DOMINGO XXVI ORDINARIO - ciclo B
Primeira Lectura Núm. 11, 25-29
Tes celos por min? Quen dera que todo o pobo do Señor fose profeta!
LECTURA DO LIBRO DOS NÚMEROS
Naqueles días, descendeu o Señor nunha nube e faloulle a Moisés; despois, tomou do espírito que había nel e infundíullelo aos setenta anciáns. En canto o espírito repousou sobre eles, puxéronse a profetizar; pero nunca máis o volveron facer.
Quedaran no campamento dous homes, un deles chamado Eldad e o outro Medad. O espírito repousou tamén sobre eles, pois figuraban entre os inscritos, aínda que non saíran para a Tenda, e profetizaron no campamento. Un rapaz correu a comunicarllo a Moisés, dicindo: “Eldad e Medad profetizan no campamento!”. Entón Xosué, fillo de Nun, ministro de Moisés, escolleito por el, díxolle:
— Meu Señor, Moisés, prohíbellelo!
Mais Moisés respondeulle:
- Tes celos por min? Quen dera que todo o pobo do Señor fose profeta e que o Señor lle dese o seu espírito!
Palabra do Señor R.: Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 18, 8. 10. 12-13. 14
R.: (9a)Os mandatos do Señor son rectos, aledan o corazón.
A Lei do Señor é perfecta,
reconforta a alma;
a declaración do Señor é firme,
fai sabioo inxenuo.
A vontade do Señor é pura,
permanece por sempre;
as decisións do Señor son verdadeiras,
enteiramente xustas.
Aínda que o teu servo os quere cumprir
e pon coidado en gardalos,
quen se decata dos erros?
Límpame ti de canto se me esquece.
Preserva o teu servo da soberbia,
para que non me domine.
Entón serei perfecto,
limpo de pecados graves.
Segunda Lectura Sant 5, 1-6
As vosas riquezas podreceron
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SANTIAGO
E vós, os ricos, chorade e berrade polas desgrazas que van vir enriba de vós. A vosa riqueza está podrecida, a vosa roupa chea de couza, o voso ouro e a vosa prata enferruxados e a mesma ferruxe será testemuño en contra vosa e, coma se for lume, comerá as vosas carnes. Estades atesourando na fin dos tempos!
Atención! O xornal que non lles pagastes aos obreiros que vos fixeron a seitura está clamando e o seu berro chega aos oídos do Señor dos Exércitos.
Vivistes na terra cheos de fartura e cebastes os vosos corazóns nos praceres para o día da matanza.
Condenastes o xusto e matástelo sen que el vos fixese fronte.
Palabra do Señor R.: Grazas a Deus
ALELUIA Cf. Xn 17, 17b. a
Se non se canta, pódese omitir
Aleluia, aleluia.
A túa palabra, Señor, é verdade;
santifícanos na verdade.
Aleluia.
Evanxeo Mc 9, 38-43. 45. 47-48
Quen non está contra nós está connosco. Se a túa man te escandaliza, córtaa
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Naquel tempo, díxolle Xoán a Xesús:
— Vimos un que botaba demos no teu nome e quixémosllo privar porque non é dos nosos.
Xesús contestoulle:
— Pois non llo privedes, porque ninguén que faga milagres no meu nome fala despois mal de min. O que non está contra nós está connosco. Ademais, todo aquel que vos dea un vaso de auga por serdes seguidores de Cristo, tende por seguro que non quedará sen recompensa.
E a quen escandalice un destes pequeniños que cren en min éralle mellor que lle colgasen do pescozo unha pedra de muíñoe o largasenao mar.
E, se a túa man te fai caer, córtaa; máis che vale entrar toco na vida que ir parar coas dúas mansao inferno, no lume que nunca se apaga. E se o teu pé te fai caer, córtao; mellor será que entres coxo na vida, que ir dar cos dous pés no inferno. E se o teu ollo te fai caer, arríncao; máis che vale entrar cego no Reino de Deus e non que te boten cos dous ollos no inferno, onde o verme non morre nin o lume se apaga.
Palabra do Señor R.: Loámoste, Cristo
Comentarios
Publicar un comentario