é ou que significa o feito de que en tantas partes do mundo haxa uns que fan esmorga, sentados ou deitados sobre feixes de billetes, e outros teñan que rebuscar no lixo para poderen atopar algo para o levar á boca? Iso significa simplemente que non existe verdadeira irmandade. Agora ben, non é ese o plan de Deus nin o seu proxecto. Xesús denuncia este estado de cousas con meridiana claridade. De xeito que Lázaro ten a mesma dignidade de fillo de Deus có rico. Mais o rico, con tal comportamento, abdicou da súa dignidade de fillo de Deus e de irmán dos demais para se facer escravo dos seus bens. Ao el se facer escravo das riquezas e se converter en adicto a un consumismo desenfreado, perdeu toda dignidade. Quizais por isto mesmo, Lucas nin sequera lle pon nome ao rico e en cambio llo pon a Lázaro. O rico é alguén sen dignidade e sen nome. Por máis que a tradición posterior lle teña posto un nome, o de Epulón (do “epulor” latino, que ten que ver coas enchentes ás que a diario se dedicaba).

            O texto de Lucas vénnos dicir, pois, non que o diñeiro en principio sexa cousa mala. O que é malo é facérmonos escravos del, permitindo que nos poña unha venda nos ollos para non vermos os necesitados que temos á beira. A actitude inmoral -non cristiá- do rico non está propiamente en que o rico sexa rico. Pode ter adquirido esas riquezas co seu esforzo, co seu traballo ou coas súas lexítimas habilidades. O malo do seu comportamento consiste en que non se deixa conmover pola pobreza e miseria do seu irmán necesitado. Non o olla coma irmán, senón coma un infrahumano. E ben sabemos que o malo do mundo son xustamente as tremendas desigualdades entre uns e outros.

            En resumidas contas, o noso destino, a nosa pertenza ou non ao que no Novo Testamento se describe como “reino de Deus”, xógase ou decídese nisto: en se exercemos ou non a misericordia e a bondade de irmáns coas persoas que estean ó noso alcance. Ao longo das nosas vidas atoparémonos con moitos “Lázaros” que nos interpelarán dunha ou doutra forma, se non levamos os ollos pechados ou afastamos a vista.

            Se con algo, pois, verdadeiramente valioso temos que ir enchendo as mochilas ou os macutos do noso peregrinar pola vida ha ser xustamente con actos de bondade e misericordia cos irmáns necesitados. Porque en última instancia son eses actos os que verdadeiramente salvan. Non os outros posíbeis actos de correcto cumprimento das boas normas rituais ou exteriores. Realizadas á marxe do que verdadeiramente importa.


Manuel Cabada Castro

 


Comentarios

Publicacións populares