FICHAS ANTERIORES: FICHA 1 / FICHA 2



LECTIO:

O misterio dun Deus un e diferente

 (C – 12 xuño 2022)

         Teriamos que converter a festividade da Santísima Trindade en algo fondamente íntimo, vivo e sobre todo cordial. Desde que nos iniciaron na fe cristiá sabemos de Deus como un e trino. Sabemos aquilo de que Deus é unha esencia en tres persoas. Así nolo dixeron e así o aprendemos. Mais todo semella quedar nun mundo de ideas e conceptos, de especulacións e de abstraccións, non pouco distante da nosa fe vivida, sentida e compartida cos demais.

         En realidade, o feito mesmo de que teñamos unha festa especial dedicada á concienciármonos da Santísima Trindade, da súa grandeza e das súas marabillas semella sinalar cando menos o interese da Igrexa en que convertamos a fe na Trindade de Deus en algo vivo e operativo.

         Temos que partir, en calquera caso, de que Deus, o Deus infinito ou, mellor,  superinfinito, é absolutamente incomprensíbel para nós. E seguirao sendo aínda que el se nos teña revelado como Pai, como Fillo e como Espírito Santo. Esta unidade e diferenza segue e seguirá a ser para nós un misterio, por moi grande e fermosa que poida ser esta revelación. Por iso falamos do gran “misterio” da Santísima Trindade.

         Aínda que Deus sexa sempre en si mesmo misterioso, o certo é que algo grande se nos ten que revelar na súa Trindade cando el nola quixo manifestar. E maniféstanola non con palabras abstractas, senón coa súa mesma actuación ante nós.

         Poderiamos dicir, de maneira moi sintética, que Deus se nos presenta no Antigo Testamento sobre todo como o Deus único, un Deus Pai, que aínda non se nos manifesta totalmente tal e como é. Agora ben, no Novo Testamento, coa súa manifestación no mundo en Xesús, aprendemos a ver como é concretamente esa súa paternidade ó se nos manifestar como Pai seu especialísimo que o quere infinitamente.

         Mais como Xesús é tamén na súa humanidade coma nós, resulta que, ó revelársenos Deus como Pai de Xesús, se nos manifesta ó tempo que el, Xesús, é o noso irmán maior e que, polo tanto, somos tamén todos nós fillos de Deus; pois Deus Pai porfillounos a nós en Xesús, o fillo único e benquerido de Deus. Así nolo anuncia Paulo ó nos dicir que recibimos de Deus Pai “un espírito de fillos adoptivos, grazas o cal podemos gritar: ‘Abbá’: Pai!!”.

         Ata aquí, como vedes, revélasenos que Deus é alomenos “dúas” persoas, Pai e Fillo. Aínda que naturalmente isto das “persoas” divinas non hai que entendelo en simple continuidade co que nós somos como “persoas” humanas, finitas e limitadas. En calquera caso, coa paulatina revelación da Trindade de Deus váisenos comunicando tamén a nós que todos estamos chamados a ingresar misteriosamente nesa Trindade.

         A revelación definitiva da Trindade divina ocorre, pois, coa vinda do Espírito Santo onda nós. Isto último foi o que celebramos no anterior domingo. Por iso a Igrexa coloca sempre liturxicamente a festividade da Santísima Trindade no domingo seguinte ó de Pentecoste, é dicir, inmediatamente despois da festividade da vinda onda nós do Espírito Santo.

         Con esta vinda do Espírito Santo cérrase, para dicilo dalgunha maneira, o “círculo” da revelación de Deus. Agora resulta que Deus xa non é dúas persoas, senón “tres”. Deus é un “trío” , un trío que toca tan misteriosamente ben, que non desafina ningún dos tres en tan infinita e misteriosa harmonía. En Deus hai tan marabillosa harmonía que, con seren tres as persoas, non por iso hai tres deuses, senón un único Deus.

         Mais hai aínda algo máis. Como o Espírito Santo non se vai xa máis de onda nós, e alí onde está o Espírito Santo están tamén o Pai e o Fillo, resulta que estamos así, pola presenza en nós do Espírito Santo, unidos á Trindade divina.

         Unha Trindade que segue a traballar arreo no medio de nós para nos facer semellantes a ela, uns e diferentes, variados e unidos, autónomos e amorosos, libres e ó mesmo tempo escravos dos demais na nosa entrega a eles. É dicir, trinos e un. O fin do mundo e da humanidade, ou sexa, o proxecto grandioso de Deus é o de chegarmos a participar todos desa misteriosa Trindade divina.

         Neste sentido, deberiamos traballar tamén nós, coa forza e a graza do noso Deus trinitario, a prol dun mundo onde exista liberdade e amor, diferenza e unidade, individualidade e comuñón, asemellándonos así á Trindade que estamos a celebrar.

         Os grandes santos e teólogos dicían e din que sobre Deus, e de maneira especial sobre o misterio da Santísima Trindade, non podemos senón tatexar. Todos somos nisto tartamudos ou tatexos, porque o modo divino de ser nos supera totalmente.

         Mais a verdade é que tamén as cousas máis fondas e naturais da realidade son misteriosas: a nosa vida, a nosa morte, o amor, a liberdade e tantas outras cousas. Por que? Porque, á fin e ó cabo, todo e todos estamos mergullados no misterioso Deus un e trino que o fixo todo e que está en todo. Un Deus que se reflicte tamén moi misteriosamente na mesma vida familiar, que é sempre, en maior ou menor medida, trina e unha. Pois nela hai tamén pai e esposo, nai e esposa, fillos ou fillas, irmás ou irmáns, unidade e diferenza, trindade e unidade. Sen algo desta unidade e variedade non pode existir o que chamamos familia. Así somos porque Deus, o Deus trinitario, é a nosa orixe, o noso modelo.

         Dada esta fondura do misterio da Santísima Trindade, non é nada estraño que a Igrexa nos pida que neste día nos lembremos de xeito especial daqueles que se dedican intensamente a “orar”, a rezar, é dicir, daquelas mulleres e homes que nos mosteiros de vida contemplativa, comunicándose co noso Deus trinitario, lle presentan tamén a El as nosas necesidades e as preocupacións todas do mundo. É o día chamado en latín “pro orantibus”, é dicir, “a prol dos que oran”, dos que rezan. Oremos, pois, nós tamén polos que “oran” por nós.

 

Manuel Cabada Castro



VER TAMÉN:



Comentarios

Publicacións populares