LECTURAS EN GALEGO DOMINGO - 29 Xaneiro (Domingo IV Ord.)

DOMINGO  IV  DO TEMPO ORDINARIO  - CICLO  A


LECTURA DO LIBRO DO PROFETA SOFONÍAS
Primeira Lectura     Sof 2, 3; 3, 12-13
Farei que quede no medio de ti un pobo pobre e humilde

            Buscade o Señor todos os pobres do país,
que cumpristes os seus decretos;
buscade a xustiza, buscade a humildade.

            Quizais poidades escondervos no día da ira do Señor.
Farei que quede no medio de ti un pobo pobre e humilde,
e no Nome do Señor terá o seu refuxio o resto de Israel.

            Non farán maldades nin dirán mentiras;
non se atopará na súa boca lingua mentireira.
Si, eles pacerán e deitaranse sen que ninguén os espante.

Palabra do Señor                                         
R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL      Sal 145, 7. 8-9a. 9bc-10

R/.  (Mt 5, 3): Ditosos os pobres no espírito,
porque deles é o Reino dos Ceos.
Ou:  Aleluia.

O Señor failles xustiza aos oprimidos
e dálles pan aos famentos.
O Señor libra os cativos.

O Señor abre os ollos dos cegos,
o Señor endereita os dobrados,
o Señor ama os xustos.
O Señor protexe os forasteiros.

O Señor sostén os orfos e as viúvas,
extravía os camiños dos malvados.
O Señor reina eternamente,
o teu Deus, Sión, por xeracións e xeracións.
Aleluia.



LECTURA DA 1ª CARTA DO APÓSTOLO S.PAULO AOS CORINTIOS
Segunda Lectura     1 Cor 1, 26-31
Deus elixiu os febles do mundo

            Irmáns:
            Reparade en quen sodes os chamados: entre vós, mirando as cousas con criterios deste mundo, non hai moitos sabios, nin moitos poderosos, nin moitos da nobreza.

            Ó contrario, o que hai de parvo no mundo, iso foi escoller Deus para desconcertar os sabios; e o que hai de débil no mundo, iso foi escoller Deus para desconcertar o poderoso; o plebeo e mais o desprezado, iso foi escoller Deus: o que non é, para anular o que é; de xeito que ningún mortal poida campar diante de Deus.

            Por El é por quen existides vós en Cristo Xesús, quen se fixo para nós a sabedoría e mais a xustiza, a santificación e mais a redención que veñen de Deus. E así, como está escrito, "quen está orgulloso, que o estea do Señor".

Palabra do Señor                                         
R/. Grazas a Deus


ALELUIA     Mt 5, 12a
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Alegrádevos e reloucade,
porque grande será a vosa recompensa nos Ceos.
Aleluia.



LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Evanxeo     Mt 5, 1-12a
Ditosos os que teñen espírito de pobres


            Naquel tempo, Xesús, ao ver a multitude, subiu ao monte,
sen­tou e achegáronselle os seus discípulos;
e el, tomando a pala­bra, ensinábaos dicíndolles:

            Ditosos os pobres no espírito,
porque deles é o Reino dos Ceos.
            Ditosos os que choran,
porque eles serán consolados.

            Ditosos os sufridos,
porque eles herdarán a terra.
            Ditosos os famentos e sedentos de xustiza,
porque eles ficarán fartos.

            Ditosos os misericordiosos,
porque eles serán tratados con misericordia.
            Ditosos os de corazón limpo,
porque eles verán a Deus.
            Ditosos os que traballan pola paz,
porque eles serán chamados fillos de Deus.
            Ditosos os perseguidos por causa da xustiza,
porque deles é o Reino dos Ceos.

            Ditosos vós cando vos aldraxen, persigan e calumnien de calquera xeito pola miña causa; alegrádevos e reloucade, porque grande será a vosa recompensa nos Ceos.

Palabra do Señor                                         
R/. Loámoste, Cristo

ORACIÓNS

DITOSO TI, XESÚS, E NÓS CONTIGO

Ditoso ti, Xesús, e nós contigo,
Porque tiveches espírito de pobre
e levas e ofreces nas túa mans
un futuro mellor para o pobre.

Ditoso ti, Xesús, e nós contigo,
porque choraches,
fuches consolado polo Pai
e agora es fonte de consolación
para os que choran.

Ditoso ti, Xesús, e nós contigo,
porque nunca fuches agresivo ni covarde,
e o Pai fixo de ti, servidor, o señor de ceo e terra.

Ditoso ti, Xesús, e nós contigo,
sempre famento e sedento de xustiza;
Deus Pai fartoute
e da túa fartura recibimos todos nós.

Ditoso ti, Xesús, e nós contigo,
porque fuches misericordioso,
e fuches coroado con misericordia
para gozo e proveito de todos nós.

Ditoso ti, Xesús, e nós contigo,
marabilla de limpeza e transparencia,
no teu corazón limpo podemos ver a Deus.

Ditoso ti, Xesús, e nós contigo,
profeta e mártir da paz xusta;
chamado por iso e con razón
e ata o máis fondo Fillo de Deus.

Ditoso ti, Xesús, e nós contigo
perseguido ata a morte por causa da xustiza,
porque teu é o Reino do Ceo,
o futuro soñado en irmandade,
que agora nos ofreces.


OS SANTOS DE CADA DÍA

Pai bondadoso, fonte dos santos,
dámosche grazas,
polos santos que todos coñecemos:
por María, a nai de Xesús,
muller limpa e forte;
por Bieito, mestre de cristiáns,
por Francisco de Asís,
imán das cousas e dos pobres;
por Antonio, predicador do Evanxeo,
por Cosme, médico de corpos e de almas.

E tamén che damos grazas
polos santos sen nome,
que viven e sofren connosco,
que comen o noso pan
e beben o noso viño,
que tripan as nosas terras,
soñan os nosos soños
e bailan nas nosas festas.

Grazas polo pai e nai
que contemplan con tenrura
as medras do seu fillo. Graciñas.

Grazas polo labrego,
obreiro, ou empregado,
que poñen no seu lombo
o peso da súa existencia. Graciñas.

Grazas polos que fan unións,
moitas veces febles,
que anuncian un mañá mellor. Graciñas.

Grazas polos políticos honrados
que dan do seu
para que a todos lles chegue
o que é de todos. Graciñas.              

Grazas polo que perdoa,
e ofrece palabras de alento, e
fai nacer rosas nas silveiras. Graciñas.

Grazas polos esmagados,
que non poden ofrecer
mais ca un corazón desfeito. Graciñas.

E polos pobres con espírito. Graciñas.
E polos que coran. Graciñas.
E polos non agresivos. Graciñas.
E polos famentos de xustiza. Graciñas.
E polos de corazón limpo e brando. Graciñas.
E polos que traballan pola paz. Graciñas.
E polos perseguidos. Graciñas.
E polos que seguen e seguiron
o camiño do teu Fillo
nesta Terra sedenta de mans limpas
e ollos transparentes. Graciñas.



LOADO SEXAS, DEUS

Loado sexas, Deus,
nos pobres desta terra;
se o Espírito os anima,
faraos donos dela.

Loado tamén sexas
nas bágoas dos que choran,
con elas regan froitos
para o día da vitoria.

Loado en quen renuncia
a ser dos agresivos,
e soñan cunha terra
sen paus e sen dominios.

Loado nos famentos
de pan e de dereitos,
no teu gran día, Deus,
veranse satisfeitos.

Loado nos doídos
das miserias alleas,
para eles terás, Deus,
entrañas de tenrura.

Loado tamén sexas
nos corazóns sen tacha,
na xente que reflicte
a bondade na ollada.

Loado sexas, Deus,
nos artistas da paz;
se fan paz con dereitos
filliños teus serán.

Loado finalmente
en tantos perseguidos
por defender o pan
dos pobres e aflixidos.


BENAVENTURANZAS  1

Ditosos os que saben rirse de si mesmos,
porque nunca rematarán de divertirse.
Ditosos os que saben distinguir unha montaña dunha pedriña,
porque evitarán moitos inconvenientes.

Ditosos os que saben descansar e durmir sen buscar escusas
porque chegarán a ser sabios.
Ditosos os que saben escoitar e calar,
porque aprenderán cousas novas.

Ditosos os que son suficientemente intelixentes,
como para non tomarse en serio,
porque serán apreciados por quen os rodean.
Ditosos os que están atentos as necesidades dos demais,
sen sentirse indispensables,
porque serán distribuidores de alegría.

Ditosos os que saben mirar con seriedade as pequenas cousas
e con tranquilidade as cousas grandes,
porque irán lonxe na vida.
Ditosos os que saben apreciar un sorriso
e esquecer un desprezo,
porque o seu camiño será pleno de sol.

Ditosos os que pensan antes de actuar
e pregan antes de pensar,
porque non se turbarán polo imprevisible.
Ditosos vós se sabedes calar e sorrir
cando vos quiten a palabra,
vos contradigan ou cando vos pisen os pés,
porque o Evanxeo comeza a penetrar no voso corazón.

Ditosos vos se sodes capaces de interpretar
sempre con benevolencia as actitudes dos demais
aínda cando as aparencias sexan contrarias.
Pasaredes por inxenuos: é o prezo da caridade.
Ditosos sobre todo, vós,
se sabedes recoñecer ao Señor en todos os que atopades,
entón atoparedes a paz e a verdadeira sabedoría.
                                                               (San Tomé Moro)


BENAVENTURANZAS  2

Benaventuradas as persoas inquedas,
que nunca se venden a unha situación.
Benaventuradas as persoas sinxelas,
alleas ao barullo da ostentación.

Benaventurado é quen vive contra corrente,
e sae ao paso da xente se está a xente no erro.
Benaventuradas as persoas sinceras,
contén a súa vida conciencia e verdade.

Benaventuradas as persoas que perden
diñeiro e honores por non claudicar.
Benaventuradas as persoas que viven
buscando o sentido da súa liberdade.

Benaventurada é aquel que admite opinións
e xulga as situacións sen prexuízo e sen paixón.
Benaventuradas as persoas sen brillo
en torno a súa vida non hai expectación.
Benaventuradas as persoas que calan
e só nas súas obras nos dan a súa opinión.

( Montera - Olivar. Gritos y plegarias, 63 )


Cando un busca, por moito que nos escondamos… sempre nos atopan. Deus sae na nosa procura, e sempre acaba atopándonos. Grazas.

Pórtico

         Estar orgullos@ do Señor, un orgullo que nos fai ditos@s. Esta é a invitación que nos dirixe a celebración de hoxe. Que non nos sintamos avergoñados por manifestarnos e sentírmonos crentes, ao contrario, que iso supoña na nosa vida ledicia, gozo, frescura, creatividade e forza para que, canto fagamos, o saibamos poñer na man e protección do Señor. Que mellor cousa para chamarnos ditos@s! E que maior e mellor recompensa: o agarimo de Deus para sempre. Esta é a nosa esperanza, e por iso nos volvemos xuntar hoxe aquí.


Perdón

o       Por todas as veces nas que a nosa mala conciencia nos leva a apartarnos de Ti, SEÑOR, GÁRDANOS NA TÚA MISERICORDIA.
o       Por todas as veces nas que temos esquecido que só na sinxeleza e no respecto dos demais poderemos acadar a túa benaventuranza, CRISTO, GÁRDANOS NA TÚA MISERICORDIA.
o       Porque con moita facilidade esquecemos canto de bo vas poñendo no noso camiño, SEÑOR, GÁRDANOS NA TÚA MISERICORDIA.

Remuíño

v      Invítanos hoxe o Señor a que saiamos buscalo. Onde, poderemos preguntarnos cun toque de inxenuidade? Unha pregunta da que xa sabemos a resposta, porque El ténnola dado moitas veces ao longo das páxinas da Palabra: nos pobres, si, naqueles aos que ninguén presta atención nin fai caso. Pobres non só de cartos, que neste momento tamén, pero principalmente nos pobres que se senten baleiros interiormente, nos pobres que son incapaces de facer autocrítica sobre a súa vida, nos pobres que só teñen cartos e aos que lle segue a faltar todo; nos pobres que logo de ter dado moito amor ao longo da súa vida, descóbrense agora na máis absoluta das soidades; nos pobres que téndoo todo, non foron capaces de ter o máis importante: sentirse amados e ser capaces de amar. Son moitos os pobres e as pobrezas coas que hoxe nos imos atopando cada día. Nós temos que esforzarnos, e ás veces si que é difícil!, por atopar neles ao Señor. El non se esconde. Nós, moitas veces si.

v      Paulo dinos que como Deus se quere mostrar, faino de xeito que, se lle poñemos un pouco de atención, o poidamos descubrir nos máis débiles. Aqueles aos que nunca se lles escoita, aos que non se lles presta atención, aos que non se lles entregan premios nin se lles ofrece recoñecemento social, nos que non teñen títulos e non pasaron por universidade ningunha, a non ser a da vida, e na que foron aprendendo que o que fai a unha persoa ditosa só é, logo de moito sintetizar e de buscar o esencial, amar e ser amado. É dicir, aqueles que teñen o corazón grande. Non é fácil porque a corrente puxa por nós moitas veces en dirección contraria, pero este ha ser o noso reto, nel temos que poñer todo o noso esforzo, para que aquela auga que nos botaron na cabeza o día do noso bautismo –incorporación/purificación– vaia polo regueiro adecuado ata a desembocadura no mar que, para nós, é Xesús de Nazaret, Aquel que non cansou de dicir: ditosos os:

o        Pobres
o        Que choran
o        Sufridos
o        Famentos e sedentos de xustiza
o        Misericordiosos
o        De corazón limpo
o        Traballan pola paz
o        Perseguidos por causa da xustiza

v      Porque deles é o Reino dos ceos. Un Reino que comezou xa, do que nós somos continuadores e animadores, e que rematará cando academos a felicidade plena ao seu lado.

Oración da comunidade

         Ti, Señor, sempre nos chamas. Falo con tenrura e agarimo. Agradecidos dicímosche agora xuntos:
DITOSO QUEN RESPONDE Á TÚA INVITACIÓN, SEÑOR
*      Para que os que asumen o servizo de guiar, acompañar, alentar, formar... na Igrexa, se esforcen por facelo con actitude de sinxeleza e capacidade de escoita, Oremos.
DITOSO QUEN RESPONDE Á TÚA INVITACIÓN, SEÑOR
*      Para que nas nosas comunidades teñamos sempre presente que es Ti o que nos chama e invita, e saibamos responder con actitude de servizo e defensa dos máis débiles e necesitados, Oremos.
DITOSO QUEN RESPONDE Á TÚA INVITACIÓN, SEÑOR
*       Para que cada un e cada unha de nós nos esforcemos cada día en traballar por ser ditosos, facendo, co noso traballo, ditosos aos demais, Oremos.
DITOSO QUEN RESPONDE Á TÚA INVITACIÓN, SEÑOR

Señor, grazas por ofrecernos a capacidade de ser ditosos, aprendendo a servir e a dialogar cos irmáns. P.X.N.Señor. Amén.

Reflexión

Ditosa a xente misericordiosa

A xente que se doe dos demais.
A xente de corazón brando ante a miseria.
A xente afectada polas desgrazas alleas.
A xente que ten paixón e tenrura.
A xente que remedia as persoas necesitadas.
A xente que converte o amor en estruturas sociais organizadas.
A xente que, desde a política, responde aos dereitos das persoas e dos grupos máis débiles.
A xente que non pode ollar o mundo con indiferenza.
A xente que chora con quen chora.
A xente que toma en serio a dor allea.
A xente que se compromete en tarefas de solidariedade e voluntariado.
Porque Deus é iso: un corazón apegado a todas as persoas que atopan a dor no seu camiño de construción persoal e social. Así nos convocas. Amén.

(Manuel Regal, A graza…, 88/89)

Cantos

ö       ENTRADA: Que ledicia a miña
ö       LECTURAS: Ditoso o que segue ao Señor, e vai polo seu camiño
ö       OFERTORIO: Cantádelle ao Señor unha cantiga nova
ö       COMUÑÓN: Benaventurados



Comentarios

Publicacións populares