FICHA E LECTIO: SANTÍSIMO CORPO E SANGUE DE CRISTO C
FICHAS ANTERIORES: FICHA 1 / FICHA 2
Un Deus que incorporamos
(C
- 19 xuño 2022)
No
pasado domingo celebramos a festividade da Santísima Trindade, na que
lembrabamos o seu significado como manifestación de que Deus é desde sempre un
e trino, unido e diferente en si mesmo. Un Deus que quere comunicarse a todos e
facer de nós, en comuñón con El, algo semellante ó que El mesmo é: unha soa e
incomparábel familia. Unha familia, na que esteamos todos unidos entre nós e
con El polo amor, manténdonos porén todos e cada un de nós autónomos e libres, é
dicir, diferentes.
Ó
celebrarmos agora a festividade do Corpo e do Sangue de Cristo, non podemos
esquecer este contexto xeral grandioso do que Deus mesmo é. Como sabemos, a
meirande expresión da relación de Deus connosco é o feito de que El se fixo
humano en Xesús, o seu Fillo encarnado, cun corpo igual ó noso.
Pois
ben, con este Xesús visíbel, audíbel e tanxíbel estiveron en contacto directo
os seus apóstolos. Os que viñemos despois, temos tamén a posibilidade de
relacionármonos dunha maneira especial con el e, por medio del, co Pai e co Espírito Santo.
Esta vén ser a fonda mensaxe da festividade de hoxe.
Nas
nosas eucaristías comunitarias contactamos dun modo especial con Deus de dúas
maneiras fundamentais:
A
primeira é ó escoitarmos comunitariamente a palabra de Deus. Ben sabemos o
grato que nos resulta que alguén nos dirixa amigabelmente a súa palabra. Tamén
como nos doe cando algún coñecido noso pasa ó noso lado sen nos dicir ren.
Medramos e fortalecémonos internamente coa palabra e cos agarimos dos demais.
Pois ben, Deus diríxenos a súa palabra amorosa de xeitos moi diversos. A través
da nosa propia conciencia, dos bos exemplos que recibimos dos demais, etc., mais
tamén a través da súa palabra, que se nos fai presente nos relatos evanxélicos.
Neste senso, a palabra de Deus é para nós verdadeira comida. Porque nos
alimenta e nos dá azos, porque nos ofrece un sentido para a vida, porque nos
axuda a vivirmos con plenitude.
A
segunda maneira de entrarmos en contacto con Deus é a comuñón eucarística. Cando
facemos iso, sabemos que non realizamos un rito baleiro. Pola palabra de Deus,
na que cremos, somos conscientes de que na comuñón do “corpo de Cristo”
recibimos unha incríbel vitalidade interior. Pois Xesús definiuse a si mesmo
moitas veces como “Vida”: “Eu son o camiño, a verdade e A VIDA”. “Eu son o pan
VIVO”. “Se alguén come deste pan, VIVIRÁ
para sempre”. “O pan que eu darei é ... para a VIDA do mundo”. “Quen come a
miña carne e bebe o meu sangue, TEN VIDA ETERNA E EU RESUCITAREINO no derradeiro
día”. “Quen come este pan VIVIRÁ para sempre”.
Concretamente,
na segunda Lectura de hoxe lémbranos Paulo na súa carta ós Corintios os acontecementos
da derradeira Cea do Señor, cando nela se nos comenta o que Xesús lles dixo ós seus
Apóstolos: “Isto é o meu corpo”, “Isto é o meu sangue”. Trátase dun corpo e dun
sangue que “se entregan por vós”. Nas nosas eucaristías é iso o que
comunitariamente intentamos facer: “lembrármonos”, como nos pide o mesmo Xesús,
desta súa entrega total a nós para que pola nosa parte fagamos nós outro tanto
cos demais.
Esta
festividade ten que ser, pois, unha nova e especial ocasión para agradecermos a
Deus pola súa xenerosidade infinita. Un Deus que se entrega a nós e se deixa comer
por nós para que así poidamos participar da súa forza e da súa vida.
Hoxe
en día instrúennos de cando en vez os especialistas e os medios de comunicación
sobre os alimentos que cómpre comer ou deixar de comer para mantérmonos en
forma e para alongar o máis posíbel a nosa vida ou, tal como se di, a nosa
calidade de vida. Todo iso está moi ben, aínda que sabemos que por moito caso
que lles fagamos a tales recomendacións, o problema principal, a posibilidade
de vivirmos sempre, non nola resolven.
En
calquera caso e en canto cristiáns temos que saber proclamar e ofrecer tamén os
nosos produtos, a nosa propia dietética. Esta consiste, en definitiva, en
anunciarmos e vivirmos en nós mesmos Cristo como “Vida”, como dador de vida,
dunha vida sen data de caducidade, porque é eterna.
Unha
forte crenza na vida, por outra parte, que se amosará no noso interese pola
vida de todos, de maneira especial pola daqueles cos que convivimos e que poden
precisar da nosa axuda. Axuda material e espiritual, proporcionando amor,
acompañamento humano e tamén os medios materiais que lles poidamos ofrecer. Por
iso, esta festa eucarística ha ser sempre unha festa non só íntima ou devota,
senón tamén e sobre todo social e comunitaria. Para que así como Deus nos
ofrece e nos dá a súa vida a cada un de nós, así tamén deamos nós algo polo menos
da nosa vida, do que somos ou temos, ós demais.
Todo
isto é o que está tamén no fondo da mensaxe da “multiplicación dos pans e dos
peixes” do evanxeo de Lucas. Tivo que ser un acontecemento bastante especial ou
rechamante para que os catro evanxelistas falen del (Mateo e Marcos falan del
incluso dúas veces). Desa escena da multiplicación dos pans e dos peixes
podemos deducir que Xesús quere e busca de verdade a nosa felicidade, material
e espiritual. Unha felicidade total e compartida. Non pode ser que só uns
poucos vivan felices e contentos mentres que os demais teñan que pasalo moi mal
para acadaren o que precisan tanto eles mesmos coma os que teñen ó seu coidado.
Todo
isto temos que telo en conta cando celebramos a festa do Corpo e do Sangue de
Cristo. Porque “corpo de Cristo” son tamén, e de maneira moi especial, os
pobres e necesitados. De maneira que sería bo que comulguemos non só co corpo
eucarístico de Xesús, senón tamén cos corpos famentos e necesitados que existen
en tantas partes do mundo e que nos fan presente ese Xesús, fillo benquerido de
Deus, que decidiu identificarse con eles.
Por
iso a esta festividade do Corpo de Cristo está tradicionalmente asociado o Día
da caridade. Queiramos os demais como o Deus de Xesús quere a todos e de
maneira especial os seus fillos, e irmáns nosos, máis necesitados.
Manuel Cabada Castro
Comentarios
Publicar un comentario