LECTURAS DA MISA EN GALEGO - Domingo 3 Tpo. Ordinario (23 de xaneiro)



LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS
Primeira Lectura      Is 8, 23b - 9, 3
O pobo viu unha gran luz na Galilea dos xentís

            Así como nun primeiro momento o Señor humillou o país de Zebulón e o país de Naftalí, así no derradeiro glorificará o camiño do mar, a rexión do Xordán, a bisbarra dos xentís.
            O pobo, que camiñaba na escuridade, viu unha gran luz.
Unha luz brillou sobre os que habitaban no país das sombras da Morte.
Multiplicaches o xúbilo, fixeches grande a ledicia.
            Alegráronse coa túa presenza, como coa alegría da seitura,
o mesmo que saltarán de xúbilo ao repartiren o botín.
            Velaí o xugo da súa carga e o varal do seu ombreiro
‑ o bastón de quen o oprime ‑: rompíchelos coma o día de Madián.

Palabra do Señor                                         
R/. Grazas a Deus

SALMO RESPONSORIAL     Sal 26, 1 . 4. 13-14

R/.  (1a):  O Señor é a miña luz e salvación.

O Señor é a miña luz e salvación,
a quen hei de temer?
O Señor é a protección da miña vida,
diante de quen hei tremer?

Unha cousa lle pido ao Señor,
unha soa eu procuro:
habitar na casa do Señor
todos os días da miña vida,
para gozar da dozura do Señor,
e contemplar o seu templo.

Eu espero gozar da bondade do Señor
na terra da vida.
Espera no Señor, procede coma un valente,
ten corazón forte, espera no Señor.


LECTURA DA 1ª CARTA DO APÓSTOLO S.PAULO ÓS CORINTIOS
Segunda Lectura     1 Cor 1, 10-13. 17
Que vos poñades todos de acordo e que non haxa divisións entre vós

            Irmáns:
            Polo nome do noso Señor Xesús Cristo rógovos que vos poñades todos de acordo e que non haxa divisións entre vós; ao contrario, axeitádevos todos nun mesmo espírito e nun mesmo pensamento.
            Porque, irmáns, cheguei a saber polos de Cloe que hai discordias entre vós. Refírome a que cada un de vós anda a dicir: "eu son de Paulo, eu de Apolo, eu de Cefas, eu de Cristo".
            Pero é que Cristo está dividido? É que foi Paulo a quen crucificaron por vós? Ou é Paulo o nome no que vos bautizaron?
            A min non me mandou Cristo a bautizar, senón a predicar o Evanxeo; e isto sen habilidades retóricas, para que non quede desvirtuada a eficacia da cruz de Cristo.

Palabra do Señor                                          
R/. Grazas a Deus


ALELUIA    Cf. Mt 4, 23
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Xesús predicaba o Evanxeo do Reino
e curaba todas as enfermidades do pobo.
Aleluia.

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Evanxeo     Mt 4, 12-23 (longo)
Veuse a Cafarnaúm para que se cumprise o que dixera Isaías

            Cando soubo Xesús que encadearan a Xoán, retirouse a Galilea. Deixando Nazaret, foise establecer en Cafarnaúm, na beira do mar, en terras de Zebulón e Naftalí, para que se cumprise o dito polo profeta Isaías:
            Terra de Zebulón, terra de Naftalí, camiño do mar na outra ribeira do Xordán. Galilea dos pagáns. O pobo que xacía na escuridade viu unha gran luz: Para os que habitaban no escuro país da morte brillou unha alborada.
            E desde aquela empezou Xesús a predicar, dicindo:
            ‑ Arrepentídevos, que o Reino dos Ceos xa está aí.
            Camiñando Xesús pola ribeira do mar de Ga­lilea, viu a dous irmáns: Simón, tamén chamado Pedro, e seu irmán Andrés, que estaban largando a rede no mar, pois eran pescadores. Díxolles:
            ‑ Vinde comigo e fareivos pescadores de homes.
            Eles deixaron de contado as redes, e seguírono.
            Máis adiante, atopou outros dous irmáns: Santiago e mais Xoán, fillos de Zebedeo, que estaban co seu pai na barca arran­xando as súas redes, e tamén os chamou.
            Eles coa mesma deixaron a barca e mais a seu pai e seguíro­no.
            Xesús percorría a Galilea enteira ensinando nas sinagogas e anunciando a Boa Nova do Reino, curando canta doenza padecía o pobo.

Palabra do Señor                                                      
R/. Loámoste, Cristo


ORACIÓNS


COMPAÑEIRO DUN SOÑADOR

Xesús, eu estou cabo de ti,
coma Pedro e Andrés,
coma Santiago e Xoán.

Xesús, vexo que es un soñador.
Quizais xamais dos mísiles se farán tractores.
pero eu estou cabo de ti.

Se cadra xamais comerán o pan xuntos,
baixo o mesmo ceo
e á mesma mesa,
o presidente dun banco
e un obreiro en paro ... ,
pero eu estou cabo de ti.

É posible que xamais os pobres
a xente de a pé,
recupere na sociedade
o posto que ten reservado
no corazón de Deus,
como ti soñas ... ,
pero eu estou cabo de ti.

Xesús cando foxes do tirano Herodes,
para que o “plan” non morra,
eu estou cabo ti.
Cando te vas para Cafarnaún
buscando ambiente para o “plan”:
eu estou cabo de ti.

Cando fas grupo cos amigos,
que eran traballadores,
­para dar forza ao “plan”
eu estou cabo de ti.
Cando aproveitas todos os lugares
para anunciar o “plan”,
eu estou cabo de ti.

Cando levas sanidade á xente
para indicar que o “plan” empeza,
eu estou cabo de ti.


VIVIR AO PAIRO

Vivir ao pairo
O espazo do Reino non é un cálido
e cómodo re cuncho desvinculado da vida.
Non é unha burbulla espiritual para a paz interior.

O espazo do Reino está feito de exporse,
arriscar, implicarse, complicarse, namorarse e rir,
sufrir, loitar e a intres gañar ou perder,
sabendo que, alá onde vaiamos, ti vas connosco.
Non pasa nada por vivir ao pairo,
se na incerteza somos capaces de volvernos a ti
para que guíes os nosos pasos.
No noso mundo de seguridades e certezas
necesitamos rezar para pedirche a lucidez
de quen arrisca, a sabedoría de quen nada posúe
e a valentía de quen todo o soña posible.


REBORDAR DE AGRADECEMENTO

Señor, o meu corazón reborda de agradecemento,
por tantos dons e bendicións que me tes dado.
Non bastaría o canto do corazón e dos beizos,
se non puxese a miña vida ao teu servizo,
para darche testemuño coas miñas accións.

A Ti a gratitude e a loanza.
Tí sacáchesme da nada e fixéchesme o teu elixido;
fixéchesme feliz co te amor e a túa presenza.
Non te coñezo ben,
Nin sequera coñezo as miñas necesidades.

Pero Ti, Pai!, créacheme con un so corazón,
para que sexa para Ti, só para Ti.
Señor, estar diante de Ti é o máis grato que se pode pensar.
Neste momento preséntome diante de Ti,       
acéptame cando e como queiras,
fai de min segundo os teus desexos.

Ti es meu e eu son teu.
Creáchesme a túa imaxe, dun pouco de po,
e fixéchesme fillo teu.
Honor, gloria, loanza para Ti,
por séculos de séculos. Amén.


CHÁMASME A MIN, XESÚS

Chámasme a min, Xesús,
eu quero sentir no fondo do meu corazón
a voz da túa chamada.
Que a sinta e que a colla,
coma Pedro e Andrés,
coma Santiago e Xoán.

Chámasme a min, Xesús,
gustaríame descubrir
o engado da túa persoa e do teu proxecto,
arrastrándome desde dentro
coa forza do amor e da amizade íntima.

Chámasme a min, Xesús,
quero seguirte aínda que me custe,
aínda que teña que renunciar algo
ós meus proxectos, ós meus gustos,
ás miñas comodidades, á miña familia,
ó meu proveito.

Chámasme a min, Xesús,
para aprender cousas da vida cabo de ti,
para gozar da túa amizade cada día,
para gozar da compaña e alento doutros compañeiros.

Chámasme a min, Xesús,
para facer contigo e co teu grupo
algo novo no pobo,
para axudarte a curar as doenzas do pobo,
para soñar cada día, aínda que custe,
unha alborada máis feliz para todos.


A XESÚS ROSTRO DE DEUS

Na gloria do teu rostro contemplamos,
Xesús, Fillo unixénito de Deus,
a beleza divina que florece
nas moradas eternas alá nos ceos.

Se a luz da eterna vida que pregaches
as tebras deste mundo recusaron,
dá, Deus benigno, a túa plenitude
a aqueles que en ti creron e te amaron.

Compañeiro do home peregrino
a través dos camiños desta vida,
conduce os nosos pasos sempre firmes
ao camiño da Terra prometida.

Loor e gloria a ti, oh Pai celeste,
e ao Fillo, a túa imaxe e esplendor,
e ao Espírito de ambos procedente,
ambos unidos nun eterno amor.


REMOL DAS LECTURAS
PORQUE O REINO XA ESTÁ AQUÍ.... CELEBRÉMOLO UNID@S

PÓRTICO

O noso mundo está cheo de modelos, de persoas ás que admiramos polas súas calidades, polo seu xeito de ser, de actuar ou de afrontar a vida. Futbolistas, políticos, actores, cantantes... e , en menor escala escritores, poetas, músicos... Porque todos necesitamos reflectirnos nalgunha persoa, especialmente para proxectar o que nos falta a nós. O problema quizá sexa cando non temos referentes, cando non existen esas persoas ou son mediocres. Hoxe a celebración fálanos que os cristiáns non necesitamos buscar moito para a topar un modelo a quen seguir: Xesús, que non falla nunca e é luz na nosa vida. A que esperamos para dicirlle que si?.


O PERDÓN

·         Porque moitas veces fáltannos iniciativa, ilusión e imaxinación á hora de botar as redes, caendo na imposición e na vulgaridade, SEÑOR, PERDOA O NOSO EGOÍSMO.
·         Porque moitas veces o noso individualismo, a nosa autosuficiencia e o noso afán de protagonismo fan que se rompa a unidade nas nosas familias, nas nosas comunidades, cos nos@s veciñ@s, CRISTO, PERDOA O NOSO EGOÍSMO.
·         Porque moitas veces non somos quen de recoñecer os nosos erros e si estamos dispostos a acusar a quen temos ao noso carón, SEÑOR, PERDOA O NOSO EGOÍSMO.

 

REMUÍÑO

·         VIMOS UNHA GRAN LUZ: Nos tempos que corren, son moitas as persoas que teñen unha actitude negativa e desconfiada diante do futuro e da humanidade. Cans@s de que a economía non vaia arriba, cans@s de que a Igrexa non acabe de ser esa voz profética que acolle e dea resposta a tantos retos que hoxe nos formula a sociedade, cans@s, moitas veces de traballar, de vivir, de loitar. Se cadra teriámonos que preguntar en quen puxemos a confianza?, quen nos valía para seguir adiante?. Era tanto o que tiñamos que deixar atrás para que seguir o camiño que nos marcou Xesús?. Para que ser austeros se o tiñamos todo?, para que vivir a pobreza se iso non ía connosco?, para que colaborar cos demais se o que vale é o “sálvese quen poida”?. Diante deste panorama, o final víase vir. Fallou a base, fallaron as persoas e tod@s entramos nun túnel negro e sen luz que é o noso futuro. Pero hoxe esta celebración quere poñer luz, alegría e liberación. Como Isaías, tamén nós podemos dicir que o xugo do opresor, o materialismo, está quebrado e a vara do oportunismo, do dispendio e do egoísmo, tamén rachou. Temos un novo horizonte por diante, unha nova xeira de colaboración, unha nova luz alumeou e segue chamándonos ao final deste túnel. Unha luz que vén de nacer hai uns días e que é alegría para tod@s nós.
·         E POR ISO SOMOS PESCADORES DE HOMES: Só desde unha actitude de coherencia e compromiso fondo con aquel no que cremos, só se realmente a fe pinta algo na nosa vida, seremos quen de facer que os demais se cuestionen pola relixión, se cuestionen por Deus. Ás veces a Igrexa converteu a expresión e a chamada que escoitamos hoxe no evanxeo a sermos “pescadores de homes”, en sinónimo de imposición, facendo valer aquilo de que o importante é contar con moito número. Sen embargo, o camiño nunca pode ser o da obediencia cega, nin o do medo ou a obriga, porque ademais de ser vieiros contrarios á mensaxe de Xesús, son tamén armas que se volven na súa contra co paso do tempo. O camiño pasa logo pola invitación, non pola imposición; polo cuestionamento e pola fondura das nosas conviccións e non pola obediencia cega, o adoutrinamento ou o cumprimento de normas sen sentido.
·         NA UNIDADE, QUE NON É UNIFORMIDADE: Nesta semana tamén pedimos pola unidade. Unidade de todos os cristiáns, pero tamén unidade dentro da nosa Igrexa e mesmo dentro das nosas comunidades parroquiais. Unidade que non podemos confundir con uniformidade, pois somos conscientes da existencia de diferentes xeitos de pensar, de actuar, de distintas posibilidades.... e de que isto é algo que nos enriquece. Porén, moitas veces atopámonos con que a nosa intolerancia e a nosa autosuficiencia impiden que camiñemos na unidade evanxélica. Parapetámonos na nosa verdade e non estamos dispostos a escoitar e moito menos a aceptar aos que non pensan ou non actúan coma nós. En definitiva, tod@s queremos ser “líderes da manada”, sen caermos na conta de que a mensaxe de Xesús non separa entre dominantes e dominad@s, senón que integra, acolle e ábrese a todas as opcións que respecten a dignidade da persoa. Hoxe é un bo día para mirar dentro da nosa vida, da nosa parroquia, da nosa Igrexa e botar fóra todo aquilo que supoña división, enfrontamento ou ruptura.

 

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Señor, Ti queres que sexamos a túa luz no medio das persoas. Conscientes de que para iso necesitamos da túa axuda, dicímosche confiad@s:
QUE NUNCA ESMOREZA A TÚA LUZ NAS NOSAS VIDAS
·         Pola Igrexa, para que non caia na tentación dos personalismos e dos bandos e camiñe unida baixo o único Mestre que é Cristo, dando exemplo de unidade e de servizo desinteresado, OREMOS
QUE NUNCA ESMOREZA A TÚA LUZ NAS NOSAS VIDAS
·                     Polas nosas comunidades parroquiais, para que, polos camiños evanxélicos do diálogo e do perdón, da tolerancia e da colaboración, da variedade e do compartir, sexamos quen de superar prexuízos e atrancos e cheguemos á verdadeira comuñón, OREMOS.
QUE NUNCA ESMOREZA A TÚA LUZ NAS NOSAS VIDAS
·         Por tod@s nós, para que teñamos sempre na nosa vida unha actitude de conversión continua, sendo quen de recoñecer os propios erros, refacer camiños e endereitar posturas para acadar unha mesma meta: a construción do reino de Deus, OREMOS.
QUE NUNCA ESMOREZA A TÚA LUZ NAS NOSAS VIDAS
Grazas, Señor, porque día a día es luz no noso camiño. Que sempre busquemos esa luz e así lla mostremos aos demais. PXNS. Amén

 

PARA A REFLEXIÓN

Polos vieiros do mundo,
ti pasaches dicindo a verdade.
Polos vieiros da terra,
Ti fuches romeiro e mensaxeiro do Pai.
Polos camiños da historia,
Ti estiveches atento aos sinais dos tempos.
Polos camiños dos pobres,
Ti fixeches a vontade do Pai.
Polos vieiros de Deus,
Ti fuches ao encontro de todas as persoas, fillas e marxinadas.
Polos camiños da periferia,
Ti anunciaches a Boa Nova.
Polos vieiros dos irmáns e das irmás,
Ti fixeches o camiño cara ao Pai.
Polos camiños da vida,
Ti mesmo fixeches o teu propio camiño.
Polos teus vieiros, lévanos Señor.

CANTOS

·         ENTRADA: Que ledicia a miña
·         LECTURAS: Sede o sal sede a luz
·         OFERTORIO: Ti es camiño é verdade
·         COMUÑÓN: Ide e pregoade



Comentarios

Publicacións populares