FICHA E LECTIO: Domingo XXVI de Ordinario B
FICHAS ANTERIORES: FICHA 1
LECTIO:
Un Deus amplo e xeneroso
(26 de setembro de 2021)
Nas
Lecturas de hoxe vese moi ben a relación que hai entre a primeira parte do texto
do evanxeo e a lectura do Antigo Testamento. Farei uns breves comentarios. Son
mensaxes antigas, mais que non deixan de ter actualidade. Pois o bo non perde valor
co paso do tempo.
Cóntasenos,
pois, no Libro dos Números do Antigo Testamento que Moisés tiña un grupo
selecto de setenta anciáns. Eran anciáns, uns pola súa idade unida ó saber,
outros érano non tanto pola súa idade canto pola súa sabedoría e bo xuízo.
Moisés valíase deles para tomar certas decisións e dirixir así axeitadamente o
pobo. Baixo a súa autoridade estaba quen sería o seu sucesor e que de momento
atendía sobre todo á defensa do pobo fronte a posíbeis agresións exteriores.
Chamábase Xosué. Pois ben, cóntasenos que un par de persoas, que non pertencían
estritamente ó Consello dos Anciáns, se puxeron pola súa conta a “profetizar”,
é dicir, a animar relixiosamente o pobo. Poderíase pensar que operaban en certo
modo algo así como “francotiradores”, naturalmente a favor do pobo e coas
mellores intencións do mundo. Eles, pola súa parte, sabíanse movidos polo
Espírito de Deus. E ben sabemos que o Espírito é xeneroso, amplo, infinito,
super-infinito...
Mais
no seo dunha sociedade fortemente xerarquizada coma aquela, os fetos resultaban
algo estraños e quizais por iso un rapaz vailles contar ós xefes, ós responsábeis
xerárquicos, o que estaba a pasar. Xosué enrabéchase contra Eldad e Medad (así
se chamaban os dous entusiastas animadores relixiosos) e insta Moisés a que os
reduza de novo ó seu posto de simples subordinados. Mais Moisés tiña
seguramente máis trato con Deus e máis experiencia da súa grandeza e amplitude
de miras ca Xosué. Sabía que Deus era superior a unhas persoas concretas ou a
un grupo humano determinado e que Deus era infinitamente meirande có mundo e cá
humanidade toda. Era consciente de que o seu Espírito enchía a realidade toda e
sopraba como quere e cando quere a través de milleiros e milleiros de
acontecementos e por medio das máis diversas persoas, por insignificantes que
estas puideran parecer.
En
consecuencia, Moisés non se deixa levar polo ímpeto xerárquico e excluínte de
Xosué e respóndelle desta fermosa maneira: “¡Quen dera que todo o pobo do Señor
fosen profetas, e que o Señor lles dese o seu espírito!”.
A
verdade é que sería fermoso que entre nós xurdise xente que se animara tamén a
imitar dalgunha maneira os voluntariosos Eldad e Medad na súa sinxeleza e
afouteza, comunicando ós demais as súas experiencias relixiosas, os seus
desexos, a súa concreta vivencia cristiá. Pois formarmos entre nós unha
comunidade cristiá significa que somos un grupo de irmás e irmáns que nos
sentimos movidos por unha común fe en Deus, Pai de todos, e en Xesús, o seu
fillo benquerido e irmán noso. Canto máis espírito fraternal e de mutua
acollida e colaboración teñamos, tanto mellor.
Xa
desde un punto de vista simplemente organizativo e de eficacia funcional, as
cousas van normalmente mellor en calquera empresa humana canto máis implicación
e corresponsabilidade exista. Lembro que, sendo eu aínda ben mozo, se me quedou
moi gravada unha frase do sucesor na dirección dunha famosa Congregación
Mariana de Cuba, considerada modélica naqueles tempos. O fundador desta
Congregación denominada “Agrupación Católica Universitaria” era un xesuíta que
se chamaba Filipe Rey de Castro. Polo seu segundo apelido era curmán de miña
nai e estase agora intentando iniciar o seu proceso de beatificación. Pois ben,
trala súa morte repentina a mediados do século pasado, contábame o seu sucesor
que el lle dixera unha vez, ante a complexidade das actividades que se
desenvolvían nesa Agrupación, o seguinte: “Este
tipo de obras ou se levan co dedo maimiño ou non hai maneira de levalas”. É
dicir, hai que saber confiar nos demais e delegar responsabilidades e
actividades noutros. A carga lévase así mellor. E ben sabemos que Deus non
escatima en espallar os seus dons, o seu Espírito, entre cantas e cantos estean
dispostos a os acoller.
Moisés
sentíase, pois, feliz coa axuda espontánea e entusiasta dos que semellaban ser
simples e indisciplinados “francotiradores”.
En
realidade, o exemplo de Moisés reviviría moito despois en certo modo en Xoán
Bautista, cando este se sentía feliz ó ver que Xesús, a quen el bautizara, era
agora quen atraía as multitudes e ía formando e reunindo pola súa conta
apóstolos e discípulos. “Cómpre –non tiña reparo en proclamar o Bautista- que
el medre e que eu diminúa”.
Se
Moisés ou Xoán Bautista tiñan, pois, esta amplitude de miras, esta conciencia
da grandeza do Deus que se comunica a cantos queren acollelo, en Xesús esta
actitude estaba nel ben viva e presente. Pois el, como fillo benquerido, posúe
experiencia directa e íntima, non limitada ou recortada, da grandeza de Deus
Pai. El sabe, xa que logo, da súa infinita bondade e xenerosidade, que se quere
comunicar a todos.
Neste
sentido, podemos entender ben a súa reacción ante o que o seu apóstolo Xoán lle
comunica de que hai un que profetiza e que bota demos no seu nome sen que
pertenza ó grupo dos apóstolos e discípulos e sen ter, polo tanto -segundo
pensa Xoán-, dereito a facelo. Con este modo de pensar semella ser Xoán, alomenos
nesta ocasión, continuador da censurábel actitude de Xosué no Antigo
Testamento. Así como Moisés non conxeniara coa actitude de quen sería o seu
sucesor como guieiro do pobo de Israel, así tampouco podía aprobar Xesús o excluínte
celo de Xoán. As palabras coas que Xesús o corrixe reafirman en realidade a
maneira de ver as cousas, ampla e xenerosa, de Moisés. Pois Xesús replicaralle a
Xoán, efectivamente e con toda claridade: “Quen non está contra nós, está
connosco”.
Para
rematar, aludo brevemente aínda ó P. Seixas, para que o eco da súa voz nesta
igrexa non desapareza. Pois moito dese espírito amplo e xeneroso alentaba tamén
nel cando dicía aquelas palabras que poden servir como resumo do seu modo de
pensar e de actuar aquí en Vigo, mais tamén noutros lugares por onde andou:
“Este é o meu programa: para min todos son irmáns, de calquera relixión, raza
ou posición económica”. É a frase que figura na estela de pedra que se ergue no
seu honor na rúa “Padre Seixas” desta nosa cidade. Trátase, como vedes, dun
sinxelo e clarividente programa, verdadeiramente cristián, pois está ben en
liña coa grandiosa visión fraternal e universal do evanxeo.
Manuel
Cabada Castro
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/26-tempo-ordinario-b-marcos-938-43-45-47-48-3/
Comentarios
Publicar un comentario