LECTURAS EN GALEGO DOMINGO 9 DE XANEIRO (Epifanía)
Domingo despois do 6 de xaneiro (EPIFANÍA)
O BAUTISMO DO SEÑOR
Nos lugares onde a solemnidade da Epifanía se traslada ao domingo, e este domingo cae nos días 7 ou 8 de xaneiro e, polo tanto, a festa do Bautismo do Señor trasládase ao luns inmediato, lese unha soa lectura antes do evanxeo.
Primeira Lectura Is 42, 1-4. 6-7
Velaquí o meu servo en quen eu me comprazo
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS
Isto di o Señor:
Velaí o meu servo, a quen teño collido da man;
velaí o meu escollido no que eu me comprazo.
Teño posto sobre el o meu espírito:
ditaralles sentencia xusta ás nacións.
Non berrará,
non levantará a súa voz nin a fará oír nas rúas.
Canivela fendida non a romperá,
e torcida esmorecente non a apagará.
Con fidelidade proclamará a xustiza,
non desfalecerá nin crebará
ata establecer na terra a xustiza,
e a súa lei, que esperan as nacións.
Eu, o Señor, chameite por causa da xustiza, collinte pola man e protexinte,
e convertinte en Alianza dun pobo e en luz das nacións,
para que lles abras os ollos aos cegos, para que libres do cárcere aos presos,
da prisión aos que viven na escuridade.
Palabra do Señor
SALMO RESPONSORIAL Sal 28, 1a e 2. 3ac-4. 3b e 9b-10
R/. (11b): O Señor ha bendicir o seu pobo coa paz.
Tributádelle ao Señor, fillos de Deus,
tributádelle ao Señor gloria do seu nome,
adorade o Señor no seu atrio sagrado.
A voz do Señor sobre as augas,
o Señor sobre as augas copiosas.
A voz do Señor é poderosa,
a voz do Señor é maxestosa.
O Deus glorioso fai tronar.
No seu santuario todo di: Gloria!
O Señor sentou sobre as augas,
o Señor senta como rei eterno.
Segunda Lectura Feit 10, 34-38
Unxiuno Deus co Espírito Santo
LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Naqueles días, tomou Pedro a palabra e dixo:
‑ Abofé, vexo que Deus non fai distinción de persoas, senón que acepta a quen lle é fiel e practica a xustiza, sexa da nación que sexa.
El mandoulles a súa palabra aos fillos de Israel, anunciándolles a Boa Nova da paz por Xesús Cristo: este é o Señor de todos.
Vós sabedes o que pasou en toda a Xudea, comezando desde Galilea, despois do bautismo que Xoán predicou: como Deus unxiu con Espírito Santo e con poder a Xesús de Nazaré, que pasou facendo o ben e curando a todos os que estaban asoballados por Satán; pois Deus estaba con el.
Palabra do Señor
ALELUIA Cf. Mc 9, 6
(Se non se canta, pódese omitir)
Aleluia, aleluia.
Abríronse os ceos e tronou a voz do Pai:
Este é o meu Fillo predilecto; escoitádeo.
Aleluia.
Evanxeo
CICLO A: Mt 3, 13-17
Bautizado Xesús, viu o Espírito de Deus que descendía sobre del.
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Naquel tempo veu Xesús desde Galilea ao Xordán para que Xoán o bautizase. Xoán trataba de impedilo dicindo:
‑ Como vés ti onda min, se es ti quen me tes que bautizar a min?
Xesús respondeulle:
‑ Deixa agora, pois convén que cumpramos a vontade de Deus.
Xoán accedeu.
Axiña que foi bautizado, Xesús saíu da auga. E velaí que se abriron os ceos, e viu o Espírito de Deus baixar coma unha pomba ata se pousar enriba del. E oíuse desde o ceo unha voz que dicía:
‑ Este é o meu fillo benquerido, o predilecto.
Palabra do Señor
comezan as lecturas dos domingos do tempo ordinario.
ORACIÓNS
UNHA VIAXE DE GALILEA AO XORDÁN
Xesús, bendicímoste,
porque eras un home inquedo.
Xesús, bendicímoste,
porque non te contentabas
con andar sempre os mesmos camiños.
Xesús, bendicímoste,
por non repetires os ditos baleiros
que outros dixeran.
Tí non crías iso de: “Somos carne de can “,
“As parcerías nunca foron boas”,
“Castigoute Deus”, “Nunca faremos nada”, etc.
Xesús, bendicímoste,
por non te contentares con seguir vendo a diario
as mesmas inxustizas de sempre
contra Deus e contra a xente.
Xesús, bendicímoste, porque che fervía o sangue,
porque andabas á esculca do ceo e da terra,
para descubrires neles un sinal de Deus
e unha esperanza para a xente.
Xesús, bendicímoste,
por seres un home inquedo,
por te xuntares con homes inquedos,
para atopares xuntos unha saída no noite do pobo.
Xesús bendicímoste,
na túa viaxe de Galilea ao Xordán,
para colleres forzas, para fortalecer as ilusións,
para aumentares a decisión
de ser semente de vida no pobo.
QUERO SER UN BUSCADOR
Xesús,
quero ser coma ti:
un buscador.
Non quero dicir cada día
as mesmas palabras,
nin andar os mesmos camiños cada día.
Non quero mirar para o ceo
cos mesmos ollas cada día;
nin tentar a terra e a xente coas mesmas mans
e o mesmo corazón cada día.
Xesús,
non quero contentarme
co que eu son, nin coa comunidade que temos,
nin con este mundo que nos deches
e que nós fomos facendo.
Xesús,
quero ser un buscador,
quero estar coas portas sempre abertas,
para recibir o que veña de fóra
e botar a andar cada día
polos camiños dos soños e das esperanzas.
Xesús,
mantén o meu ánimo co teu espírito
e faime forte no teu seguimento.
CHAMAS DE BENAVENTURANZA
Dános o teu Espírito aos mozos e aos maiores,
aos homes e ás mulleres, aos de arriba e aos de abaixo,
aos do Leste e aos do Oeste.
Dános o teu Espírito.
DÁNOS O TEU ESPÍRITO DE VIDA
Acende o teu Lume no corazón dos homes,
na boca dos homes, nos ollos dos homes,
nas mans dos homes. Acende o teu Lume.
ACENDE O TEU LUME DE AMOR
Envía o teu Alento aos que cren,
aos que dubidan, aos que aman,
aos que están sós. Envía o teu Alento.
ENVÍA O TEU ALENTO DE VIDA
Envorca o teu Ardor sobre as palabras dos homes,
sobre o silencio dos homes,
sobre as linguas dos homes,
sobre os cantos dos homes. Envorca o teu Ardor.
ENVORCA O TEU ARDOR.
Esperta a túa Inspiración en quen constrúen o mañá
en quen defenden o ben, en quen aman a vida,
en quen crean beleza. Esperta a túa Inspiración.
ESPERTA A TÚA INSPIRACIÓN
Derrama o teu Espírito sobre as casas dos homes,
sobre as cidades dos homes, sobre o mundo dos homes,
sobre os homes de boa vontade.
DERRAMA O TEU ESPÍRITO
Regálanos o teu Espírito, aquí e agora, sobre nós,
os que fomos convocados
a este encontro diario con Deus,
os que nos saudamos co bico da Paz,
os que nos miramos aos ollos e nos apreciamos.
REGÁLANOS O TEU ESPÍRITO
REMOL DA PALABRA
Hai que nacer da auga. Hai que nacer do Espírito de Deus
PÓRTICO
Rematado o tempo de Nadal, volvemos ao cotián, ao tempo ordinario. E comezámolo coa celebración do bautismo do Señor, para que non esquezamos que o día do noso bautismo supuxo a nosa incorporación á Igrexa.
Agora que vivimos tempo de seca, e comezamos a valorar a importancia da auga, non estaría de máis que tamén fosemos tomando conciencia do que significou para nós a auga do bautismo: fíxonos membros da comunidade, camiño de comuñón, experiencia solidaria, realizadores da misión de Xesús: “Ide e anunciade”.
Que a celebración que comezamos no leve a renovar con alegría o compromiso que por nós fixeron no día do noso bautismo.
PERDÓN
* Por non ser capaces de afondar nas esixencias do noso bautismo na vida de cada día, Señor, ten piedade de nós.
* Por esquecer que o bautismo nos incorpora á comunidade e nos esixe ser membros activos dela, Cristo, ten piedade de nós.
* Por deixar que os costumes e a desgana nos fagan perder entusiasmo á hora de deixarnos levar pola presenza do Espírito na nosa vida, Señor, ten piedade de nós.
REMUÍÑO
• Isaías dinos que Deus é luz e salvación, o que nos supón a cantos fomos acollidos na fe polo bautismo loitar cada día para ser luz e salvación no medio do mundo.Alí onde esteamos.Luz que poida ir abrimos camiños que deixen atrás canto supoña vivir a fe como se fose unha pura rutina; luz que supoña deixar atrás a tentación de facer da fe o ariete que a converta en crispación, enfrontamento, tensión, descualificación contra daqueles que querendo gobernar para todos, non queren facer da fe cristián un credo privilexiado ao que hai que favorecer por diante dos que non o teñen ou pertencen a outro.
Os cristiáns ternos que acostumarnos a vivir en sociedades democráticas, plurais, abertas, nas que é necesario convivir con outras xentes que non pensan igual a nós ou non profesan a fe no mesmo Deus ca nós, sen que iso supoña nin ter que sentírmonos acosados; nin supoña tampouco que nós ternos que impor o que nós pensamos, para que se lexisle segundo a nosa maneira De ver as cousas. Vivir en liberdade e pluralidade pídenos aos cristiáns ser moito máis coherentes co que cremos, sen térmonos que sentir apoiados polo sistema xurídico, senón pola convicción e coherencia persoal. O respecto dos dereitos humanos ten que vir da coherencia de vida, do actuar defendendo, cada quen, a dignidade do outro, no que vemos a presenza de Xesús, e con quen somos imaxe e semellanza de Deus. Pois so así poderemos facer a vontade de Deus.
• E como lles dicía Paulo aos Corintios, só deste xeito poderemos experimentar que en Cristo fomos salvados e se nos abriu o camiño da santificación. Un camiño que non nos virá das leis existentes nun país, senón da vida, da capacidade que cada un dos crentes teñamos de salgar coa nosa vida, o noso comportamento, as nosas actitudes ... a realidade onde vivamos, traballemos ou pasemos o noso tempo de lecer. Deste xeito seremos capaces de experimentar o que é a paz de Cristo.
• Entendemos entón por qué a auga, limpa e sinxela, que cada un de nós ternos recibido no bautismo se converte en estímulo, forza, alento ou responsabilidade na construción dun mundo máis respectuoso coas persoas e verdadeiramente empeñado en facer a casa onde ninguén poida ser excluído. E como para isto inda nos falta moito, a esixencia do bautismo chámanos a todos a traballar nesta tarefa. Que a forza do Espírito alente o noso quefacer!
ORACIÓN DA COMUNIDADE
Invitados a ser sal e luz no medio do mundo, compartamos agora a nosa oración e agradezamos a forza do bautismo na nosa vida.
Grazas por invitarnos a seguirte
* Pola Igrexa, para que non perda nunca a conciencia de que a súa misión é estar no medio do mundo xerando vida e esperanza. Oremos.
Grazas por invitarnos a seguirte
* Polas nosas comunidades parroquiais, para que saibamos valorar o que supón a incorporación dun novo membro, e o acollamos, xunto cos seus pais, con alegría entre nós. Oremos.
Grazas por invitarnos a seguirte.
* Por nós, para que na celebración de hoxe saibamos dar grazas ao Señor por ternos invitado formar parte do grupo do seus seguidores e amigos; e sexamos quen de compartir no medio do noso mundo o que supón sabemos acompañados e alentados por Deus. Oremos.
Grazas por invitarnos a seguirte
Grazas, Señor, por facernos caer na conta das consecuencias do noso bautismo, e por non deixar que convertamos a túa chamada a formar parte da comunidade, nun acto puramente social e baleiro de contido. P.X.N.S.Amén.
REFLEXIÓN
Porque, Señor, eu vinte e quero volverte ver, quero crer.
Vinte, si, cando era neno e en auga bautizáronme
e, limpo de culpa vella, sen veos púidente ver.
Quero crer.
Devólveme aquelas puras transparencias de aire fiel,
devólveme aquelas nenas daqueles ollos de onte.
Quero crer.
Limpa os meus ollos cansos, cegados do sen ver,
lastra de chumbo as miñas pálpebras e escurécemos ben.
Quero crer.
Xa todo é sombra e esquecemento e abandono do meu ser.
Ponme a venda nos ollos. Ponme as túas mans tamén.
Quero crer.
Ti que puxeches nas flores orballo e debaixo mel
filtra nas miñas secas pupilas dúas pingas frescas de fe.
Quero crer.
(Gerardo Diego)
CANTOS: Entrada: A auga do Señor Ofertorio: Xurdirá
Lecturas: Deixade esta terra Comuñón: Ide e pregoade
Comentarios
Publicar un comentario