FICHA E LECTIO: Domingo 11 Ordinario B

FICHAS ANTERIORES: 



LECTIO:


DOMINGO XI TEMPO ORDINARIO
(Ciclo B: 17 xuño 2018)

                     Continuamos desde o domingo anterior co que chamamos o tempo “ordinario”, volvendo así, coma quen di, “ó rego” despois da longa interrupción deste tempo “ordinario” coa Coresma, a Pascua, etc. e tamén coas posteriores festividades da Trindade e do Corpo e Sangue de Cristo.
                     E para “volvermos ó rego”, que ten que ver coa labranza e coa sementeira, nada mellor que unha parábola de Xesús coma a de hoxe sobre a semente que cae na terra. O modo de vivirmos nas grandes cidades agáchanos moitas veces cousas fundamentais da vida: de como nacen as plantas, ás árbores e outros seres vivos. Dun gran pequerrecho e intranscendente á primeira vista sae un mundo de vida, de frondosidade, de beleza... Menos mal que nos pisos das cidades aínda podemos coidar nos balcóns ou nas terrazas unha ou varias macetas con plantas que nos gustan. E iso fainos presente, aínda que sexa a pequeno nivel, o que ocorre na natureza en grandes proporcións.
                     Cando eu era rapaz -nacera nunha pequena parroquia da nosa verde terra galega (coma o Balbino da novela de Neira Vilas)- unha das cousas que me gustaba facer, á parte de seguir niños de paxaros e apolitar nas árbores, era sementar castañas nun pequeno recipiente de lata con terra dentro e poñerme despois a esperar o día no que os primeiros gromos do futuro castiñeiro farían acto de presenza. Coido que non tiña que ver coa Trindade de Deus da que falabamos hai un par de domingos, pero, si, metía tres boas castañas na terra (non eran nin dúas nin máis de tres) e xa non lembro ben se saían despois un, dous ou ata tres cativos comezos do futuro e rexo castiñeiro. Logo, cando eran xa algo grandiños, levabámolos a unha veiga ou leira, para replantalos alí. Cos anos os castiñeiros, xa bos mozos ou adultos, devolvíannos nun só ourizo, dos moitos que o castiñeiro tiña, as castañas das que nos desprenderamos anos antes para sementalas na terra.
                     Estas marabillas da natureza que Deus puxo a andar están aí simplemente diante nosa. Para que aprendamos así a vermos como é a realidade e como é tamén Deus, aínda que non sexan elas máis ca pequenos sinais, a xeito de vagalumes, para orientármonos no escuro camiño da vida.
                     Xesús recorre moitas veces, como ben sabemos, a este tipo de realidades da natureza para que aprendamos a comprender o seu reino, o que el chama “o Reino de Deus”. É lóxico, porque o estilo de Deus, o seu modo de facer as cousas non pode ser moi distinto nun caso e noutro, quero dicir no eido natural e no que adoitamos chamar sobrenatural ou espiritual. Á fin e ó cabo, Deus é o autor común e único destas dúas dimensións da realidade, que nós máis dunha vez separamos demasiado. É un estilo que sempre ten que ver co marabilloso, co inesperado, co que nos abraia. É dicir, co divino.
                     Xesús descríbenos de maneira moi fermosa o proceso do gran de trigo desde que se sementa na terra ata que a espiga xa está a tempo para ser recollida e se converter en pan tenro e quente que nos alimenta. Ou apréndenos a ver tamén o que lle pasa ó gran de mostaza, que malia ser tan pequerrecho, é capaz de se converter despois en preferido obxectivo dos paxaros para construíren alí na primavera os seus niños.
                     As comparanzas de Xesús coa flora e a fauna que temos diante dos ollos por pouco que nos debrucemos na natureza, fálannos de que Deus, o creador da realidade toda e grandioso sementador de vida, de bondade e de amor, é un sementador que non quere queimar etapas, que dá tempo ó tempo, que non exerce violencia endexamais con ninguén. O que si fai é sementar arreo e de moitas maneiras a súa palabra, acochándoa co seu coidado e co seu agarimo para que no seu tempo produza froito.
                     Teñen moita importancia na evolución da humanidade os bos sementadores e sementadoras. Aquelas e aqueles que coa súa palabra, co seu modo de se comportaren cos demais, van facendo coa súa vida e coa súa constancia e paciencia que outros acollan e deixen medrar en si a semente de vida recibida.
                     Isto ten a súa aplicación non só no eido relixioso ou cristián, senón tamén no social e político. Convivín durante bastantes anos cun compañeiro meu xesuíta que era fillo dun relevante político galeguista chamado Antón Losada Diéguez, do que seguramente algunha vez oístes falar. Nun acto público sobre este importante político ourensán un dos que alí interviñeron comentou sobre Antón Losada que fora un gran “sementador”:  que escribira pouco, pero que sementara moito en conversas con persoas que despois serían grazas a el moi decisivos no eido concreto do galeguismo, como por exemplo Otero Pedrayo, Risco ou Castelao.
                     Pois ben, se pola nosa parte non nos sentimos moi satisfeitos connosco porque non acabamos de vérmonos a nós mesmos tan bos cristiáns como desexariamos, tentemos polo menos sementar coas nosas pobres palabras e coas as nosas humildes obras a frutífera palabra de Deus e as súas grandes obras e marabillas. E esperemos, teñamos paciencia, ata que agrome ó seu tempo a semente transformándose en nova e vizosa árbore, pois Deus ten os seus propios ritmos, que non teñen por que se identificar cos nosos.
                     Porque, á fin e ó cabo, non somos nós os verdadeiros sementadores. É sempre Deus quen, polos seus sorprendentes camiños, continúa a sementar a súa misteriosa palabra no mundo. El segue a facer sempre, xunto con nós, o traballo da súa sementeira. Nós non temos por que coñecer de antemán os froitos concretos que el quere acadar por medio de nós, na nosa época, ou por medio de cantos vaian vir despois de nós, nunha historia que endexamais deixará de se presentar en cada tempo concreto como nova e sorprendente.
                     Falábavos das castañas de cando eu era cativo. Agora, e para rematar, léovos anacos soltos dun poema do Pai Seixas, que vos procuro –como vedes- facer presente de cando en vez, pois el sementou moitas veces aquí, desde este altar, a palabra de Deus. Neste poema, dedicado ós seus pais e escrito por el cando tiña 33 anos, lembrábase el con fondo agradecemento a Deus, da súa infancia no colo agarimoso da natureza deste xeito:

Que tempos os de Gonzar!
Aínda era eu moi neniño!
Cando brincaba na herba,
cando ollaba os paxariños
 [...]
Que tempos os de Gonzar!,
tempos que foron tempiños!

Mazás da Santa Mariña
pasadas dos paxariños,
con que gozo eu vos comía,
caladiño, caladiño!
Abeleiras do abeleiro
da leira do meu paiciño,
que de cote eu atopaba
a carón do meu camiño!
Silvas cheas de amoriñas
remexidas cos espiños,
con que gusto eu vos comía
ao pasar polos camiños!
[...]

Tempos de Gonzar ditosos
fuxiron por seu camiño!
Non vos esquezo anque morra,
aínda que deixe o corpiño.
Foron os primeiros gromos
da miña espiga de millo.
[...]
Mais agora que fuxiron
cal fuxe o tempo dos niños;
agora que xa son home
dimpois de moito camiño;
agora bendigo a Deus
que alá naqueles tempiños,
coma o orballo que repousa
nas follas do treboliño,
así puxo nesta i-alma
deste probe picariño
a fogueira da súa gracia
que aluma no meu esprito.
Por iso ollando hoxe a Deus
e aos meus pais queridiños:
Que tempos os de Gonzar!,
tempos que foron tempiños!

CREDO

ORACIÓN DOS FIEIS

            Dirixímoslle a Deus Pai a nosa oración dicindo: Escóitanos, Pai.
            TODOS: ESCÓITANOS, PAI.

- Dános, Pai, fe na túa palabra, semente de vida e de felicidade.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.

- Fai, Pai, que a túa palabra feita carne en Xesús, produza en nós froitos abondosos de    fe, esperanza e caridade. 
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.

- Axúdanos, Pai e Sementador de vida, a respectar e amar os teus misteriosos ritmos na construción do teu Reino. 
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.

            Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo Noso Señor. AMÉN.


Manuel Cabada Castro



VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/domingo-11-tempo-ordinario-b-marcos-426-34/

 

Comentarios

Publicacións populares