DOMINGO 3 DE ORDINARIO B + FICHAS + ORACIONAL
Á ESCOITA DA CHAMADA
O evanxeo de Marcos segue a
nos presentar a busca realizada por Xesús de compañeiros, de persoas dispostas a se facer irmáns e colaboradores
seus na tarefa do anuncio da “boa nova”, do evanxeo. El convida e chama,
suscitando nas persoas desexos de se encontraren con el. Este encontro está,
como sabemos, posibilitado sempre polo vento do Espírito de Deus que empuxa con
suavidade as velas das nosas barcas cara ao ben.
Antes de se encontraren física e historicamente con Xesús, tanto os irmáns Simón Pedro e Andrés coma
os tamén irmáns, Santiago e Xoán estaban xa “tocados” polo Espírito de Xesús,
que traballa arreo dunha ou doutra maneira en todas as persoas.
É un misterio o da vida humana de cadaquén. Cada un ten o seu propio estilo,
o seu xorne, o seu mundo interior, condicionado ademais por moitos factores
(biolóxicos, psíquicos e sociais). Por iso, ninguén ten dereito nin capacidade
algunha para xulgar a ninguén.
Mais, en calquera caso, para
anunciar a súa alegre noticia, é dicir, o evanxeo da
liberación e da vida, Deus busca “buscadores”, busca entre persoas que non estean
xa satisfeitas do que son ou do que fan. Busca por iso entre xente sinxela,
pobre de haberes e de poderes, mais ricos en desexos e en vontade.
Polo menos entre tales buscou
Xesús os seus apóstolos, aínda que algún
deles a pesar de todo lle fallase tras pasar un bo tempo con el. Mais ese é
tamén o fondo misterio da nosa liberdade.
O evanxeo refírese hoxe explicitamente á chamada dalgúns dos seus apóstolos. Mais con
eles e onda eles había tamén moitos outros discípulos e xente de toda clase que
o seguían. En todos eles soprou o vento do Espírito de Deus, do Espírito de
Xesús.
Falamos con frecuencia de
vocacións sacerdotais ou relixiosas. Mais non debemos esquecer que todo
cristián normal, dos que podemos chamar de a pé, ten tamén a súa propia “vocación”,
é dicir, a súa propia “chamada” (pois iso significa “vocación”: chamada ou
chamamento). Sentirmos a chamada a unha vida verdadeiramente cristiá significa
que estamos abertos a esas inspiracións, convites, impulsos, desexos, que dunha
ou doutra maneira nos van movendo ou conmovendo cara ao ben. Cara a esa crenza
de que Xesús é o noso irmán maior e de que todos somos e debemos comportarnos
como irmáns.
Por iso, pódese dicir que o estilo do convite que Xesús fai aos seus apóstolos é o
mesmo que el dirixe a quen queira converterse en seguidor seu. Os catro
apóstolos de hoxe eran de oficio pescadores. Un pescador (de mar ou tamén de río)
quere, busca, que o peixe pique ou se enrede na rede. Un pescador é unha persoa
de espera, de paciencia, que busca e traballa co anzol, coa isca, coa rede, coa
esperanza de dar cos peixes que se converterán en alimento e vida para a nosa
subsistencia.
Non é por iso nada estraño que entre estes pescadores de peixes buscase Xesús
pescadores de persoas: “fareivos pescadores de homes”. Calquera que viva de
verdade a vida cristiá segue a ser tamén unha persoa coma as demais, unha
persoa de desexos e de esperanzas que se converteu de verdade en irmá das
demais, “pescador das demais”, para facelas partícipes da alegre mensaxe dun
novo xeito de vivir.
Coméntovos agora, por boca do seu protagonista, como se realizou unha vocación concreta nos
nosos tempos. É a vocación, a chamada, oída e aceptada con entusiasmo por
alguén que celebrou durante arredor de vinte anos a partir do ano 1965 moitas
eucaristías na cidade de Vigo e tamén noutros lugares. Refírome ao padre Xaime
Seixas Subirá. Léovos do libriño “Conversas do Pai Xaime Seixas con Silvestre
Gómez Xurxo” o curioso relato que el nos fai do proceso da súa vocación, é
dicir, da chamada de Deus a el para se facer sacerdote e xesuíta:
“Foi entre os 15 e 16 anos cando sentín a miña vocación misioneira. O que pasa
é que eu estaba absorto noutras cousas como a política e tamén por certos
namoramentos... En resumo, que con todo isto a chamada vocacional foise
quedando aí, medio esquecida, agardando calada e firme como quen sabe que ha
chegar a súa hora [...] Chegaba de América o meu tío Mariano Subirá, famoso
avogado, primeiro en Madrid e logo na Arxentina [...] e colleunos mal de sitio
alí en casa dos meus avós Subirá. Entón, eu que era moi rapaz e me acomodaba en
calquera sitio, durmín nun sofá que había no corredor, e unha noite, nese lugar
ben pouco cómodo, tiven unha premonición que co tempo sería clave na miña vida
e que se cumpriu ata nos máis pequenos detalles. Naquel soño histórico vinme
vestido de sotana negra –cousa rara porque eu nunca pensara ser crego,
atraíanme as misións pero a imaxe do misioneiro era con sotana branca–, sen
barba, nunha illa grande e arrodeado de xente de color, sobre todo de nenos, e
ao mesmo tempo sentín internamente, dun xeito moi profundo e clarísimo que aquilo
era o meu futuro. Coa intensidade do soño espertei cheo dun gran gozo
espiritual, algo inusitado deica aquela para min, e convencido de que acababa
de ver o meu futuro.
Pero por vergonza calei
porque na miña familia non había
ningún antecedente de dedicación relixiosa. Calei. Foi pasando tempo, pero
aquel soño seguía vivo, seguíame chamando. Finalmente, xa aos vinte anos, tiña
suficientemente claro o da miña vocación e decidinme. [Entra na Compañía de Xesús e pasan anos...] Por fin recibín unha
chamada do Pai Baeza, Visitador Xeral de Hispanoamérica, que me solicitaba como
misioneiro para unha parroquia da República Dominicana na fronteira de Haití,
na que había moita xente negra e que estaba pasando unha etapa tremendamente
conflitiva [...] E sentín que definitivamente se ía realizar o futuro
que me agardaba desde había tanto tempo. Preparei todo e funme de inmediato [...]
Un día o misioneiro da misión veciña á miña, na que había moita xente de
color, díxome se lle podía ir dicir misa a unha aldea moi remota, toda de xente
negra. Sentín algo moi especial. Decidín poñerme a sotana negra, como vira no
soño. Cando cheguei alí a aquela aldea de cabanas, coa xente negra que me
arrodeou, sobre todo os nenos, sentinme coma na casa, coma se coñecese aquilo
de sempre. Era a estampa real do meu soño misioneiro”.
Despois de catro anos alá, unha enfermidade (das que con frecuencia o
visitaban) tróuxoo á cidade de Vigo para estar alí durante os vinte derradeiros
anos da súa vida activa. Mais antes estivera aínda durante un ano aquí na Coruña:
dende finais de 1960 ata finais do ano seguinte. Seixas confesaba que
levaba esta cidade nosa moi no “corazón”. En boa parte porque aquí vivira,
aínda que nacera en Santiago, durante tres anos sendo rapaz. Así nolo conta el:
“Dos sete ós dez anos vivín na marabillosa cidade da Coruña -¡como lle quero
á Coruña!-, e alí fun confirmado polo gran bispo galego Lago González e fixen a
Primeira Comuñón na igrexa dos xesuítas”. Foi aquí onde fundou a Vangarda
Obreira Xuvenil, tanto a masculina como a feminina. “Organicei -dinos el- todas
as ramas da Vangarda Obreira (Xuvenil, Feminina e Social). Traballei moito en
dirección espiritual. Encontrei grande apoio nas xentes coruñesas e pasei un ano
moi feliz”.
Foi xustamente a finais deste
ano 1961 na Coruña cando o destinaron á República Dominicana, tal e como vos
indiquei.
E aquí remato xa.
Manuel Cabada
Castro
Comentarios
Publicar un comentario