DOMINGO XXIV ORDINARIO
Primeira Lectura Is 50, 5-9a
Ofrecinlles o meu
lombo aos que me ferían
LECTURA DO LIBRO DO
PROFETA ISAÍAS
O Señor abriu o meu oído,
e eu non me rebelei, non me botei para atrás.
Ofrecinlles o lombo aos que me azoutaban,
e a miña cara aos que me arrincaban a barba.
Non escondín a miña cara dos insultos e das cuspiñadas.
Pero o Señor axudarame,
por isto non me sinto avergonzado, e poño a miña cara coma un diamante,
pois sei que non me avergonzarei.
O que defende a miña causa está cerca.
Quen litigará comigo cando comparezamos ante a comunidade?
Quen traballa a miña xusta sentenza está detrás de min.
O Señor axudarame, quen será o que me declare culpable?
Palabra do Señor R.:
Grazas a Deus
SALMO
RESPONSORIAL Sal 114, 1-2. 3-4. 5-6.
8-9
R.: (9)Camiñarei na
presenza do Señor na terra da vida.
Ou:Aleluia.
Amo o Señor porque escoita
a miña voz suplicante,
porque achega a min o seu oído
no día en que o invoco.
Envolvíanme lazos de morte
atrapáranme as redes do abismo,
atopeime en apuro e aflición.
Invoquei o nome do Señor:
“Señor, sálvame a vida!”.
O Señor é xusto e clemente,
o noso Deus é compasivo.
O Señor garda os humildes,
na miña debilidade hame socorrer.
El librou da morte a miña vida,
das bágoas os meus ollos,
da caída os meus pés.
Camiñarei na presenza do Señor
na terra da vida.
Segunda Lectura Sant 2, 14-18
Se a fe non frutifica
en obras, está morta.
LECTURA DA CARTA DO
APÓSTOLO SANTIAGO
Irmáns benqueridos:
Que proveito lle trae a un dicir que ten fe, se non ten feitos? Acaso o poderá salvar esa fe?
Se un irmán ou unha irmá andan espidos e necesitados do pan de cada día e vai un de vós e dilles: “Ídevos en paz, quentádevos e fartádevos”, pero non lles dá aquilo que lle cómpre ao seu corpo, que proveito levan?
Pois o mesmiño pasa coa fe; se non ten feitos, leva a morte na súa cerna.
Pode dicir alguén: “Ti tes a fe, eu teño os feitos”.
— Amósame a túa fe sen feitos que eu polos feitos heiche de amosar a miña fe.
Palabra do Señor R.:
Grazas a Deus
ALELUIA Gál 6, 14
Se non se canta,
pódese omitir.
Aleluia, aleluia.
Lonxe de min gloriarme se non é na cruz do Señor,
por quen o mundo está crucificado para min e eu para o mundo.
Aleluia.
Evanxeo Mc 8, 27-35
Ti es o Cristo... É
preciso que o Fillo do Home padeza moito
LECTURA DO SANTO
EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Naquel tempo, ía Xesús cos seus discípulos cara ás aldeas de Cesarea de Filipoe, polo camiño, preguntoulles:
— Quen di a xente que son eu?
Eles responderon:
— Uns que Xoán Bautista, outros que Elías e outros que algún dos profetas.
El preguntoulles a eles:
— E vós, quen dicides que son?
Respondeu Simón Pedro:
— Ti es o Mesías.
E prohibiulles dicirlle nada a ninguén.
Entón, empezou a adoutrinalos dicíndolles:
— O Fillo do Home ten que padecer moito e ser rexeitado polos sumos sacerdotes e polos letrados e ser axustizadoe, despois de tres días, ha de resucitar.
E dicíao con toda claridade.
Entón, Pedro levouno consigo e empezou a rifarlle. Pero Xesús deu a volta e, mirando cara aos seus discípulos, reprendeu a Pedro:
— Camiña detrás de min, Satanás, que ti non consideras as miras de Deus, senón as dos homes.
E chamou a xente onda os seus discípulos e díxolles a todos:
— Se alguén quere vir detrás de min, que renuncie a si mesmo, que cargue coa súa cruz e que me siga. Pois o que queira poñer a salvo a súa vida perderaa, pero quen perda a súa vida pola miña causa e pola do Evanxeo, ese poñeraa a salvo.
Palabra do Señor R.:
Loámoste, Cristo
Comentarios
Publicar un comentario