FICHA E LECTIO + ORACIONAL GALEGO: DOMINGO XXXIII DE ORDINARIO A
FICHAS ANTERIORES:
O ceo non é pra lacazáns
19 novembro 23
A
parábola dos talentos apréndenos a nos comportar como axentes activos na
creación. Non deberiamos esquecer que Deus, cando crea, cando fai xurdir o
mundo e a nós nel, realiza tal tarefa facendo reflectir nela o que el é. Agora
ben, o Deus cristián é plenitude de vida e de amor entre Pai, Fillo e Espírito.
Plenitude de actividade. Por iso, cando el crea a realidade, fainos tamén a nós
activos e vitais. Unha materia, unha vida ou unha humanidade inertes e pasivas
non terían senso ningún. Iso significaría que Deus se negaría a si mesmo ó se
expresar no mundo e en nós.
É
algo semellante a cando, por exemplo, os pais dan vida ós seus fillos. Á
maneira do Deus que os creou, co amor que mutuamente se teñen, colaboran na creación
dun mundo humano, vivo e activo. Pois ¿que son os fillos, por pequerrechos que
sexan, senón un impulso de vida, de actividade que se vai multiplicando cada
vez máis? Os pais son os primeiros sorprendidos pola incríbel vitalidade dos
seus fillos.
Neste
sentido, a parábola dos diferentes talentos de que dispoñemos as persoas hai
que situala no contexto destas diferenzas. Cada un de nós recibe de Deus, a
través da propia bioloxía e do particular contexto social, dons distintos.
Mais
o que verdadeiramente importa é que cada un de nós poña ó servizo dos demais os
dons que Deus lle deu. Porque, como ben sabemos, Deus non precisa estritamente dos
nosos servizos. El é en si mesmo absolutamente autosuficiente. Si os precisan,
en cambio, cantos máis preto ou máis lonxe de nós teñen algunha relación
connosco. Unha vez máis, a medida ou a tradución máis correcta e exacta do noso
suposto amor a Deus é o amor que teñamos ós demais.
Na
parábola non quedan ben os preguiceiros, os que non se preocupan por se converter
en axuda e apoio dos que están ó seu lado. O mundo funcionaría sen dúbida moito
mellor se cada un pensase máis nos outros ca en si mesmo. Esta é a verdadeira
actividade que se nos pide que exerzamos cos talentos recibidos. Porque só nos
foron dados para os facer frutificar poñéndoos ó servizo dos demais.
Dicíame
hai xa algún tempo un bo amigo tras el publicar o seu primeiro libriño nos
comezos da súa actividade docente universitaria: “Renunciei ós dereitos de
autor e todo o que recade irá parar a unha ONG coa que colaboro, que se dedica
a proxectos de xustiza social (especialmente na súa vertente educativa) en
América Latina, África, Asia e tamén en zonas pobres do noso país... A partir
de agora, tódolos meus libros, sexan literarios ou académicos, irán (en todo ou
en parte) dedicados a diversas ONG ou Fundacións... Cada día fago o esforzo
consciente de seguir tendo claro que a miña vocación é a que é. Non é ser un
‘profesional da ensinanza’, senón unha persoa que constrúe mundo desde a tarima
dunha universidade. Descubrín que ese é o meu lugar, e non outro, e esfórzome
niso”.
Isto
vén sendo -engado eu xa agora- unha das moitas maneiras de cumprirmos nos nosos
tempos o mandado evanxélico de pór os propios talentos ó servizo dos máis
necesitados. É o mesmo que facía aquela “muller forte” dos tempos antigos, ben
loada no libro dos Proverbios da Primeira Lectura pola súa laboriosidade e pola
súa xenerosidade cos necesitados: “Bota as mans á roca e os seus dedos manexan
o fuso. Tende a palma ó indixente e achega as súas mans ó mendigo”.
Finalmente,
como por outra parte celebramos neste domingo a “Xornada Mundial dos Pobres”,
que o papa Francisco botou a andar hai algúns anos e sabemos ben que moitos son
pobres xustamente por non dispoñeren de posibilidades de traballo, teñámolos
hoxe especialmente presentes na nosa oración e no noso interese por eles,
lembrando aquilo que nalgún momento dixo o mesmo papa Francisco: “Cómo me
gustaría unha Igrexa pobre e para os pobres!”.
Manuel Cabada Castro
Comentarios
Publicar un comentario