LECTURAS EN GALEGO DOMINGO 5 de pascua (22 de maio)

DOMINGO V DE PASCUA  CICLO A



Primeira Lectura      Feit 6, 1-7
LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Escolleron sete varóns cheos do Espírito Santo

            Por aqueles días, como ía medrando o número dos discípulos, orixinouse un descontento dos helenistas contra os hebreos, porque se desatendía ás viúvas de fala grega no servizo diario. Entón os Doce reuniron a asemblea dos discípulos e dixeron:
            ‑ Non está ben que deixemos a palabra de Deus para nos dedicarmos ao servizo das mesas.
            Polo tanto, irmáns, escollede de entre vós sete homes de bo creto, cheos de Espírito e sabedoría, e poñerémolos para este oficio. Nosoutros continuaremos dedicados á oración e ao servizo da palabra.
            A proposta gustou á asemblea, e elixiron a Estevo, home cheo de fe e do Espírito Santo, a Filipe e Prócoro, Nicanor, Timón, Pármenas e Nicolao, prosélito de Antioquía; presentáronllelos aos apóstolos, e, despois de orar, impuxéronlles as mans.
            A palabra de Deus crecía, e medraba moito o número dos discípulos en Xerusalén e unha gran cantidade de sacerdotes aceptaban a fe.
                                                                                                                     
Palabra do Señor                                         
R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 32, 1-2. 4-5. 18-19

R/. (22): Veña a nós, Señor, a túa misericordia, como de ti o esperamos.
Ou: Aleluia.

Alegrádevos, xustos, no Señor:
ós homes rectos acáelles loarte.
Festexade o Señor coa cítola,
tocade para el con arpa de dez cordas.

A palabra do Señor é recta
e todas as súas obras son leais:
el ama o dereito e a xustiza,
a súa misericordia enche a terra.

Os ollos do Señor están postos nos que o temen,
nos que esperan na súa misericordia,
para librar as súas vidas da morte,
para os manter no tempo da miseria.


Segunda Lectura     1 Pe 2, 4-9
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PEDRO
Vós sodes raza escolleita, sacerdocio de reis

            Benqueridos irmáns:
            Ó achegárdesvos ao Señor, pedra vivificadora ‑ de refugallo para os homes, pero pedra escollida e apreciada aos ollos de Deus ‑, sede tamén vós, coma pedras vivas, parte da construción do templo espiritual: para os cultos dun sacerdocio santo e para ofrecer sacrificios espirituais, aceptables a Deus por medio de Xesús Cristo. Por iso lese na Escritura:
            Ollade que eu poño en Sión unha pedra
angular, escollida e digna de honra,
de xeito que quen confíe nela, non levará desengano.
            A súa honra é para vós, os que credes, pero para os que non cren é
a pedra que refugaron os canteiros
e que se converteu en esquinal,
e aínda máis:
en pedra onde se tropeza,
en couce onde un se esnafra.
            Eles tropezan contra a Palabra, porque non lle fixeron caso: tropezar era o seu destino.
Pero, en cambio, vós sodes raza escollida, sacerdocio de reis, nación santa, pobo adquirido por Deus, para pregoardes as marabillas daquel que vos chamou das tebras á súa luz admirable.

Palabra do Señor                                         
R/. Grazas a Deus


ALELUIA     Xn 14, 6
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Eu son o camiño, a verdade e a vida, di o Señor;
ninguén chega onda o Pai máis ca por min.
Aleluia.


Evanxeo     Xn 14, 1-12
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Eu son o camiño e a verdade e a vida

            Naquel tempo, díxolles Xesús aos seus discípulos:
            - Non vos agoniedes: crede en Deus e mais crede en min. Na casa do meu Pai hai moitas moradas; doutro xeito, teríavos dito que vos ía arranxar un lugar?
            E cando vaia e vos arranxe un lugar, volverei e collereivos comigo, para que, onde estea eu, esteades tamén vós. E a onde eu vou, vós ben sabedes o camiño.
            Dille Tomé:
            ‑ Señor, se non sabemos onde vas, como imos saber o camiño?
            Xesús respondeulle:
            ‑ Eu son o camiño, a verdade e a vida: ninguén chega onda o Pai máis ca por min. Se me coñecésedes, coñeceriades tamén a meu Pai; aínda que xa desde agora o coñecedes e o tedes visto.
            Filipe díxolle:
            ‑ Señor, móstranos o Pai e abóndanos.
            Xesús replicoulle:
            ‑ Pero, Filipe, levo tanto tempo convosco e aínda non me coñeces? Quen me viu a min, viu o Pai. Como dis entón "móstranos o Pai"?
            Non cres que eu estou no Pai e o Pai en min? As palabras que eu vos digo non as falo pola miña conta; é o Pai, que permanece en min, quen fai as súas obras.
            Crédeme que eu estou no Pai e o Pai en min. Se non, polo menos crede por esas mesmas obras.
            Con toda verdade volo aseguro: quen cre en min fará el tamén as obras que eu fago, e faraas meirandes aínda, pois estou para irme onda o Pai.

Palabra do Señor                                         
R/. Loámoste, Cristo


UNHA COMUNIDADE
               
Unha comunidade di moito cando é de Xesús.
Cando fala de Xesús e non das súas reunións.           
Cando anuncia a Xesús e non a si mesma.
Cando se gloria de Xesús e non dos seus méritos.

Cando se reúne en torno de Xesús
e non en torno dos seus problemas.
Cando se estende para Xesús e non para si mesma.
Cando se apoia en Xesús e non na súa propia forza.
Cando vive de Xesús e non vive de si mesma.

Unha comunidade di moito cando é de Xesús.
Unha comunidade di pouco cando fala de si mesma.
Cando comunica os seus propios méritos.   
Cando anuncia as súas reunións.

Cando non dá testemuño do seu compromiso.            
Cando se gloria dos seus valores.
Cando se estende en proveito propio.           
Cando vive para si mesma.
Cando se apoia nas súas forzas.

Unha comunidade non se cambalea polos fallos,
senón pola falta de fe.
Non se debilita polos pecados,
senón por esquecemento de Xesús.
Non queda pequena por carencia de valores,              
senón porque Xesús dentro dela é pequeno.
Non se afoga por falta de aire fresco,            
senón por asfixia de ausencia de Espírito de Xesús.

Unha comunidade só se perde cando perdeu a Xesús.
Unha comunidade convence e enche cando é a comunidade de Xesús.
Unha comunidade é forte, cando Xesús dentro dela é forte.
Unha comunidade pesa, cando Xesús dentro dela ten peso.

Unha comunidade marcha unida, cando Xesús está no medio.
Unha comunidade esténdese, cando estende a Xesús.
Unha comunidade convence e enche, cando é a comunidade de Xesús.


GRAZAS, SEÑOR, POR NON TERES RESERVADO O DEREITO DE ADMISIÓN

PÓRTICO

Moitas veces na nosa vida crémonos cristiáns “con denominación de orixe”, é dicir, cristiáns auténticos, con privilexios, porque desde sempre cumprimos cunhas prácticas relixiosas, aínda que as máis das veces, é certo, non comprometemos nelas a nosa vida. E desde ese sermos “cristiáns con pedriguí”, crémonos co dereito a xulgar, criticar ou condenar aos que se senten chamados por Deus máis tarde, aos que inculturan a súa mensaxe dun xeito diferente ao noso ou a aqueles que, poñendo a persoa coma orixe, centro e meta das súas accións, traen novas ideas, e abren novas fiestras para que se renove o aire.
Coma os de Emaús: Que torpes somos en comprender!!!!!!!!!!!!!!!!!!. Hoxe Xesús no evanxeo volveranos dicir que na súa casa hai un cuarto para cada persoa: máis soleados e con cheminea para os que teñen frío, máis fresquiño para os calorosos, con moito colorido para os creativos, máis sobrios para os serios, empapelados, pintados...
Só cómpre unha cousa: fiármonos del e .... amar, a tempo e a destempo, a todos e a todas. Que esta celebración pascual que agora comezamos nos axude a encamiñar a nosa vida para ir decorando o noso cuarto.

O PERDÓN

  • Porque coa nosa boca pequena dicimos que nos fiamos completamente de Ti, pero logo seguimos poñéndolle unha candea tamén ao demo, non vaia ser o conto... SEÑOR, QUE O NOSO DOGMA SEXA O SERVIZO.
  • Porque non acabamos de deixar entrar na nosa vida a quen é camiño, verdade e vida, CRISTO, QUE O NOSO DOGMA SEXA O SERVIZO.
·        Polas veces en que queremos impoñer o noso pensamento e a nosa verdade aos demais, impedindo outros puntos de vista ou opinións, SEÑOR, QUE O NOSO DOGMA SEXA O SERVIZO.

REMUÍÑO

E NO CENTRO, AGORA E SEMPRE, O SERVIZO E O AMOR: O Libro dos Feitos dos Apóstolos que relemos neste tempo pascual, ten que ser para cada un e cada unha de nós unha chamada a saber redefinir as nosas coordenadas de fe: onde estamos e onde queremos chegar. Porque son moitas as ocasións nas que perdemos o rumbo e afogamos a frescura dunha mensaxe liberadora nunha manchea de obrigas e de cultos baleiros e sen sentido que, as máis das veces, en vez de producirnos liberación, ledicia e serenidade, só conseguen agoniarnos e converternos en meros “monicreques“ de repetición. Así, canto tempo perdido en discusións, enfrontamentos, enfados... cando o único que nos día Xesús é: “querédevos“.
Pois ben desde esa primeira lectura á que facemos referencia, hoxe descubrimos como as diferenzas (que, grazas a Deus, sempre as houbo, as hai e as haberá, pois non esquezamos que son froito do Espírito) nas primeiras comunidades van tendo resposta desde a escoita, o diálogo, o querer entenderse, nunca desde a imposición e o ordeno e mando. Ai, que tempos aqueles!!!!!!!!!. E ademais, dános outra pista moi interesante que moitas veces esquecemos: a salvación de Deus pasa pola salvación das persoas; por iso non descoidan a atención e o coidado dos máis empobrecidos e dos últimos da comunidade. Para eles a fe non é un entretemento nin tampouco algo puramente espiritual, senón que a vivencia da fe lévaos ao compromiso, ou dito doutro xeito, eran quen de mirar en abano e de traballar en rede. Podemos dicir nós o mesmo?.

UN AMOR QUE É SOLIDARIEDADE E CONFIANZA EN DEUS E NOS DEMAIS: Porque non nos enganemos: unha comunidade que só mira para dentro de si mesma e non é capaz de concretar o compromiso de servizo e entrega aos pobres, é unha comunidade inmadura e infantil. De que nos vale rezar moito e con moita pulcritude, sen que ninguén nos moleste, non vaia ser..., se despois falamos mal uns dos outros, endurecemos o corazón diante do que sufre, somos incapaces de compartir con quen non ten, nos mostramos insensibles diante de quen o está a pasar mal ou non estamos dispostos a mover nin un só dedo para axudar a quen precisa de nós?. Desenganémonos: unha comunidade que non descubre que a solidariedade é un dos cimentos da fe e da Igrexa, é unha comunidade que non pode levar con dignidade o nome de cristiá. A solidariedade ten que ser a pedra angular do noso actuar, do noso sentirnos e descubrirnos cristiáns.
E porque sabemos que paga a pena fiarnos, cómpre que escoitemos ben o que o Señor nos di: que non nos agoniemos, hai cuartos para todos.... Cuartos, que non sotos.....Ufffffffffffffffffff!. Cantos esquemas se rompen!!!!!!!!!!!!!!!!!. Algúns dos nosos pastores, si, daqueles que nos ocuparon o domingo pasado, pasan a vida asustando aos rabaños coa condenación, con sotos cheos de lume nos que arderán os “inxustos” (por suposto os que non pensan, rezan e cren coma eles)... e resulta que hoxe o Señor di que el é camiño, verdade e vida e que na súa casa hai sitio para todos. Lo más!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!. Que aprendamos del a ser persoas incluíntes, nunca excluíntes. A Pascua que estamos a vivir é un bo momento para comezar, porque para a tenrura sempre é tempo.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Porque a misericordia do Señor enche toda a terra, unímonos para compartir e ofrecer o mellor de canto podemos dar, e dicimos xunt@s:

QUE NOS ESFORCEMOS POR SER PEDRAS VIVAS

§      Para que na Igrexa aprendamos a vivir o servizo como un valor evanxélico, e non como unha actitude paternalista, Oremos.

QUE NOS ESFORCEMOS POR SER PEDRAS VIVAS

§      Para que nas nosas comunidades non nos preocupemos tanto polo pouco número que somos e poñamos máis esforzo na nosa principal tarefa: ser diante do mundo testemuñas do Deus amor e auténticas pedras vivas, acollendo, perdoando, comprendendo... tamén a quen non pensa coma nós, Oremos.

QUE NOS ESFORCEMOS POR SER PEDRAS VIVAS

§      Para que cada un e cada unha de nós, que estamos aquí celebrando a túa resurrección, poñamos toda a nosa confianza en Ti, seguros de que nos darás a forza que nos leve a converter Palabra e Pan en compañía para quen está só, voz para quen enmudece e xustiza para quen se sente maltratado e incomprendido, Oremos.

QUE NOS ESFORCEMOS POR SER PEDRAS VIVAS
Porque somos na túa casa, que tamén e a nosa, pedras vivas, unímonos para reforzar a forza desta fe que hoxe agradecemos poder compartir.P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN
Ti ofreces a túa casa labrega
a toda a xente que camiña ao pairo polos camiños da vida.
Ti es amigo de acoller sen preguntar,
ofrecendo primeiro a calor da túa aperta,
a tenrura da túa amizade
e o alimento do teu amor.
Canto temos que aprender de ti!!!!!!!!!!!!.
Ti reservas un cuarto para cada persoa,
respectando o noso ser e as nosas teimas,
prezando a nosa voz e a nosa decisión,
provocando sempre a nosa responsabilidade.
Ti gardas sempre o sitio mellor,
o máis tranquilo, o que está mellor amoblado
para a persoa máis pobre e pequena,
para quen está máis marcada pola vida.
Canto temos que aprender de ti!!!!!
Ti lémbrasnos cada día
a infinidade de persoas que temos no mundo
orfas de casa e pan,
orfas de presente e de porvir,
mentres o teu soño primeiro
foi un fogar amplo, quentiño e común
no que poidamos vivir a ledicia da irmandade.
Canto temos que aprender de ti!!!!!!!!!!!!!
Ti non quedas parado.
Reclamas a nosa colaboración
para esta tarefa, sublime e elemental,
de darlle a cada persoa un cuarto
nesa casa grande, na túa casa labrega,
que é a humanidade.
Canto temos que aprender de ti!!!!!.

CANTOS
*    ENTRADA: Pedras vivas
*    GLORIA
*    LECTURAS: Eu soñei
*    OFERTORIO: Eu sei de quen me fiei
*    COMUÑÓN: Grazas, Señor, graciñas


Comentarios

Publicacións populares