FICHA E LECTIO - NATIVIDADE DE S.XOÁN / Domingo 12 ORD B

FICHAS ANTERIORES:



LECTIO:

NATIVIDADE DE SAN XOÁN BAUTISTA
(24 de xuño de 2018)

       Este ano cadra en domingo a festividade da Natividade de San Xoán Bautista e –dada a importancia desta festividade na tradición cristiá- os textos litúrxicos de hoxe fan referencia de maneira especial á relevante figura de Xoán Bautista coma elo de unión entre o antigo e o novo Testamento. Xoán Bautista é quen prepara os camiños para a chegada do Mesías con celo e humildade. É deste xeito unha figura profética moi importante, da que se celebra non só a festividade do seu martirio (dentro de pouco más de dous meses, o 29 de agosto) senón tamén a do seu nacemento ou natividade (a que hoxe celebramos), cousa que non ocorre con ningún outro santo do calendario litúrxico se deixamos a parte a festividade da Natividade de María, Nai de Xesús.
       Por outra banda –e como ben sabedes- esta festividade da Natividade de San Xoán Bautista está unida a diversos e populares ritos profanos que a preceden e acompañan e que teñen en realidade unha orixe máis antiga que a mesma festividade cristiá da Natividade do Bautista. Ritos de purificación, fertilidade, etc. que se fan especialmente presentes entre nós na Noite de San Xoán por medio dos diversos simbolismos do lume, da auga, etc.: as cacharelas ou lumeiradas, as herbas de San Xoán, etc.
       O propio Xoán Bautista exercerá tamén no seu comportamento vital unha función purificadora, preparadora ou precursora da grandiosidade, beleza e alegría que virán despois del a nós por medio de Xesús. E iso que o Bautista, era, para dicilo dalgunha maneira, case un “ninguén”... Pois nin exercía funcións relacionadas co culto no templo, nin era sacerdote ou levita. E, a pesar diso, predicaba ó pobo, movía a xente a se arrepentiren e bautizaba os que se achegaban a el coa auga do Xordán, anunciando ademais á xente a próxima chegada do Mesías.
       Non deixa, desde logo, de ser rechamante e tamén algo desconcertante o feito de que o Deus Pai do noso Señor Xesús Cristo e Pai tamén noso quixese botar man para preparar a chegada do seu Fillo onda nós de persoas que estaban máis ben á marxe dos que poderiamos chamar os seus representantes “oficiais”. Porque Xoán Bautista vivía no deserto, de forma distinta e tamén bastante distante dos considerados oficialmente relixiosos. Amósasenos así unha vez máis como Deus é meirande cós conceptos cos que inutilmente o queremos apresar ou comprender.
       Desde o punto de vista dos sacerdotes e levitas do xudaísmo, semella que a eles non lles quedaba outra opción, ante o comportamento extraoficial de Xoán Bautista, que intentar controlalo mandando mensaxeiros ou intermediarios onda el para poñelo literalmente en cuestión. Mais resulta que o Bautista -contra o que eles podían sospeitar- lles comunica, con toda claridade e humildade, que el non é nin o gran profeta Elías que volvera á vida, nin o Cristo-Mesías e que nin sequera posúe estritamente a categoría de “profeta”.
       Xoán Bautista era, si, tal como se nos di, “testemuña da luz”. Coma de noite a lúa é testemuña do sol que está sempre a vir e que se reflicte nela. A lúa non é a “luz”, non é o “sol”. É só testemuña do sol. Porque deste recibe a súa luz e, co seu humilde resplandor, por limitado que sexa, anuncia que o sol está oculto mais tamén que existe e que non tardará en nacer.
       A humildade do Bautista é, pois, a humildade da lúa, que sabe ben que, se pode iluminar, ese poder non é seu. Ela non fai máis que actuar como voceiro ou reflexo do sol. Ela prepáranos para podermos recibir o sol. Ese sol, cara ó cal non poderemos ollar directamente, porque nos quedariamos cegos, mais que nos posibilitará camiñar sen tropezos, con seguridade.
       Ó nos dicir de si mesmo o Bautista que é “testemuña da luz”, anuncia e fai presente, á súa maneira, a luz que só pode proceder de Deus. Nós non podemos ollar directamente cara ó sol, porque a súa luz é excesiva. Mais resulta que o Deus, Pai de Xesús e Pai noso, vai facer un prodixio incríbel para que o podamos ollar a el sen estragarmos a vista, “sen morrermos”, tal como se expresa por exemplo o Antigo Testamento cando, despois de un profeta ou vidente ter algún tipo de experiencia de Deus, se nos di que tiñan eles medo a morrer porque viran a Deus.
       Pois ben, ese prodixio non é nin máis nin menos ca Xesús de Nazaret. Pois ollando ou contemplando Xesús estamos a ver realmente a Deus sen ficarmos cegos ou morrermos. Pois é Xesús mesmo quen nos di: “quen me ve a min, ve o Pai”. Polo tanto, se queremos ver a Deus, vexamos, ollemos, contemplemos ese Xesús de Nazaret, que é a imaxe viva e perfecta de Deus Pai.
       O Bautista está en realidade a anunciárnolo cando no Novo Testamento se nos di que el, o Bautista, era ”testemuña da luz”. Non é el a luz, pero anúncianos a luz. Mais onde está esa luz divina que é posíbel ver? Cando os enviados polos xudeus lle formulan ó Bautista a pregunta de por que el bautiza se non é nin Elías, nin o profeta nin o Cristo, o Bautista responde: “Eu bautizo con auga; mais entre vós está quen vós non coñecedes, do que non son merecente de lle desatar o amalló da sandalia”.
       Vénsenos a expresar así que a luz visíbel de Deus está entre nós, aínda que non a coñezamos. Dado que a luz invisíbel de Deus non pode ser vista, fíxose Deus Pai visíbel, e de maneira verdadeira e perfecta, en Xesús. Deus está polo tanto realmente “entre nós”. Agora entendemos por que Xesús é o “Emmanuel”, é dicir, o “Deus connosco”. Por iso nos resulta difícil recoñecelo, porque a Deus con frecuencia o imaxinamos estando onde non está (alá arriba, na estratosfera ou non sei onde). Non. Deus está aquí, connosco –á maneira dun pequeno vagalume- converténdose nun de nós, nun verdadeiro irmán noso. Agora entendemos tamén por que el considerará canto lles fagamos ou deixemos de facer ós nosos irmáns como algo que lle fixemos ou deixamos de facer a el mesmo.
       Neste sentido, podemos dicir con verdade tamén que, así como Xesús é a luz visíbel de Deus Pai, así tamén son e serán sempre as persoas pobres e necesitadas a luz visíbel de Xesús alén do tempo histórico ou biográfico en que el viviu. Este é o Xesús que nos anuncia Xoán Bautista, do que hoxe celebramos con alegría a súa natividade.

ORACIÓN DOS FIEIS
            Unimos as nosas oracións para lle pedir a Deus Pai que nos aprenda a recoñecer no seu fillo Xesús, identificado cos necesitados da terra, a face amorosa de Deus, dicindo: Escóitanos, Pai. TODOS: Escóitanos, Pai.

            - Dános, Pai, luz para, a semellanza de Xoán o Bautista, vermos no teu fillo Xesús a presenza misteriosa túa entre nós. 
Todos: Escóitanos, Pai.
            - Concédenos, Pai, a túa graza para poder apreciar a todos como manifestación do teu fillo Xesús que puxo a súa tenda entre nós. 
Todos: Escóitanos, Pai.
            - Fai, Pai, que saibamos ver nos máis pobres e necesitados a presenza entre nós do teu fillo Xesús que se quixo identificar con eles. 
Todos: Escóitanos, Pai.

            PEDÍMOSCHO, PAI, POR XESÚS CRISTO NOSO SEÑOR. AMÉN.

Manuel Cabada Castro


VER MÁIS:

https://www.gruposdejesus.com/domingo-12-tempo-ordinario-b-marcos-435-41-2/


 



Comentarios

  1. São João Batista é um exemplo de humildade e dedicação a uma missão de extrema importância.

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Publicacións populares