FICHA E LECTIO + ORACIONAL GALEGO: DOMINGO XXXII DE ORDINARIO A
FICHAS ANTERIORES:
Iluminados e iluminando
12 novembro 2023
Unha
vez recibín dun amigo un chiste de Forges (hai varios anos que finou). Quizais
saibades que, aínda que o caricaturista naceu en Madrid, o seu pai era galego e
apelidábase Fraguas (aínda que o fillo cambiou despois Fraguas por Forges). Na caricatura
estaban representados os pais duns rapaces e mais estes. O pai lía nun xornal
de gran formato, a nai manexaba os mandos da tele e os rapaces entraban con
ademán decidido onda eles e dicíanlles: “Acabamos de tirar a tele e mailo ordenador
ó patio. Isto é unha revolución. Esiximos que nos contedes contos... e cousas.
Iso”...
Volvendo
ó noso. Falábase antes con frecuencia da Biblia, do Antigo e do Novo Testamento,
como dunha “Historia Sagrada”. No Novo Testamento, como ben sabemos, Xesús fala
en parábolas, en “contos” poderiamos dicir, que conteñen grandes verdades. Non
só os rapaces, para poderen durmir, fecundar a súa imaxinación e saber
orientarse na vida, todos precisamos que nos conten historias ben artelladas e
que conteñan importantes verdades. Por iso as boas novelas teñen tantos
lectores.
Os
xornais, en cambio, mais sobre todo a tele e outros medios métennos, non poucas
veces, tantas cousas na cabeza e na imaxinación que, no canto de nos serviren para
orientármonos e formármonos axeitadamente, o que non poucas veces fan é
manipularnos e utilizarnos para os particulares intereses políticos ou
económicos dos que os dirixen.
A
“historia sagrada” ou o “conto” do Novo Testamento que se nos refire hoxe é o das
dez mociñas que agardan a entraren na sala de vodas cando cheguen os noivos. Preséntasenos
unha vez máis o reino de Deus como un encontro festivo e un ledo xantar de
parentes e amigos. O reino de Deus é descrito así como o conxunto dunha humanidade
que celebra festivamente a irmandade mutua entre os seus membros e con Deus.
O
tema da luz é tamén importante. Xa se nos dixera en varias ocasións que Xesús
era “a luz do mundo”. Mais, como consecuencia disto, tamén: “Vós sodes a luz do
mundo”. Alí, pois, onde está Deus, alí hai luz e claridade. Mais tamén onde
queira que esteamos deberiamos converternos en luz para nós mesmos e para os
demais. A luz crea calor e constrúe espazos novos e abertos para podermos camiñar
con seguridade e tranquilidade.
As
cinco mozas atoladas das que nos fala o “conto”, a parábola, non se preocuparon
moito de seren luz para si mesmas ou quizais tamén para os demais. Ese foi o
seu erro.
Lembro
ben cando eu era aínda un rapaz nunha cativa parroquia da pontevedresa Terra de
Montes. Cando anoitecía, ó principio, ademais do lume da lareira había algunha
candea acendida, ou un candil de aceite (semellante seguramente ós candís das
virxes do evanxeo) e despois ás veces un candil de carburo. Nos anos corenta a
meu pai ocorréuselle facer alá abaixo no río un cativo e familiar muíño no que
tamén había unha dínamo que producía algo de corrente continua para así
podermos ter luz eléctrica na nosa casa e nalgunhas casas veciñas. “Ide botar a
luz”, dicíanos. E subiamos ó piso alto da casa para erguermos pouco a pouco unha
panca que por medio dun arame movía alá abaixo no río un dispositivo que daba
entrada a auga para producir luz. A luz da lámpada que estaba enriba da miña
cabeza era primeiro de cor vermella e tornábase despois xa máis clara e branca.
Eu tiña a impresión de ser o creador da luz. Mais non. Eu só poñía os medios
para que a forza da auga do río se convertese onda min en lámpada para
escorrentar a escuridade.
Si.
Temos que nos esforzar en amarmos a luz e en sermos, en canto poidamos, luz tamén
para cantos estean connosco. Mais luz verdadeira e primordial non hai, en definitiva,
máis ca unha. Unha luz que para nós, os crentes na boa nova de Xesús, é este en
canto manifestación resplandecente do Pai-Deus, que ilumina, como se nos di tamén
noutro texto do Novo Testamento, “a todo home que vén a este mundo”.
O
texto do evanxeo pode, se cadra, deixarnos un pouco de angustia polas cinco mociñas
que se durmiron e non estaban a punto cando chegou o noivo. Quizais por iso, cando
estamos aínda relativamente preto do día no que nos lembrabamos dos nosos
defuntos, tráenos Paulo unhas palabras tranquilizadoras na súa carta ó
Tesalonicenses. “Non queremos –dísenos alí- que esteades desinformados acerca dos
mortos, para que non vos agoniedes coma os outros, os que non teñen esperanza. Porque,
se cremos que Xesús morreu e que resucitou, do mesmo xeito Deus, por medio de
Xesús, levará con El os que xa morreron”.
Él
é, pois, e serao sempre, “Salvador”, como o seu mesmo nome hebreo significa.
Mais para que tal “salvación” se realice en todos e cada un de nós, temos que
procurar achegarnos a quen é luz e calor, con fe e confianza. O noso Salvador
non perde nada da súa luz ó compartila connosco. Pola nosa parte, tampouco nós
perdemos nada da luz recibida ó compartila cos demais.
Este
poñérmonos en contacto con Deus, Luz do mundo, realizámolo dunha maneira formal
e comunitaria na celebración eucarística. Mais tamén cando nos dirixamos a Deus
na oración ou nos poñamos ó servizo dos demais, cumprindo así ese segundo mandamento
que é “semellante ó primeiro”. Así, deste dobre e unitario modo, amando a Deus
e os nosos próximos, é como iremos recargando unha e outra vez as nosas pilas
para sermos de verdade, nós tamén, “luz do mundo”, luz para os demais.
Mellor
sermos pequenos soles. Mais tamén a lúa, aínda ser ter luz propia, pode
iluminar os pasos dos camiñantes cando o sol se retirou a descansar.
Manuel Cabada Castro
Comentarios
Publicar un comentario