FICHA E LECTIO: Corpus Christi

 FICHAS ANTERIORES: FICHA 1 / FICHA 2



LECTIO:

Incorporarmos divindade

 (6.VI.2021)

         O domingo pasado celebrabamos a festa da Santísima Trindade. E tomabamos conciencia do seu significado como manifestación de Deus do que el mesmo é: un Deus que, desde sempre, é un e trino, unido e diferente en si mesmo. Un só Deus en tres persoas, sendo cada unha delas de natureza divina. Diciamos tamén que ese Deus quere comunicarse a todos e facer de nós, en comuñón con el, algo semellante ó que el mesmo é: unha soa e incomparábel familia. Unha familia, na que esteamos unidos entre nós e con Deus polo amor, manténdonos porén todos e cada un autónomos e libres, é dicir, diferentes.

         Ó celebrarmos hoxe a festa do Corpo e Sangue de Cristo, non podemos esquecer este contexto xeral grandioso do que Deus é. Como sabemos, a meirande expresión da relación de Deus connosco é o feito de el se ter humanizado en Xesús, o seu Fillo encarnado, cun corpo igual ó noso.

         Pois ben, con este Xesús visíbel, audíbel e tanxíbel estiveron en contacto directo os seus apóstolos. Por iso son eles para nós as verdadeiras testemuñas de Xesús. Mais cantos non tivemos esa experiencia ou vivencia directa del temos porén a posibilidade de relacionármonos con el dunha maneira especial e por medio del e nel co Pai e co Espírito Santo. Esta é a fonda mensaxe da festividade de hoxe, a do Corpo e Sangue de Cristo.

Porque nas nosas eucaristías entramos en contacto especialísimo con Deus, fundamentalmente de dúas maneiras. A primeira é escoitando comunitariamente a palabra de Deus. Ben sabemos o ben que nos fai a todos cando alguén nos dirixe a palabra. E tamén como nos doe cando alguén que nos coñece pasa ó noso lado sen dicirnos ren. Medramos e fortalecémonos internamente coa palabra e cos agarimos dos demais. Lembro que unha vez aquí en Vigo camiñaban algo diante miña pola beirarrúa un matrimonio que levaba consigo unha nena pequerrecha. Pasaron ó lado dun mendigo con moita barba que estaba sentado na beirarrúa sen que os pais da nena lle fixeran moito caso, mais ela reviraba a cabeciña cara a atrás, cara ó mendigo, e non paraba de saudalo coa manciña e co seu sorriso. O mendigo reloucaba de alegría ó el ver que ela o ollaba e saudaba con agarimo...

         Pois ben, coa súa palabra amorosa, o Deus que se fixo neno en Xesús, para aprendernos como nos debemos comportar, diríxenos tamén a súa palabra de xeitos moi diversos. A través da propia conciencia, do bo exemplo que nos dan os demais, tamén e de maneira especial e directa a través da súa palabra que se nos fai presente na lectura ou na escoita dos evanxeos. Neste senso, a palabra de Deus é para nós verdadeira comida. Porque nos dá azos, porque nos ofrece sentido para a vida, porque nos capacita para podermos vivir con plenitude.

         A segunda maneira de entrarmos en contacto con Deus é por medio da comuñón eucarística, tras antes atendermos as lecturas da Sagrada Escritura. Cando facemos iso, sabemos que non realizamos un rito baleiro. Pola palabra de Deus, na que cremos, sabemos que na comuñón do “corpo de Cristo” recibimos un forte impulso vital, dador de vida. Xesús definiuse a si mesmo moitas veces como “Vida”: “Eu son o camiño, a verdade e A VIDA”. “Eu son o pan VIVO”.  “Se alguén come deste pan, VIVIRÁ para sempre”. “O pan que eu darei é ... para a VIDA do mundo”. “Quen come a miña carne e bebe o meu sangue, TEN VIDA ETERNA E EU RESUCITAREINO no derradeiro día”. “Quen come este pan VIVIRÁ para sempre”, etc.

         Por iso esta festividade tería que ser para nós unha nova ocasión de agradecermos a Deus pola súa xenerosidade infinita, fornecedora de vida. Pois cremos nun Deus que se deixa comer por nós para podermos participar así da súa forza e da súa vida.

         En calquera caso, Deus quere que vivamos todos, quere que participen da vida cantos se senten ameazados por necesidades materiais ou espirituais. Por iso esta celebración eucarística ha ser sempre non só íntima ou devota, senón tamén e sobre todo comunitaria e social. De xeito que así como Deus nos ofrece e nos dá a súa vida a cada un de nós, así deamos tamén nós polo menos algo da nosa vida, do que somos ou temos, ós demais. Con ese comportamento, en realidade non perdemos nada senón que gañamos e medramos moito na propia vida.

         O evanxeo da festividade de hoxe refire os acontecementos da derradeira Cea do Señor, cando Xesús lles di ós Apóstolos: “Isto é o meu corpo”, “Isto é o meu sangue”. Tedes aquí na igrexa diante vosa en imaxes o fermoso conxunto escultórico da “derradeira Cea”. Hai xa algo máis de corenta anos que se colocou aquí, no ano 1976, este retablo de pedra, oito anos despois da inauguración da igrexa. Chamamos esta igrexa a “igrexa dos Apóstolos” por esta imaxe dos Apóstolos. Está ben, mais o escultor que realizou a obra, Xoán Piñeiro, falaba sempre desta súa creación artística súa como “A Cea” ou “A Derradeira Cea”. As imaxes esculpiunas en pedras de granito que se trouxeron dun monte da Pedrosa (Mañufe): houbo que baixalas de alí e levalas ó estudo que el tiña en Goián. Despois trasladáronse ata aquí e colocáronse no paramento de pedra deste presbiterio. Ó final a xente quedou entusiasmada e eufórica coa obra ben feita. Hai entendidos que pensan incluso que esta é a grande obra de Xoán Piñeiro.

         O Pai Xaime Seixas estaba aquí cando se colocou esta imaxe de pedra, que a el lle gustaba moito polo seu recendo a evanxeo e porque presentaba Xesús como amigo e compañeiro de pescadores e de pecadores. Hai xa algúns anos un xornalista escribía o seguinte en relación coa inauguración deste retablo de pedra:

         “Lembro, coma se fose hoxe, cunha emoción que aínda é capaz de humedecer os ollos, unha das homilías daquel entrañábel ser, o Pai Seixas, cando a obra de Piñeiro acababa de ser colocada na igrexa e a defensa que fixo dela, porque ós ollos dalgúns eclesiásticos e segrares xerara reparos [...] En pedras e en madeiras ía deixando Piñeiro a pegada da súa capacidade creadora, e ó seu nome de pía engadíronlle o alcume de ‘fai santos’. E apóstolos e santos fixo sobre a pedra, tomando como modelos xentes das mariñeiras terras do Morrazo, algo que confesou e escandalizou a máis dun, esquecéndose estes de que pescadores de almas, para un Reino que non é deste mundo, quería que fosen os participantes na Cea”.

         A festividade do “Corpo e do Sangue de Cristo” é, pois, a grande e viva lembranza sobre ata onde pode chegar o amor de Deus na súa entrega agarimosa a todos nós co fin de nos comunicar a súa vida. Por iso esta festividade está unida tamén tradicionalmente ó día, que é hoxe, da Caridade e por iso a colecta de hoxe é, como sabedes, por esa intención. Queiramos tamén os demais como Deus nos quere a nós.

 

Manuel Cabada Castro

VER TAMÉN:

https://www.gruposdejesus.com/santisimo-corpo-e-sangue-de-cristo-b-marcos-1412-16-22-26/

Comentarios

Publicacións populares