DOMINGO 4 DE ORDINARIO B + FICHAS + ORACIONAL

 Oracional en Spotify


LECTIO:

TER AUTORIDADE

                                                              (28 de xaneiro de 2024)


         Sempre me chamou moito a atención o que se nos di hoxe no Evanxeo de Marcos verbo de Xesús: “Todos estaban abraiados da súa doutrina, pois ensinaba coma quen ten autoridade, non coma os letrados”.

         Eu non fixen a carreira de Dereito. Mais imaxino que algúns dos profesores desa Facultade explicarán os temas das leis algo así como facían os letrados dos que se nos fala no Novo Testamento. Xa sabemos que as leis que rexían o comportamento dos xudeus do tempo de Xesús eran moitas, moi minuciosas e tamén moi concretas e exteriores. Para iso o pobo precisaba de mestres da lei que dunha maneira bastante impersoal e aséptica lle explicasen con detención as cousas.

         Pero sabemos tamén que, como tantas veces temos oído, a letra mata, mentres que só o espírito vivifica. O que importa, pois, é o espírito da lei, non a súa letra.

         A Xesús chamábano tamén “Mestre”. Estrañábanlles porén poderosamente as cousas que dicía e o seu modo de facelo. Xesús era algo así coma un volcán, semellante a eses dos que algunha vez lin que dende o fondo do mar das illas Canarias abrollaban ou abrollan cara á superficie, chegando a formar se cadra co tempo unha nova illa por enriba do mar. Os volcáns emiten a súa palabra, a súa voz e os materiais que lanzan ao aire dende a interioridade de si mesmos.

         Quero dicir. Xesús falaba desde a súa experiencia máis íntima. Falaba do que el vivía e sabía. Desde a conciencia do seu saberse unido intimamente co Pai e con todos os seus irmáns do mundo. Os irmáns do seu tempo, os do noso tempo e os dos tempos que veñan despois do noso. Era un falar comprometido, apaixonado, fraternal, divinamente humano. Quen puidera estar alí presente, aínda que fose agachado! Sobre todo, sería un falar libre e animoso, engaiolante. “Nunca ninguén falou así!”, dicían uns. Outros non podían entender o que ocorría e comentaban: “Non é este o fillo do carpinteiro?” ou, coma quen di: Non é este o fillo da panadeira veciña ou do albanel en paro?... Era un verdadeiro escándalo, mais por outra parte o que dicía tiña que ser verdade porque, se non, como podía namorarse o corazón das cousas que dicía? Tiña que ser verdade o que dicía porque Xesús, o profeta, ofrecía confianza e paz aos corazóns. Xesús facía as persoas verdadeiramente libres e felices.

         Sen dúbida, a xente non podía menos de dicir o que nos refire Marcos que comentaban. “É unha nova doutrina, e con autoridade”. Marcos dinos dúas veces neste curto texto que Xesús falaba e ensinaba con “autoridade”.

         É esta unha palabra que nos confunde moito! Cando se nos comunica que están a chegar as autoridades, un pensa axiña que vai vir o alcalde ou a alcaldesa da nosa vila ou cidade, ou quizais alguén aínda xente máis importante... Por máis que vivamos en países chamados democráticos, as autoridades sempre nos producen un non sei que de medo ou respecto posibelmente atávico. Cando se celebrou non hai moitos anos o funeral polo escritor e político Paco Fernandez del Riego, estaba eu alí na Colexiata de Vigo e asistiu tamén o Presidente da Xunta. Eu estaba próximo á porta de entrada e por alí pasou el ao rematar o oficio. Como eu miraba con certa curiosidade cara a el, achegouse a min, deume a man e díxome: “Ola, amigo!”. Non nos coñeciamos de nada. Mais como el era toda unha “autoridade”, debía eu romper o xeo que provocaba en min tal autoridade e para iso nada mellor ca que el viñera cara a min e non eu cara a el...

         Cando nos di Marcos que Xesús falaba con “autoridade” non era este tipo de autoridade humana (civil, militar ou relixiosa) a que alí se estaba a presenciar. Non. Á fin e o cabo, saberedes que a palabra “autoridade” provén, nas linguas que proveñen do latín, da raíz latina “augere”, que significa “aumentar”. De modo que un ten “autoridade” cando sabe e é capaz de aumentar, de acadar aumentar os demais, de facelos medrar, de enchelos, de endereitar e encher as velas das nosas propias barcas e así facelas camiñar con suavidade e constancia polo mar. Co vento, co espírito da fala de Xesús a xente notaba que as súas velas se enchían e despregaban. En consecuencia, podían vivir e camiñar con ilusión.

         Sumos Pontífices, bispos, cregos, frades, párrocos, xente normal e corrente coma todos nós deberiamos aprender a ser xente de “autoridade”, é dicir, xente revestida interna e externamente da autoridade de Xesús, que se algún diploma, insignia ou currículum tiña era só o de el ser o noso irmán maior e fillo primoxénito do noso común Pai Deus, aínda que para evitar malentendidos Xesús se nomease sinxelamente a si mesmo nada máis que como “o fillo do home”.

         Se queremos, pois, ter algunha autoridade ten que ser sempre esa autoridade fondamente democrática e humana que, coma a de Xesús, faga medrar os demais na fraternidade, na humanidade. Se Xesús é o “Emmanuel”, é dicir, o “Deus connosco”, non nos queda outro camiño para achegármonos a Deus que comportármonos coma el: facernos plenamente humanos.

         Vale aquí a sentencia lapidaria do poeta grego Píndaro: “Chega a ser o que es”. No contexto no que estamos a falar: Cheguemos a ser o que somos, persoas humanas, plenamente humanas. É así como chegaremos a ser verdadeiramente divinos. Foi isto en definitiva o que nos veu dicir Xesús ao nos traer a mensaxe do Pai. Foi el así o fermento de humanidade que fixo “aumentar” coa súa autoridade as nosas vidas. Foi esta ademais xustamente unha das comparanzas das que el botou man algunha vez: a súa mensaxe vén sendo como esa pequena cantidade de fermento que fai levedar e inchar toda esa masa de millo ou trigo que se vai converter en pan.

         Na nosa participación na eucaristía, recibindo en nós o “corpo de Cristo”, é tamén como cada un de nós e a comunidade que entre todos formamos iremos medrando no seguimento de Xesús grazas á “autoridade” engrandecedora sobre nós de quen é o Fillo de Deus.

 

Manuel Cabada Castro

 

VER TAMÉN:

               

Comentarios

Publicacións populares