SANTÍSIMO CORPO E SANGUE DE CRISTO - CICLO C

 


Primeira Lectura     Xén 14, 18-20

Ofreceu pan e viño

LECTURA DO LIBRO DA XÉNESE


     Naqueles días, Melquisédec, rei de Salem, presentou pan e viño, pois era sacerdote do Deus Altísimo, e bendiciu a Abrán con estas palabras:

     ‑ Bendito sexa Abrán polo Deus Altísimo, que fixo ceo e terra. Bendito sexa o Deus Altísimo, que puxo os teus inimigos na túa man.

     Abrán deulle a Melquisédec o décimo de todo.


       Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


 


SALMO RESPONSORIAL     Sal 109, 1. 2. 3. 4

R/.  (4bc):  Ti es sacerdote para sempre conforme ao rito de Melquisédec.


Palabra do Señor ao meu Señor:

Senta á miña dereita,

mentres poño os teus inimigos

por estrado dos teus pés.


O Señor estenderá desde Sión

o cetro do poder:

domina nos teus inimigos.


Ti es príncipe desde o día do teu nacemento,

tes aura sagrada desde o seo;

xereite coma orballo antes da aurora.


O Señor xurouno, e non se arrepinte:

Ti es sacerdote para sempre

conforme ao rito de Melquisédec.


 


Segunda Lectura     1 Cor 11, 23-26

Cantas veces comedes e bebedes, anunciades a morte do Señor

LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS


            Irmáns:

            Eu recibín do Señor, e transmitinvos tamén a vós, que o Señor Xesús, na noite en que o entregaron, colleu pan e, despois de dar grazas, partiuno e dixo:

            "Isto é o meu corpo, que se entrega por vós; facede isto en memoria miña". Do mesmo xeito, despois de cear, tomou a copa dicindo:

            "Esta copa é a Nova Alianza, no meu sangue; cada vez que a bebades, facédeo en memoria miña".

            Polo tanto, cada vez que comedes este pan e bebedes desta copa, anunciades a morte do Señor, ata que El volva.


              Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus




SECUENCIA,  AD LIBITUM: Lauda, Sion, Salvatorem

                                                  ou, máis breve:  Ecce panis


Ou, máis breve:  Ecce panis



ALELUIA     Xn 6, 51

Se non se canta, pódese omitir


Aleluia, aleluia.

Eu son o pan vivo, que descendín do ceo, di o Señor;

quen coma deste pan, vivirá eternamente.

Aleluia.


 


Evanxeo     Lc 9, 11b-17

Comeron e saciáronse todos

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS


            Naquel tempo, faláballe Xesús á xente do Reino de Deus e curaba a cantos o necesitaban. E como empezaba a caer o día, achegáronse os Doce e dixéronlle:

            ‑ Despide a xente, para que vaian ás vilas e aldeas próximas en procura de sitio para se hospedaren e para que poidan tamén comprar algo que levar á boca, porque aquí estamos nun descampado.

            Pero el replicoulles:

            ‑ Dádelles vós de comer.

            Eles contestaron:

            ‑ Pero se non temos máis ca cinco bolos de pan e mais dous peixes! A non ser que vaiamos nós mercar mantenza para toda esta xente.

            Eran uns cinco mil homes. Mais el díxolles aos seus discípulos:

            ‑ Colocádeos en grupos de cincuenta.

            Dixéronllelo, e sentaron todos. El, colleu os cinco bolos e mais os dous peixes, ergueu a vista ao ceo, bendiciunos, partiunos e déullelos aos discípulos, para que llelos servisen á xente. Comeron todos a fartar, e coas sobras encheron aínda doce cestas.


        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo    


Comentarios

Publicacións populares