LECTURAS DA MISA EN GALEGO - Domingo 3 de Pascua (08/05/11)
DOMINGO III DE PASCUA CICLO A
Primeira Lectura Feit 2, 14. 22-33
LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Era imposible que fora retido pola morte
O día de Pentecoste, Pedro, de pé cos Once, levantou a voz e díxolles:
‑ Xudeus e todos os que habitades en Xerusalén: entendede ben e escoitade as miñas palabras:
Fálovos de Xesús de Nazaret, home acreditado por Deus diante de vós por milagres, marabillas e sinais que Deus fixo por el entre vós, como vós mesmos sabedes; a este, entregado conforme ao plan establecido e á previsión de Deus, matástelo crucificándoo por man de impíos. Pero Deus resucitouno, librándoo das dores da morte, pois non era posible que ficase baixo o seu dominio.
Xa David di del:
Eu vía decote o Señor diante miña,
xa que está á miña dereita, para que eu non vacile;
por iso alegrouse o meu corazón e aledouse a miña lingua,
e mesmo a miña carne acougará esperanzada;
porque non abandonarás a miña alma no sitio dos mortos
nin permitirás que o teu santo vexa a corrupción.
Déchesme a coñecer camiños de vida,
encherasme de gozo coa túa presenza.
Irmáns, permitide que vos diga claramente que o patriarca David morreu e enterrárono e o seu sepulcro aínda está hoxe entre nós.
Pero, como el era profeta e sabía que Deus lle asegurara con xuramento que un descendente do seu sangue había sentar no seu trono, en visión profética falou da resurrección do Mesías, que nin quedou abandonado entre os mortos nin a súa carne viu a corrupción.
A este Xesús resucitouno Deus, cousa da que todos nós somos testemuñas. E agora, engrandecido pola dereita de Deus e recibido do Pai o prometido Espírito Santo, espallouno, que é o que vós vedes e sentides.
Palabra do Señor
R/. Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 15, 1-2a e 5. 7-8. 9-10. 11
R/. (11a): Has amosarme, Señor, camiños de vida.
Ou: Aleluia.
Gárdame, Deus, que en ti busco agarimo.
Eu declaro ao Señor: Ti es o meu dono,
Ti es, Señor, a porción da miña herdade e do meu cáliz,
está nas túas mans o meu porvir.
Bendigo o Señor que me aconsella,
e ata de noite me ensina no meu íntimo.
Teño sempre presente o Señor,
con el ao meu lado non vou vacilar.
Por iso o meu corazón está contento,
as miñas entrañas reloucan
e o meu corpo descansa seguro,
pois non abandonarás no abismo a miña vida,
nin deixarás que o teu santo vexa a corrupción.
Has amosarme camiños de vida,
has encherme onda ti de ledicia,
de gozo sen fin ao teu lado.
Segunda Lectura 1 Pe 1, 17-21
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PEDRO
Fostes redimidos polo precioso sangue do Año Inmaculado,Cristo
Benqueridos irmáns:
Aínda que lle podedes chamar Pai ao que xulga con imparcialidade as obras de cada un, comportádevos con respecto durante o tempo do voso peregrinar.
Porque xa vedes que non vos rescataron dese tipo idolátrico de vida, que recibistes dos vosos pais, con algo perecedoiro, tal coma ouro ou prata; senón que vos rescataron co precioso sangue de Cristo, Año sen defecto nin tacha.
El xa estaba escollido de antes da creación do mundo pero presentouse nos derradeiros tempos para o voso ben. Por medio del tedes fe en Deus que o resucitou da morte e o glorificou, e dese xeito a vosa fe e a vosa esperanza están postas en Deus.
Palabra do Señor
R/. Grazas a Deus
ALELUIA Cf. Lc 24, 32
Se non se canta, pódese omitir.
Aleluia, aleluia.
Señor Xesús, descúbrenos o sentido das Escrituras;
fai arder o noso corazón mentres nos falas.
Aleluia.
Evanxeo Lc 24, 13-35
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Recoñecérono na fracción do pan
Naquel día, o primeiro da semana, dous dos discípulos ían camiño de Emaús, unha aldea que está a uns dez quilómetros de Xerusalén.
Ían falando de canto pasara. E resulta que mentres parolaban e discutían, Xesús en persoa achegouse e camiñaba canda eles. Pero os seus ollos estaban incapacitados para o recoñeceren. Entón preguntoulles:
‑ De que ides falando polo camiño?
Eles pararon cun aspecto moi tristeiro, e Cleofás, un deles, respondeulle:
‑ Seica es ti o único forasteiro en Xerusalén, que non sabe nada do que pasou alí durante estes días?
El preguntou:
‑ De que, logo?
Eles contestaron:
‑ Do asunto de Xesús o Nazareno, que foi un profeta poderoso en obras e palabras, ante Deus e ante o pobo todo; de como os nosos sumos sacerdotes e demais xefes o condenaron a morte e o crucificaron.
Nós esperabamos que el fose quen liberase a Israel; pero xa van alá tres días desde que pasaron estas cousas. Claro que algunhas mulleres das nosas déronnos un susto, porque foron ao riscar o día ao sepulcro, e, ao non atoparen o corpo, volveron falando dunha visión de anxos, que lles aseguraron que el vive. E algúns dos nosos alá foron ao sepulcro, atopando todo como as mulleres dixeran; pero a el non o viron.
Entón díxolles:
‑ Que parvos e lentos sodes para crer todo o que anunciaron os profetas! E logo, non cumpría que o Cristo padecese todo isto, antes de entrar na súa gloria?
E comezando por Moisés e todos os profetas, foilles interpretando o que as Escrituras falaban del.
Ó entraren na aldea onde ían, fixo coma quen quería seguir para adiante. Pero eles porfiáronlle, dicindo:
‑ Queda connosco, porque se fai tarde, e a noite bótase enriba.
Quedou con eles. E mentres estaban na mesa, colleu o pan, bendiciuno e partiuno e déullelo. Entón abríronselles os ollos e recoñecérono; pero el desapareceu.
E dixeron:
‑ Non ardía o noso corazón, cando nos falaba polo camiño, interpretándonos as Escrituras?
E levantándose axiña, volveron a Xerusalén. Alí atoparon os Once reunidos cos seus acompañantes, que dicían:
‑ É certo, o Señor resucitou e aparecéuselle a Simón.
Eles tamén contaron o que lles pasara polo camiño, e como o recoñeceran no partir o pan.
Palabra do Señor R/. Loámoste, Cristo
ORACIÓN:
XESÚS FAI CONNOSCO O CAMIÑO
Xesús,
fas connosco o camiño da vida,
aínda que non te sintamos preto,
aínda que andamos tristes e desalentados.
Ti estás resucitado ao noso lado,
e como gozas na nosa compaña,
introducíndote en nós e nas nosas vidas
para gozar e sufrir connosco
aquilo que nós gozamos e sufrimos!
Canto desexas, Xesús,
que te invitemos a quedar connosco,
porque se fai tarde xa, e andamos cansos,
porque a noite xa se bota enriba
das nosas vidas pequenas e medorentas!
Con que afán
queres partir o teu pan connosco:
pan ledo e doloroso,
o pan miúdo e diario
da fraternidade miúda e diaria tamén;
o pan sobranceiro
da mesa soñada en total fraternidade.
Xesús,
verte e non verte,
sentirte ao noso lado, e pasas ..
seguir vivindo en fe,
pero coa certeza de que estás,
co corazón requentado en ti, por ti.
E volver á loita,
e desdicirnos das renuncias e abandonos
e xuntarnos outra vez co grupo dos amigos,
e animarnos a seguir crendo e esperando
nas cousas, na xente, no mañá,
porque te vimos e estás resucitado.
Deixando pegadas no camiño,
sempre chegamos á meta
Pórtico
Coma os discípulos de Emaús, tamén nós hoxe te recoñecemos ao partir o pan. Un pan que moitas veces está duro porque a vida non sempre é doada. Pero alí estás Ti. Un pan que noutras ocasións está aínda sen facer e se converte en pequenos que non son queridos e cuxa vida non lles vale nada aos maiores que por eles deciden. Pero alí tamén estás Ti. Un pan que noutras ocasións está tan queimado pola dureza da vida, polo abandono ao ser maiores, pola tristura de estar solos, pola falta de traballo, polo fracaso de todos os proxectos, pola desilusión que nos causan persoas ás que criamos amigas, un pan… demasiado torrado. Pero alí segues estando Ti.
Por iso nesta mañá, non sómente te recoñecemos no pan que se fai presente no medio da comunidade, senón que estamos decididos a levarte dentro de nós para que sigas a ser o alimento que nunca nos falte e sempre nos ama. Participemos xuntos deste pan.
Perdón
· Por deixar endurecer o pan da fraternidade que cada día nos ofreces e invitas a compartir, SEÑOR, ALIMÉNTANOS CO TEU PAN.
· Por non saber recoñecerte ao partir o pan do amor na nosa familia e na nosa parroquia, CRISTO, ALIMÉNTANOS CO TEU PAN.
· Por non querer entender que o pan non é só alimento físico, senón tamén: perdón, misericordia, axuda, preocupación polos demais… SEÑOR, ALIMÉNTANOS CO TEU PAN.
Remuíño
· A resurrección de Xesús é a maior e mellor de tódalas pegadas que El foi deixando tras de si. Nela invítanos a caer na conta que falar de resurrección é establecer no noso camiño unha meta, a orientación e o rumbo que queremos dar a nosa vida. Non é, polo tanto, nin algo máxico nin tampouco unha lenda ou un conto, como algúns ás veces din, senón un verdadeiro e grandioso xesto de amor que fai que a nosa vida cobre pleno e total sentido. Os camiño e as metas son fundamentais, porque van facendo que a vida se vaia desenvolvendo non ás toas, senón con pleno sentido. Os crentes en Xesús de Nazaré sabemos que a vida, por difícil e moitas veces, na súa aparencia chea de fracaso, paga a pena vivila e comprometerse desde ela para facerlla máis doada aos demais. Que non todo son éxitos e acertos, tamén Xesús resucita nas incomprensións, nas tristuras, nos enganos nos que podemos caer. É máis, nesas situacións de aparente fracaso e frustración, é onde a resurrección se fai real e concreta; nela ábresenos unha treboada de esperanza
qu e somos invitad@s a acoller para camiñar tras dela.
· E esta invitación abríusenos na noite de pascua. Se lembramos, no pregón eramos invitados a manifestar que Xesús resucitara, que o pasado non vai volver, que hai que deixalo atrás, que agora xurde o novo, e non podemos deixalo pasar por diante nosa como se fose un costume ou unha rutina. Resucitou, si!, e con El sabemos que tamén nós iremos resucitando. Pero o comezo desa resurrección xa está no aquí: o aquí que nos fai mellores persoas, o aquí que non nos deixa caer no pesimismo, o aquí que nos chama a non vivir a fe nin como costume nin como unha tradición, senón como unha experiencia viva e nova, que vai callando en nós, e nos ofrece un forno cheo de pan quente convertido en actitudes que buscan xustiza, que non calan diante da maldade, que non se volven indiferentes diante dos demais, que non volven a cara diante dos poderosos que oprimen, mandan e manipulan. Si, a resurrección xa comezou para cada un/a de nós, subamos ao carro e fagamos da nosa vida algo distinto.
· E que mellor signo que a reunión da comunidade no domingo para expresalo e vivilo. Coma os de Emaús, tamén nós hoxe somos invitados a recoñecelo neste pan que imos partir e compartir. Un pan que quere ser forza e alimento contra toda desesperanza, individualismo e calquera outra actitude derrotista. Nisto consiste afirmar que cremos que a morte non é o final do camiño. Ela, inda que aparentemente o poida parecer, non manda; é a vida á que se nos abre e á que se nos invita. Acollámola e rebelémonos diante da indiferenza e a rutina! Porque Cristo resucitou, convencédevos: os malos non van gañar!
Oración da comunidade
Unimos agora palabra e corazón para compartir a oración, que como comunidade que celebra e confesa a fe, busca a forza solidaria da confianza en Deus.E dicimos xunt@s:
QUE TE RECOÑEZAMOS NO PAN PARTIDO E COMPARTIDO
· Porque nos invitas a vivir o camiño da vida non individualmente, senón en comunidade, que nos esforcemos por descubrir que non somos mera estatística silenciosa dentro da Igrexa. Porque ti es alimento, nós estamos chamados a ser sempre a túa voz, Oremos.
QUE TE RECOÑEZAMOS NO PAN PARTIDO E COMPARTIDO
· Porque somos comunidades que, reunidas no teu nome, queremos camiñar alimentándonos do teu pan, que non deixemos pasar diante de nós a invitación de construír esperanza cos veciños, nos barrios, na colaboración parroquial… e canta iniciativa que beneficie a tod@s, Oremos.
QUE TE RECOÑEZAMOS NO PAN PARTIDO E COMPARTIDO
· Porque pascua é sempre vida e resurrección. Que cada un de nós deixemos entrar no corazón o pan compartido que alimente a nosa vida nas ledicias e nas dificultades. E que a nosa fe non se afaste nunca da riqueza do Evanxeo, Oremos.
QUE TE RECOÑEZAMOS NO PAN PARTIDO E COMPARTIDO.
Grazas, Señor, por invitarnos a compartir o pan da Eucaristía, pan de fraternidade e xustiza.P.X.N.Señor.Amén.
Reflexión
Non cambiedes.
O desexo de cambiar é inimigo do amor.
Non vos cambiedes a vós mesos: amádevos a vós mesmos tal como sodes.
Non fagades cambiar aos demais: amade a tod@s tal e como son.
Non intentedes cambiar o mundo: o mundo está nas mans de Deus, e El sábeo.
E se o facedes así… todo cambiará marabillosamente ao seu tempo e á súa maneira.
Deixádevos levar pola corrente da vida… lixeiros de equipaxe. (A. de Mello)
Cantos
· ENTRADA: Temos una festa
· GLORIA
· LECTURAS: Camiñarei na presenza do Señor
· OFERTORIO: Cantádelle ao Señor
· COMUÑÓN: Pan do ceo
Comentarios
Publicar un comentario