LECTURAS EN GALEGO DOMINGO 16 DE XANEIRO (Domingo II Ord.)

LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS
Primeira Lectura      Is 49, 3. 5-6
Fareite luz dos pobos, para que se dea a miña salvación

            Díxome o Señor: "Ti es o meu servo, Israel, de ti virame a sona".
"Serei glorificado coa presenza do Señor, e o meu Deus será a miña forza".
            Pois agora ‑fala o Señor que desde o seo da nai me formou para ser o seu servo, para facer volver onda El a Xacob e para que Israel se xunte con El ‑:
“É moi fácil para ti ser o meu servo,
restablecendo as tribos de Xacob e facendo volver os protexidos de Israel,
pois convértote en luz das nacións,
e serás a miña salvación ata o confín da terra”.

Palabra do Señor                                          
R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL        Sal 39, 2 e 4ab. 7-8a. 8b-9. 10

R/. (8a e 9a): Aquí veño, Señor, para facer a túa vontade.

Esperei arelante no Señor:
el volveu cara a min os seus ollos
e escoitou o meu lamento.
Púxome na boca un cantar novo,
un himno de loanza ao noso Deus.

Sacrificios e ofrendas non os queres,
pero formáchesme uns oídos.
Non pides holocaustos nin sacrificios de expiación;
entón eu digo: "Aquí veño".

No texto do libro está escrito de min
que debo facer a túa vontade.
Meu Deus, iso é o que eu quero,
e o teu mandato está no meu corazón.

Proclamei a túa xustiza diante da grande asemblea,
non pechei os meus labios: ben o sabes, Señor.



LECTURA DO COMEZO DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
Segunda Lectura    1 Cor 1, 1-3
A graza e a paz para vós de parte de Deus Pai e do Señor Xesús

            Paulo, chamado a ser apóstolo de Cristo Xesús pola vontade de Deus, e mais o irmán Sóstenes: á Igrexa de Deus que está en Corinto, aos santificados en Cristo Xesús, chamados a ser santos, cos que en calquera lugar invocan o nome do noso Señor Xesús Cristo, Señor deles e noso, desexámosvos graza e paz de parte de Deus, noso Pai, e do Señor Xesús Cristo.

Palabra do Señor                                          
R/. Grazas a Deus


ALELUIA
  Xn 1, 14a. 12a
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
O Verbo fíxose carne e habitou entre nós;
a cantos o recibiron deulles o poder de seren fillos de Deus.
Aleluia.



LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Evanxeo     Xn 1, 29-34
Velaí o Año de Deus, o que arrinca o pecado do mundo!

            Naquel tempo, vendo Xoán a Xesús, que viña cara a el, dixo:
            ‑ Velaí o Año de Deus, o que arrinca o pecado do mundo! Este é de quen eu dixen: "Detrás miña vén un home que pasa diante miña, pois existía primeiro ca min".
            Eu non o coñecía, mais para iso vin eu bautizar con auga: para que se amosara a Israel. E Xoán seguiu testemuñando:
            ‑ Eu vin o Espírito baixar do ceo coma unha pomba e pousar enriba del. Eu non o coñecía, pero o que me mandou bautizar con auga, díxome: "Cando vexas o Espírito baixar e pousar sobre un, ese é o que bautiza co Espírito Santo".
            E eu vino e dou testemuño de que este é o Fillo de Deus.

Palabra do Señor                             
R/. Loámoste, Cristo

 ORACIÓNS
A PASADA DE DEUS POLOS AMIGOS

Que grande te me amosas,
Señor, nos meus amigos!
Como te sinto bulir e rebulir
nas súas trasfegas!
Descubro a túa man
precisa e creadora,
descubro nos seus feitos
o rastro do teu xenio.

Dáme gusto sen fin,
dáme contento
velos medrar a diario e pouco a pouco,
ver que me superan case en todo,
que ao seu carón non son senón imitación,
pouquiña cousa,
un simple dedo
que os anuncia,
e atopa, ao anuncialos, o seu ceo.

Que bo e que bonito
ver baixar do ceo tantas pombas
branquiñas, suaves, silandeiras,
e pousar o seu voo madrugador
sobre testas e corpos,
sobre vidas enteiras,
que se verán cheas de estrelas,
e que así serán para os demais
saúde e salvación,
forza de Deus para a súa gloria
e para gozo e proveito dos mortais!


SALMO DO SEGUIMENTO

Irei detrás de ti, se ti vés a min
Buscando horizontes máis amplos para voar.

Irei ensinar a todos que ti es liberdade,
que só en ti se atopa o manancial,
a felicidade, a verdadeira paz.

Irei sempre no teu nome,
despoxado das miñas cousas
buscando na noite, sedento do teu amor.

Irei dicirlles a todos que ti es alegría,
a eterna oferta dun amor total.

Irei buscar camiño detrás de cada loita,
onde as persoas sofren o seu choro e soidade.

Irei se ti me chamas a ser sempre o teu amigo,
sen importarme nada, pois ti es o meu camiñar.
Irei dicindo a todos, irei contando sempre,
irei entre a xente berrando a verdade


GRAZAS, SEÑOR

Grazas, Señor,
porque podemos ser fortes.

Grazas, Señor,
porque podemos ser sinceros.

Grazas, Señor,
porque somos alegres.

Grazas, Señor,
Porque nos queres libres.

Grazas, Señor,
porque nos dás responsabilidades.

Grazas, Señor,
porque somos capaces de ter amigos.

Grazas, Señor,
porque así podemos facer
un mundo de persoas irmáns.



COS OLLOS ABERTOS

Pai, Ti regaláchesnos o don da vida,
unha vida que coas súas limitacións
e coa súa propia historia persoal
entendemos que se non se dá, pérdese.

Xa nos ves, estamos reunidos na túa presenza
porque necesitamos do teu alento de vida
para poder comunicala na nosa misión,
porque necesitamos estar unidos.

E facémolo desde a experiencia de amor
que embriaga toda a nosa existencia:
en relación coa educación humana
e á nosa vocación dentro da Igrexa.

Día tras día vemos que fan falta
máis persoas novas de idade e espírito
que dean testemuño da súa fe;
que promovan a persoa
e loiten contra os privilexios duns poucos,
tanto no Primeiro como no Terceiro mundo.

Cremos que a necesidade
de educadores cristiáns
que dean testemuño dun Reino
que é amor, xustiza e fraternidade,
segue a ser unha realidade.

Por isto estamos aquí hoxe,
para lembramos que cada día,
a misión que vivimos,
únenos e reclámanos
que compartamos e actualicemos
a ilusión de seguir adiante cada día.


ESE É DEUS

Algunha vez sentaches por aí
e de repente sentes desexos
de facer algo agradable por alguén
a quen tes cariño?
Ese é Des,
el móvete a través do seu Espírito Santo.

Algunha vez sentícheste derrotado,
ninguén parece estar ao teu redor para falarche,
con todo, non te gaña a desesperación.
Ese é Deus,
El sanda as túas feridas por dentro.

Algunha vez estiveches pensando
en alguén a quen amas,
e non viches desde hai tempo
e a próxima cousa que pasa é velo,
ou recibir unha chamada desa persoa.
Ese é Deus que,
a través dos demais, nos comunica o seu amor.

Algunha vez recibiches algo marabilloso
que nin sequera pediches,
como diñeiro no correo,
unha débeda que misteriosamente foi aclarada,
un cupón de supermercado
onde viches as cousas que desexabas
pero non podías ter?
Ese é Deus,
El coñece os desexos do corazón.

Algunha vez estiveches nunha situación
difícil, dolorosa, pesada
e non tiñas indicios de como se ía a resolver,
e agora o miras cara a atrás e te sorrís?
Ese é Deus,
que toma os nosos problemas
nas súas mans e dálles solución.

Algunha vez sentiches unha inmensa
tristeza na alma e ao día seguinte
a tristeza xa pasou?
Ese é Deus,
que che día un abrazo de consolo
e che dixo palabras doces.

Algunha vez sentícheste tan canso de todo,
ao grao de querer morrer
e, de súpeto, un día sentes que tes
a suficiente forza para continuar?
Ese é Deus,
que te cargou nos seus brazos para darche consolo.

Algunha vez sentiches que tes tantos problemas
e que as cousas xa se están a saír da súa canle,
e de repente un día todo está resolto?
Ese é Deus,
que tomou todas as cousas e púxoas no seu lugar.

Todo é tan sinxelo como
poñerse nas mans de Deus

Convéncete.
Non hai “coincidencia”, senón “PROVIDENCIA” .


COMA TI, XESÚS

Coma ti, Xesús,
xustamente coma ti.
Mansos e fortes coma ti.

Nin máis mansos, nin menos.
Nin máis fortes nin menos,
que ben lle chega ó criado
ser coma o seu Señor.

Mansos para amosar un pouco
a mansedume inmensa de Deus,
a súa tenrura ilimitada
con todos e cada un de nós,
que fomos amados ata o extremo.

Fortes para deixar entrever
o teu poder de liberación,
a túa forza de fraternidade,
o teu afán por sentar ao pobre
nun trono de gloria.

Coma ti, Xesús,
xustamente coma ti.
Mansos e fortes coma ti.
Mansos, para que o mal non nos acede.
Fortes, para que o mal non nos dobregue.


REMOL DA PALABRA
Nun mundo cargado de luces e sombras, deixémonos iluminar pola luz que non cega
Pórtico
            A sociedade da que formamos parte insiste tanto en vestir todo de luz, que moitas veces o exceso acaba cegándonos. É unha cegueira que leva a que vaiamos dando tombos dun lado ao outro sen atopar o noso verdadeiro sitio. E iso pode acabar converténdonos en monicreques. Porén, Xesús, preséntasenos coma a luz que sabe respectar ao que vén de fronte, coma a luz que sabe iluminar sen molestar; ao contrario, a súa luz mesmo fai posible que moit@s que nin o coñecen nin son dos del, acaben sendo iluminados por ela. Que esta luz que vai facendo que non trabuquemos o camiño, nos acompañe nas nosas decisións, e sexa tamén luz para cantos no mundo de hoxe se atopan perdidos.
Perdón
ö      Polas veces nas que nos deixamos cegar polas luces da aparencia e da falsa felicidade, SEÑOR, GRAZAS POR SER LUZ.
ö      Polas veces nas que o noso saúdo non é de acollida, senón de violencia, CRISTO, GRAZAS POR SER LUZ.
ö      Polas veces nas que non deixamos que a túa luz ilumine a nosa vida, SEÑOR, GRAZAS POR SER LUZ.
Remuíño
v      Como di o profeta Isaías, “Deus convértese en luz das nacións”. A luz que vai iluminando, ás veces con distancias moi curtas, pero sempre iluminando, o camiño de cada un de nós. E as distancias son curtas porque as nosas confusións, o noso non saber escoller o camiño adecuado, o vernos superados por problemas e dificultades, fainos moitas veces persoas que se deixan levar polos acontecementos, polo día a día, perdendo a perspectiva de que os verdadeiros proxectos, e o de Deus para con nós o é, son de percorridos longos e vanse facendo no tempo, sen esgotarse no aquí e agora de cada un. Esta falta de perspectiva á hora de situar, analizar, a nosa vida, é o que vai facendo que as distancias que a Luz de Deus vai iluminando sexan en nós moitas veces curtas, demasiado curtas, o que nos leva a vivir nun constante e continuo desacougo, inseguridade ou desconfianza. Deus está, pero nós xa non o vemos máis que nos resultados. Uns resultados aos que lle damos nome: solución aos problemas concretos de cada un, como se fose un “tapa-furados”, a modo do produto milagre que o soluciona sempre todo. Porén, o texto da profecía fálanos dun Deus que nos escolle e encomenda unha misión, un Deus que se converte en forza; unha forza persoal que se mostra no quefacer da comunidade/s que día a día realizan proxectos que superan calquera tipo de egoísmo ou de utilización interesada. Deste xeito as comunidades séntense arroupadas pola presenza do Señor e polo agarimo dos seus membros entre si e para os demais. Por iso a súa presenza é presenza salvadora, manifestada a través dos ollos que miran, os oídos que escoitan, o corazón que acolle e as mans que se esforzan para levar conforto a quen non o ten e xustiza a quen dela se sente necesitado. Conforto e xustiza que converten ao Deus, en cuxas mans poñemos a nosa vida, en Solidariedade continua e permanente. Onde haxa un irmán/á ao que lle falte a luz do consolo e a esperanza, alí temos que estar, máis alá do idioma que falemos, o continente ao que pertenzamos ou a relixión que profesemos, coas mans ben abertas os cristiáns, porque isto si que é a salvación de quen nos trae a luz.
v      E, con confianza, sabendo que onde estamos nós tamén está El, acudimos dispostos a facer a súa vontade. Unha vontade que non quere o externo, senón dispoñibilidade; non quere que sexamos moitos ou esteamos ben vistos, senón capacidade de romper prexuízos e dar pasos cara quen pode estar necesitado de nós. E iso non se pode facer se non é desde o corazón, non con rutinas ou tradicións externas e das que xa descoñecemos o seu significado. O que en palabras que todos poidamos entender supón que perdemos o medo para dicir a verdade, que como nos di o salmo: “proclamei a túa xustiza diante da grande asemblea, non pechei os meus labios”. Que tampouco nós pechemos os labios cando vexamos que hai situacións de inxustiza, persoas ás que se as marxina, mentiras que buscan aproveitarse do demais ou utilización da boa vontade das xentes para que os máis “vivos” saquen tallada. Deste xeito, a graza e máis a paz de Cristo, coas que Paulo nos saúda hoxe no comezo da carta aos Corintios, serán tamén a nosa paz e a nosa graza.
v      Neste descubrir como temos que estar no medio do mundo non estamos solos. Un compañeiro vai sendo o que nos segue a mostrar a luz no camiño:o Espírito, para que, como ocorreu con Xoán, tamén nós poidamos, coa nosa maneira de facer e dicir as cousas, dar testemuño de Xesús, o Fillo que pasou facendo o ben.


Oración da comunidade
            No compartir comunitario da fe e máis da vida, poñemos nas mans de Deus, a nosa luz, proxectos e esperanzas, e dicimos xuntos:
SEÑOR,ACOMPÁÑANOS NO CAMIÑO
*      No medio dun mundo cheo de tantas sombras, a luz da fe quere ser resplandor que nos mostre o camiño. Para que na Igrexa nunca esquezamos que esa luz é Cristo, non os curas, bispos ou papa, Oremos.
SEÑOR,ACOMPÁÑANOS NO CAMIÑO
*      Dentro das nosas comunidades parroquiais van aparecendo moitas sombras: enfrontamentos, violencia, desatención, soidade, exclusión… Algunhas destas sombras poderíamos evitalas se tiveramos presente que como crentes, nós temos que ser movemento de misericordia e entendemento. Para non esquecelo máis veces, oremos.
SEÑOR,ACOMPÁÑANOS NO CAMIÑO
*      Cada un de nós sentimos en bastantes ocasións a falta de luz naquilo que facemos e nos nosos proxectos, o que nos provoca inseguridade e desconfianza. Porque non queremos deixarnos levar por canto nos afasta da túa luz, Oremos.
SEÑOR,ACOMPÁÑANOS NO CAMIÑO
         Grazas, Señor, por ser luz no camiño que cada día imos realizando. Que saibamos compartilo con cantos, coma nós, están dispostos a non facelo en soidade. P.X.N. S. Amén.
Reflexión
Somos construción de Deus,
non nos pertencemos,
somos cidade no alto.
É absurdo pretender agocharse…
Estamos feitos todos e todas
para a colaboración mutua,
para a iluminación mutua,
para o reforzamento mutuo.
Somos feitos para a comunidade,
para dar e recibir,
luz,calor,ánimos, ideas…
A primeira luz son os feitos bos,
non as palabras;
e o fin non é o propio lucimento,
senón a bendición de Deus.
 (Manuel Regal, A graza…)
Cantos
v      ENTRADA: Con ledicia vamos todos ao altar
v      LECTURAS: Aquí estou, Señor, para facer a túa vontade
v      OFERTORIO: Sede o sal, sede a luz
v      COMUÑÓN: Oh, Señor, escólleme

Comentarios

Publicacións populares