FICHA E LECTIO + ORACIONAL GALEGO: DOMINGO XXXIV DE ORDINARIO A XTO. REI
FICHAS ANTERIORES:
Rei
doutra caste
(20.
XI. 2023)
Con esta celebración remata o
ano litúrxico, antes de que comece o novo no próximo domingo, co inicio do
Advento. Trátase dunha festa universalizadora: Xesús, Rei do universo. Rei de
toda a creación, desde a máis humilde partícula da materia ata os cumios máis
altos do espírito.
A realeza cómprelle a Xesús
por el ser a verdadeira “imaxe do Deus invisible” (como se nos di na carta ós
Colosenses). Nel amósase toda a plenitude do poder e da grandeza do Pai Deus, Pai
tamén noso grazas ó gratuíto don de concedérsenos ser fillos do mesmo Pai de
Xesús. “Todo –dinos Paulo- foi creado por El e para El”. É dicir, por Xesús e
para Xesús.
Por iso, en momentos cruciais
da súa vida (preto, por exemplo, da súa morte violenta), Xesús afirmará a súa
realeza ante Pilato que lle pregunta sobre ela. “Eu son Rei –respóndelle
Xesús-. Para isto nacín e para isto vin ó mundo, para ser testemuña da
verdade”. E incluso o título de “rei” figurará no letreiro sobre a cruz na que
foi crucificado: “Xesús Nazareno, rei dos xudeus”. Un título que os xudeus
rexeitaban, pois para eles era iso xustamente aquilo do que o acusaban, mais
que se converteu coa súa morte e resurrección en título universal: rei, non só
dos xudeus, senón de toda a humanidade, de todo o universo.
Naturalmente, a súa realeza é
moi distinta das realezas humanas. Por iso non lle compracía que, aínda séndoo
en realidade, o considerasen rei ou o tratasen como tal. Fuxía, como sabemos,
de calquera pretensión popular de o proclamaren rei. A súa mensaxe era, polo
contrario, a dunha fraternidade universal, alicerzada non no poder (tal como
fan os reis da terra), senón no servizo. Velaquí as súas inmorredoiras palabras:
“Sabedes que os que figuran como xefes das nacións as asoballan e lles impoñen
a súa autoridade. Non ha ser así entre vós. Ó contrario, entre vós o que queira
facerse grande ha ser servidor voso, e o que queira ser primeiro ha ser servo
de todos; porque tampouco o Fillo do Home veu para que o sirvan, senón para
servir e para dar a súa vida en rescate por todos”.
Por iso ante o aparente
absoluto fracaso da súa misión nas horas previas á súa crucifixión ignominiosa,
clarifica unha vez máis o sentido do seu reino así: “O meu reino non é deste
mundo. Se o meu reino fose deste mundo, os meus oficiais terían loitado para
que non fose entregado ós xudeus. Mais o meu reino non é de aquí”.
Neste senso, o prefacio da
eucaristía de hoxe descríbenos o seu reino con estas palabras: “reino de
verdade e de vida, reino de santidade e de graza, reino de xustiza, de amor e
de paz”. El foi así rei vital, rei santo, rei amoroso e pacífico desde o berce
do Nadal ata a cruz do venres santo. Os reis magos preguntaban xa en Xerusalén
polo “rei dos xudeus” que acababa de nacer. E este título acompañarao ata a súa
morte. Un rei, polo tanto, distinto, que nace entre pobres e que morre entre
dous axustizados. E, porén, é verdadeiro rei, tal como ben o saben representar
certas imaxes románicas de Cristo crucificado coa coroa de rei sobre a súa
cabeza.
Os reis actuais non dispoñen
xa, polo menos nas nosas democracias occidentais, do seu antigo poder. De aquí
vén aquilo de que “o rei reina, mais non goberna”. Con todo, de Xesús podemos
dicir con verdade non só que é rei e que “reina”, senón que tamén “goberna”,
aínda que de xeito moi distinto, claro está, que os gobernantes deste mundo. Pola
forza do seu Espírito -o Espírito Santo que nos mandou en Pentecoste- é el, si,
“distinto” dos demais reis, mais non “distante”, porque por medio del habita no
máis íntimo de nós mesmos, axudándonos, fortalecéndonos, consolándonos,
amándonos. E isto si que é verdadeiro, fondo e íntimo “goberno”, un goberno
baseado non no poder ameazador, senón na suavidade dese seu amor que se nos
manifesta no máis íntimo das nosa conciencias.
Por iso -a diferenza dos reis
dos que se di que “reinan mais non gobernan” e que están por dicilo así
recluídos nos seus pazos reais- o Xesús Cristo, Rei do universo, “goberna” realmente
a nosa existencia toda, participa intimamente da nosa vida, facéndonos tamén
polo tanto a cada un de nós partícipes da súa propia vida. Hai entre nós e el
unha verdadeira comuñón, que é vida, experiencia, consolo e fraternidade con cantos
nos atopemos na vida.
Con este Rei próximo, amigo e
irmán, podemos polo tanto tamén falar. Así o fixo o chamado “bo ladrón” –tal
como se nos di no relato de Lucas do evanxeo de hoxe- cando ámbolos dous
sufrían en carne viva a tortura da cruz antes de finaren: “Lémbrate de min
cando chegues ó teu reino”.
O Xesús Rei, amigo e irmán,
non só lle promete ó seu compañeiro de dores unha “lembranza”, senón que lle
promete e lle dá –e ademais “hoxe” mesmo- o paraíso de seu Reino, o Reino dos
Ceos: “Hoxe estarás comigo no Paraíso”.
Fermosa e conmovedora escena
esta na que o Xesús sufrinte non deixa de exercer e practicar cos demais a
“misericordia” ata o derradeiro intre da súa vida sen se ocupar das súas propias
dores. Bela, conmovedora e reveladora escena. Pois nela manifesta el a súa
verdadeira face rexia. El é verdadeiro Rei porque exerce a bondade e a
misericordia con todos, rexeitando ata o mesmo intre da súa inxusta morte toda
forma de violencia.
Un Rei así non podemos menos
de querelo e desexalo. Estamos chamados, coa forza do Espírito de Xesús, a
construírmos con el un tal reino.
Manuel Cabada Castro
Comentarios
Publicar un comentario