FICHA E LECTIO: Domingo XIII do Tpo.Ordinario B

 FICHAS ANTERIORES





LECTIO:

Vivindo a pé de rúa

 (27.VI.21)

            O evanxeo vólvenos hoxe recordar os problemas e as preocupacións da xente normal e corrente, ameazada unha e outra vez pola enfermidade ou pola morte dos seus seres queridos. Querendo ser e significar o que o seu nome indica: “boa noticia”.

            A carón da xente está e quere estar sempre Xesús, que por algo é Salvador e Redentor. E a carón dela deberiamos estar tamén os que pola nosa parte queremos ser humildosos seguidores de Xesús.

            No relato deste domingo son dúas mulleres, tradicionalmente marxinadas ou discriminadas naqueles tempos (seguramente aínda máis ca agora), as que van recibir a misericordia de Xesús. E boa cousa é que hoxe en día semelle que son xa as propias mulleres as que comezan por si mesmas a espertaren deste mal soño secular. Pois ben, en relación con estas mulleres, dunha sabemos que era a filla de Xairo, un xudeu devoto e xefe da sinagoga. Por algunha enfermidade acababa ela de morrer sendo aínda unha rapaza noviña con só doce anos. Da outra muller, que andaba de médicos dende xa había tempo, non sabemos máis ca que estaba doente e polo tanto nada sabemos sobre a súa posición social ou sobre a súa idade.

            Hai que facer algún esforzo para se situar dalgunha maneira na cultura relixiosa e social xudía daqueles tempos se queremos avaliar na súa xusta medida o que supuña a relación de Xesús coas persoas necesitadas. A filla de Xairo morrera xa, por máis que seu pai, cando se dirixe a Xesús pedíndolle a súa curación, aínda non o sabía. E hai que ter en conta que daquela ós defuntos non se debía un achegar nin moito menos tocalos, porque como cousa impura convertían en impuros tamén os que os tocaban. En canto á outra muller enferma, a súa mesma enfermidade convertíaa tamén en impura, ademais de facer impuros cantos a tocasen ou cantos ela tocase. De maneira que a pobre estaría nunha situación persoal e social lamentábel. Viñan ser algo así coma os apestados ou contaxiados por algún descoñecido mal, algo así como ocorre nos tempos actuais coa pandemia.

            Pois ben, en ámbolos dous casos Xesús achégase á defunta e á enferma impuras, sen se preocupar ren por quebrantar con iso preceptos ou normas sociais e relixiosas. A nena defunta cóllea directa e persoalmente pola man, pronunciando a frase que os evanxeos nos conservaron no seu son orixinal: “Talitha, qumi”, que quere dicir “rapaza, érguete”. A outra muller enferma non a toca el directamente, mais déixase tocar por ela nunhas circunstancias nas que a xente o aperta a el por tódolos lados (diriamos hoxe, sen gardar as distancias prescritas), tal como o constatan os seus discípulos ó el lles preguntar quen o tocara: “Ti ben ves a xente preméndote e aínda preguntas por quen te tocou?”...

            O Mestre era unha persoa do seu tempo e estaba en consecuencia moi ó tanto, desde cativo, dos inevitábeis condicionamentos culturais que se convertían en algo normal e natural para cantos participaban da mesma cultura. Mais el tiña ó tempo unha experiencia moi fonda e forte de como son as cousas, do que é e como é a realidade, e tamén da nosa dignidade humana en canto derivada da nosa filiación divina pola nosa irmandade con Xesús.

            Na súa íntima e especialísima relación co seu Pai Deus, vivida durante o día e dialogada con El en longas horas pola noite, sabía el, pois, cales eran as cousas importantes e cales non. En tal sentido, se os costumes sociais chocaban con esas fondas experiencias e saberes, peor para tales costumes.

            El sabía e vivía a experiencia de Fillo de Deus e de ser ó tempo “fillo do home” nunha inconcibíbel e misteriosa unidade. Este Xesús, don especialísimo do Pai Deus á humanidade, era polo tanto tamén un de nós, ser humano coma nós, irmán noso. Mais el viña transmitirnos que todos, coma el, somos fillos dun mesmo Pai. Somos polo tanto irmáns del e así nos sentía e percibía. Para el as prescricións ou prohibicións simplemente rituais non tiñan, en consecuencia, valor ningún no caso de se opoñeren a esta súa experiencia fundamental de se sentir irmán de todos.

            A súa práctica vital foi sementar arreo vida e esperanza, devolvese a vida ou non, curase ou non fisicamente unha persoa concreta. Pois el non curou nin resucitou de feito cantos no seu tempo enfermaban ou finaban. El non viña destruír as leis dunha natureza creada dese modo por Deus mesmo. Tampouco Deus Pai liberou o seu Fillo das dores e da morte na cruz. Sen contabilizar as diversas curacións realizadas por Xesús das que nos falan os evanxeos, no que se refire ós relatos de resurreccións realizadas por El, é dicir, da volta á vida normal dun defunto ou dunha defunta, non nos contan en realidade os evanxelistas máis ca tres casos: o da filla da viúva de Naín (do que nos fala só Lucas), o de Lázaro (que só nos é presentado por Xoán) e, finalmente, o relato de hoxe da filla de Xairo, descrito por Marcos, Mateo e Lucas, mais non por Xoán.

            Por iso, o que sobre todo Xesús nos ofrece, antes e hoxe, é unha vida e unha esperanza que se basean na fe nel en canto Fillo de Deus e irmán noso. Pois el mesmo identifícase coa Vida mesma e co Amor sen límites. Nalgún momento nos dirá que o seu Pai Deus non é “un deus de mortos, senón de vivos, porque para el todos viven”.  El coñece perfectamente, por así dicilo, esta face oculta da lúa. Aínda que a xente faga riso del, sabe perfectamente que aqueles que chamamos mortos non o son de verdade. A tódolos defuntos pásalles en certo modo aquilo que Xesús afirma sobre a nena morta: “A meniña non morreu, está a durmir”. Ou, tal como se di en certos contextos tradicionais de Galicia sobre os defuntos: están a “durmir fóra”.

            A mensaxe de vida que nos trae Xesús debería ter unha proxección comunitaria e social na nosa vida concreta. Paulo dánolo a entender hoxe na súa carta ós Corintios. A vida, non só a do alén senón tamén a do aquén, ten que ser para todos e non só para os que dispoñen de riquezas e de poder. Deberiamos escoitar así, nesta clave presente e actual que afecta a tantas persoas, o que Paulo escribe nesa carta: “Coñecedes ben a xenerosidade do noso Señor Xesús Cristo: sendo rico, fíxose pobre por vós, para nos enriquecer coa súa pobreza. Non se trata de que pasedes apuros por aliviardes a outros, senón de que haxa equilibrio [...] Así haberá igualdade”.

 

Manuel Cabada Castro

VER TAMÉN:

https://www.gruposdejesus.com/13-tempo-ordinario-b-marcos-521-43-3/



Comentarios

Publicacións populares