Oracional Galego en Spotify 

+
Enlace orixinal Oracional iVoox



LECTIO:

                                                   Facer produtivo o capital

                                   Domingo XXXIII Ordinario-15 novembro 2026

 

         Outra parábola, a de hoxe, para aprendernos a ser axentes activos na creación. Non debemos esquecer que o Deus creador, cando crea iso que chamamos o mundo (e nós con el), fai reflectir nel e en nós o que El mesmo desde sempre é. Pois ben, Deus é en si mesmo plenitude de vida e de amor entre Pai, Fillo e Espírito. Debido a isto, somos nós tamén activos e vitais.

         Unha materia, unha vida ou unha humanidade pasivas é algo que, desde este punto de vista,  non pode ter senso ningún. Iso significaría que Deus se negaría a si mesmo na súa realización do mundo.Trátase de algo así como cando, por exemplo, pai e nai dan vida aos seus fillos. Os pais colaboran así, á maneira de Deus, co amor que mutuamente se teñen na creación dun mundo humano, vivo e activo.

         En realidade, que son os fillos, a pouco xa de naceren, senón un impulso de vida, de actividade que se vai fortalecendo e multiplicando cada vez máis? Os propios pais son con frecuencia os primeiros sorprendidos. Mais as cousas do mundo, da natureza ou en nós mesmos son tamén todas entre si moi diferentes, aínda que teñan un mesmo estilo: o estilo divino da nosa común procedencia. É unha diferenza que reflicte tamén dalgún xeito a diferenza existente en Deus mesmo entre as persoas divinas.

         Pois ben, a parábola de Xesús dos diferentes talentos que Deus esparexe entre as persoas humanas hai que situala neste contexto das diferenzas existentes no interior da creación. Uns recibimos de Deus, a través da propia bioloxía e do contexto social en que vivimos, uns dons e outros reciben outros. Mais o que importa é que cada un de nós poña ao servizo dos demais os dons que Deus lle deu. Porque -como ben sabemos- Deus non precisa dos nosos servizos. Si os precisan, en cambio, os que máis preto ou máis lonxe conviven connosco. Unha vez máis, a tradución máis correcta e real do noso suposto amor a Deus é o amor ás nosas irmás e irmáns. Desde que Deus decidiu facerse o noso irmán maior en Xesús,.

         Para un cristián non debería haber meirande alegría ca a de poder ter ocasión de traballar polo ben dos demais, todos eles verdadeiros irmáns nosos. Xesús non deixa ben os preguiceiros, os que non se entregan ós demais. O mundo funcionaría sen dúbida mellor se cada un pensase máis nos outros que en si mesmo. Esta é a verdadeira actividade que Xesús pide que exerzamos cos nosos talentos recibidos. Porque só nos foron dados para facelos frutificar e aumentar poñéndoos ó servizo dos demais.

         Vaivos un exemplo de persoas que souberon entender esta mensaxe de Xesús. Hai xa un tempo un docente universitario amigo escribíame o seguinte trala publicación dun dos primeiros libros: “Renunciei ós dereitos de autor e todo o que recade irá parar á ONG coa que colaboro e que se dedica a proxectos de xustiza social (especialmente na súa vertente educativa) en América Latina, África, Asia e tamén en zonas pobres do noso país. É dicir, eu non me levo nada coa venda [...]De feito, decidín publicalo con esa intención [...] A partir de agora, tódolos meus libros, sexan literarios ou académicos, irán (en todo ou en parte) dedicados a diversas ONG ou Fundacións... Son profesor desde hai oito anos e cada día fago o esforzo consciente de seguir tendo claro que a miña vocación é a que é. Non é ser un ‘profesional da ensinanza’, senón ser unha persoa que constrúe mundo desde a tarima dunha universidade. Descubrín que ese é o meu lugar, e non outro, e esfórzome niso. Aínda que a miña familia non acabou de entender iso de rexeitar os dereitos de autor, porque me din que cobro menos ca un asistente doméstico, eu tomei esa decisión e desde a vocación académica e intelectual”.

         Isto viría sendo -engado eu agora finalmente- unha das maneiras de cumprir dalgún xeito nos tempos de hoxe o mandato de Xesús de pór os propios talentos ó servizo dos máis necesitados. É o mesmo que facía aquela “muller forte” dos tempos antigos, ben loada no libro dos Proverbios da Primeira Lectura pola súa laboriosidade e pola súa preocupación polos necesitados:

         “Bota as mans á roca e os seus dedos manexan o fuso. Tende a palma ao indixente e achega as súas mans ó mendigo”.

         Hoxe lembra ademais a Igrexa na súa “Xornada Mundial dos Pobres” deste domingo tódolos pobres e necesitados do mundo.

        

Manuel Cabada Castro

 

 

Manuel Cabada Castro, Boa nova para tempos novos. Comentarios velaíños aos evanxeos dominicais. Tres tomos (2024-2025). SEPT (editorialsept@gmail.com; editorialsept@editorialsept.gal). Distribución: Editorial Galaxia (pedidos@editorialgalaxia.gal).



VER TAMÉN:



 



FICHAS A

FICHA 1 / FICHA 2 / FICHA 3 / FICHA 4


Comentarios

Publicacións populares