FICHA E LECTIO: Domingo XXVII de Ordinario B
FICHAS ANTERIORES: FICHA 1 / FICHA 2
Nenos que fan de mestres
(3.X.21)
A
“boa nova”, a “boa noticia” de Xesús -palabras que traducen a expresión de
orixe grega “evanxeo”- ten como o seu centro ou estrutura interna unha fermosa
palabra que utilizamos con frecuencia e que ás veces sabemos tamén manipular en
moi diversos sentidos. É a palabra “amor”. Trátase basicamente do amor que se
nos anuncia de Deus, como Pai, a toda a creación e de maneira especial a
tódolos seres humanos, fillos seus en canto irmás e irmáns de Xesús, o fillo
“benquerido” de Deus.
Fálasenos
nas Lecturas do amor matrimonial, do amor ós fillos, ós pequenos, do amor que
se rompe e se adultera... Temas moi amplos, fondos, mais xustamente por iso fundamentais.
O
amor é unha realidade e unha experiencia complexa, persoal e comunitaria,
íntima e social, que resulta en calquera caso decisiva por ameazada que sempre estea
polos desencontros persoais e polos conflitos sociais.
Agora
ben, se Deus se define a si mesmo como Amor, entón a realidade, que vén del,
non pode ser entendida axeitadamente se non se lle dá unha importancia fundamental
ó amor.
Sen
a unión e o amor entre home e muller no podería existir a humanidade. Non
existirían fillos, nin sociedade, nin futuro. A historia remataría e con ela a
humanidade mesma. Mais é Deus mesmo quen quere que o mundo siga, que a
humanidade avance cara ó seu futuro, aínda que pola nosa parte non poidamos
saber nin sequera sospeitar que formas adoptará esa futura humanidade. Se nos
poucos anos que os máis maiores levamos vivido puidemos ver e experimentar
tantas cousas que de cativos nin sequera podiamos maxinar, ¡qué non será nos
anos e séculos que veñan despois de nós!
O
coñecido e famoso teólogo Karl Rahner, do que fun primeiro alumno de teoloxía en
Innsbruck durante catro anos e co que despois realicei a miña tese de
doutoramento en filosofía durante outros dous anos na universidade de en Múnic,
definía a Deus como “o futuro absoluto”. Pois ben, se nós fomos feitos,
creados, por ese Deus que é “futuro absoluto”, entón non pode ser nada estraño
que levemos tamén no interior de nós mesmos a semente do futuro. Por iso se dan
en nós unhas fortes pulsións biolóxicas e psicolóxicas para que, como se nos di
no texto do evanxeo, “deixe o home seu pai e mais súa nai e se una coa súa
muller, converténdose así os dous nunha soa carne”.
Ser
unha soa carne vén sendo case o mesmo que ser “unha soa persoa”: ter uns mesmos
sentimentos, entenderse e comprenderse ben; en definitiva, amarse. Trátase da
fermosa tarefa de, sendo diferentes, amarse mutuamente tanto que non pareza
senón que alí non hai máis ca unha soa persoa. É algo semellante ó que ocorre
no interior do noso Deus cristián. Se Deus é amor -tal como se nos di no
evanxeo de Xoán-, amor mutuo e infinito entre Pai, Fillo e Espírito Santo, iso
quere dicir que hai tamén en Deus un amor tan grande e fondo que non se pode
falar máis que dun só e único Deus. As tres persoas divinas son así tamén, coma
quen di, “unha soa carne”.
Xesús
considera sagrado e inseparábel o amor mutuo que se constitúe no matrimonio.
Porque é iso o que responde ós designios de Deus. Un Deus, Pai de Xesús e de
todos nós, que quere o noso futuro, o futuro da humanidade. Un futuro, ademais,
feliz. Porque ben sabemos que o futuro está aí para nos dar posibilidades de
plenitude e felicidade.
A
felicidade que, amándose mutuamente, atopan home e muller acrecéntase coa
felicidade que lles dan os fillos. Porque nos fillos están vendo os pais
directamente, en certo modo, o seu propio futuro. O futuro que eles mesmos
xeraron e produciron. Sen futuro tampouco se pode vivir. E os fillos están aí
para lles dicir ós seus pais que hai futuro, que hai vida, que hai alegría.
Por
iso Xesús amaba, quería e apreciaba tanto os pequenos, os rapaces. Eses seres
humanos que desgraciadamente, igual cás mulleres, eran pouco estimados e
apreciados no tempo de Xesús. Por iso era case normal que tanto elas como eles
recibisen reprimendas de parte dos discípulos de Xesús cando elas ou eles
querían achegarse a el. Marcos cóntanos que os discípulos lles “rifaban” ás
nais e ós nenos por intentaren achegarse a Xesús. Mais Xesús tomou moi a mal
esta actitude prohibitiva dos seus discípulos. “Indignouse” cos seus
discípulos, dinos ben claramente Marcos, pra nos informar seguidamente sobre
que Xesús non deixaba de abrazalos, de bendicilos e de impoñerlles as mans
sobre a súa cabeciña. Mágoa que non houbese daquela cámaras ou móbiles que nos
puidesen inmortalizar tales escenas pra que as puidésemos ollar con abraio os
que viriamos despois!...
Quédannos,
polo menos, documentadas por Marcos as palabras case incríbeis que Xesús
pronunciou daquela e que seguramente deixarían apampados ós seus discípulos.
Palabras que en Xesús ían acompañadas polos feitos, pola súa actitude amorosa
cos pequenos. Lembrémolas: “Deixade que os nenos se acheguen a min; non llelo
impidades, porque deles é o Reino de Deus. Dígovolo de verdade: Quen non reciba
como un neno o Reino de Deus, non entrará nel”.
Isto
quere dicir que os nenos, os rapaces, deberían ser os nosos mestres. Porque
eles son os que nos ensinan a recibirmos o Reino de Deus. Eles son os que nos
aprenden a termos confianza con Deus Pai como eles a teñen con seus pais. Eles
son os que nos aprenden a vivirmos a vida con alegría, con liberdade e con
entusiasmo, porque saben ou esperan que alí haberá sempre alguén que coide
deles e que os ame.
Por
iso é tan importante, nas familias, que pais e avós lles proporcionen amor ós
seus fillos e netos. Todo ó revés daquilo que dicía o rigoroso filósofo Kant.
Pois cómpre escoitar algunha vez o que chegou a escribir de maneira tan errónea
tan afamado pensador: "Pódese afirmar –dinos
el- con verdade que se educan moito peor os fillos da xente vulgar que os da
xente distinguida. Porque a xente vulgar xoga cos nenos, coma os monos.
Cántanlles cancións, aloumíñannos, bícannos, bailan con eles. Pensan que lles
fan ben ó neno cando, tan pronto como chora, corren cara a el e xogan con el,
etc.”.
Calquera psicólogo ou
antropólogo dos nosos días tería que suspender hoxe a Kant se lle ocorrese
escribir iso nun exame. En realidade, el era nisto un produto dunha época na
que os intelectuais sabían aínda moi pouco da importancia do amor, baseando
eles equivocadamente o comportamento moral no “deber”, na obediencia ás ordes e
ós mandatos.
En calquera caso, coido que pola nosa parte estamos xa ben informados de que o amor é a clave, a chave, de todo. Por algo Deus Pai decidiu manifestársenos en Xesús como amor.
Manuel Cabada Castro
Comentarios
Publicar un comentario