O DÍA DE NADAL

Cómpre ter as lecturas correspondentes á festividade. Déixovos as Lecturas de Nadal e o Remol para os que as necesiten.


Nadal   2010   -   A

PÓRTICO

            Nadal é nacemento: Aleluia. Nadal é O nacemento dun neno: Aleluia, Aleluia.
Nadal é o nacemento do Neno - Deus: Aleluia, Aleluia, Aleluia.

Cúmprense as promesas, realízanse os soños e esperanzas. a mundo estaba enfermo, moi enfermo. Só Deus podía salvalo.
O mundo segue enfermo. Necesitamos seguir celebrando o Nadal. Pobres, enfermos,neno, marxinados ... Alegrádevos, porque para vós especialmente vén Deus. Quere ser un dos nosos; atrévese a compartir o sufrimento das persoas, quere contaxiar a súa felicidade e a súa divindade.
Que a celebración que agora comezamos nos axude a descubrir a Deus feito neno, que se achega para traemos a luz, a felicidade, a vida.

ACTO PENITENCIAL

En Nadal apareceu a bondade de Deus; pero nós non somos boas persoas;
SEÑOR, ABRE O NOSO CORAZÓN.

En Nadal Deus veu co corazón e coas mans cheas de paz, pero nos non somos pacíficos nin
pacificadores;                          CRISTO, ABRE O NOSO CORAZÓN.

En Nadal manifestóusenos o infinito amor de Deus; pero nós non nos amamos nin somos
testemuñas do teu amor,          SEÑOR, ABRE O NOSO CORAZÓN.

REMIÍÑO

AS FERIDAS DO AMOR

* A humanidade pacede moitas enfermidades; pero a máis grave, sen dúbida, é o desamor. Se houbese máis amor na nosa sociedade, o Nadal sería unha festa interminable: desaparecerían as marxinacións e os esquecementos, non habería nais que morresen ao dar vida, nin habería nenos famentos nin epidemias insuperables, nin enfermidades incurables. As inxustizas crueis, as guerras asasinas, as escravitudes torturantes serían cousas horribles do pasado.
O Fillo de Deus que nace hoxe vén cargado coa medicina do amor El quedou connosco para ensinamos a amar; e nós estamos chamados a levar esa medicina a tantos irmáns que sofren as secuelas do odio, da inxustiza, da indiferenza; pois o silencio e a insensibilidade son tan daniños e crueis coma a violencia e o terror.

A FERIDA: A FALLA DE VIDA

* A vida, froito do amor, é don de Deus, o primeiro e fundamental. A vida é graza, oportunidade, relación, comuñón, sementeira, colleita,esforzo, conquista ... Nunca debería ser unha carga, senón gratificación e creatividade.
Pero por desgraza, para unha inmensa maioría de homes e mulleres, a vida non ten nada de gratificante, senón que é sinónimo de anguria e preocupación. Nacen con dor, viven con dificultade, traballan con frustración, padecen enfermidades, morren con facilidade.
Xesús veu sementar vida onde había morte; achegábase aos enfermos para curalos e para transformar os seus sufrimentos en sacramentos. Xesús, neno divino, queda connosco para curar as nosas enfermidades, as nosas cegueiras, as nosas inxustizas, os nosos egoísmos ... E quere que nós sexamos ministros da súa saúde, para que a ninguén lle falte a medicina da súa presenza, acabada de nacer e resucitada.


ORACIÓN DA COMUNIDADE

Oremos a Xesús, que veu salvamos e digámoslle xuntos:
QUE SEXAMOS TESTEMUÑAS DO TEU AMOR

* Para que a túa luz alumee as tebras do mundo, OREMOS.
QUE SEXAMOS TESTEMUÑAS DO TEU AMOR
* Para que os responsables dos pobos traballen pola dignidade e os dereitos de todas as persoas, OREMOS.                        
                                    QUE SEXAMOS TESTEMUÑAS DO TEU AMOR
 Para que a túa Igrexa sexa verdadeiramente profética e samaritana, OREMOS.
QUE SEXAMOS TESTEMUÑAS DO TEU AMOR
* Para que os enfermos, os anciáns, os que están sós e deprimidos, os pobres e excluídos do mundo, reciban a boa nova de salvación, OREMOS.
QUE SEXAMOS TESTEMUÑAS DO TEU AMOR
* Para que abunden organizacións e voluntarios que se comprometan na asistencia de enfermos e na promoción dos marxinados, OREMOS.
QUE SEXAMOS TESTEMUÑAS DO TEU AMOR
* Para que todos os que celebramos o Nadal o vivamos como compromiso de amor, OREMOS.
QUE SEXAMOS TESTEMUÑAS DO TEU AMOR

Ven Señor Xesús. Envólvenos na túa tenrura e fainos testemuñas da túa salvación. PXNS.
Amén.

PARA A REFLEXIÓN
(Facemos fotocopias para darllas á xente e rezamos xuntos)

Ante un mundo materialista, no que os cartos contan máis que as persoas;
queremos construír unha comunidade de persoas que tratan de coñecerse,
de unirse máis, de axudarse e compartir desinteresadamente,
na que non haxa discriminacións, superiores e inferiores, senón irmáns e irmás.

Ante un mundo sen interese polos problemas dos demais,
que se desentende dos vellos, aparca os enfermos e rexeita aos inmigrantes;
queremos construír unha comunidade na que a túa Palabra ocupe un lugar preferente,
sexa máis escoitada e vivida e non estea afastada, senón que salgue os quefaceres de cada día.

Ante un mundo no que as persoas son obxectos de produción e consumo
e actúan coma se os outros non existisen;
queremos construír unha comunidade cada vez máis misioneira,
coa ilusión e a ledicia de comunicar a fe que recibimos.

Ante un mundo de xente desalentada e resentida,
que non lle atopa sentido á vida,
queremos construír unha comunidade con máis canto,
e que contaxie a ledicia da reconciliación de Cristo Resucitado.

Ante un mundo que esnaquiza a creación e non pensa máis alá do presente,
queremos construír unha comunidade que cre na vida,
na paz e na fraternidade da humanidade, sempre en camiño cara á casa do Pai.


CANTOS:     Panxoliñas



NADAL DO SEÑOR  -  MISA DO DÍA


Primeira Lectura             Is 52, 7-10
Todos os pobos da terra percibirán a salvación do noso Deus

LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS

            Que fermosos son sobre os montes
os pés do mensaxeiro de boas novas,
que anuncia a fartura,
que proclama a felicidade,
que pregoa a salvación,
que di:
            Sión, o teu Deus reina!
            Un grito! Os teus vixías levantan a voz, berran xubilosos a un tempo:
            "Todos os ollos contemplarán a volta do Señor a Sión".
            Berrade a coro con xúbilo, ruínas de Xerusalén,
que o Señor consolou o seu pobo, redimiu Xerusalén.
            O Señor remangou o seu brazo santo aos ollos de todos os  pobos,
e todos os  confíns da terra viron a salvación do noso Deus.

Palabra do Señor                                                      R/.  Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL    Sal 97, 1. 2-3ab. 3cd-4. 5-6

R/. (3c): Os confíns todos da terra percibiron a vitoria do noso Deus.

Cantade ao Señor un cántico novo,
pois fixo marabillas;
a súa destra deulle a vitoria,
o seu brazo santo.

O Señor dá a coñecer a súa vitoria,
revela a súa xustiza diante dos pobos.
Lembrou a súa misericordia e a súa fidelidade
coa casa de Israel.

Os confíns todos da terra percibiron
a vitoria do noso Deus.
Aclama ao Señor, terra enteira,
rompede a cantar e a tocar.

Tocade para o Señor a cítara,
a cítara e tamén o salterio;
con claríns e co son das trompetas
aclamade o Señor, noso rei.



Segunda Lectura              Heb 1, 1-6
Deus falounos por medio do Fillo

LECTURA DA CARTA AOS HEBREOS

            Irmáns:
            En moitas ocasións e de moitos xeitos veulles falando Deus en tempos pasados aos nosos devanceiros por medio dos profetas. Agora, neste período definitivo, falounos por medio do seu Fillo, a quen fixo herdeiro de todo, pois xa creara por medio del o mundo e as idades. El é reflexo da súa gloria e imaxe do seu ser, El sostén todas as cousas coa súa poderosa palabra e, despois de realiza-la purificación dos pecados, sentouse á dereita da Maxestade nas alturas, facéndose tanto máis poderoso cós anxos, canto que herdou un título máis valioso có deles.
            Porque, a cal dos anxos lle dixo algunha vez: "Ti es o meu fillo, hoxe xereite eu"; ou tamén: "Eu serei para El un pai e El será para min un Fillo"?.
            E cando introduce de novo o seu Fillo primoxénito ao mundo celeste, di: "Adóreno todos os  anxos de Deus".

Palabra do Señor                                          R/. Grazas a Deus


ALELUIA
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Resplandeceu para nós un día de santificación:
vinde todos e adorade o Señor:
porque hoxe descendeu unha inmensa luz sobre a terra.
Aleluia.

Evanxeo  Xn 1, 1-18 (longo)
O Verbo fíxose carne e habitou entre nós

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

            No principio existía a Palabra,
e a Palabra estaba onda Deus,
e a Palabra era Deus.
Ela estaba no principio onda Deus.
            Todo foi feito por ela,
e sen ela non se fixo
nada do que foi feito.
Nela estaba a vida,
e a vida era a luz dos homes;
a luz aluma na tebra,
e a tebra non a deu apagado.
            Houbo un home
mandado por Deus:
o seu nome era Xoán.
Este veu de testemuña
para dar testemuño da luz,
para que todos cresen por el.
            Non era el a luz,
senón que veu para dar testemuño da luz.
A Palabra era a verdadeira luz
que aluma a todo home
que vén a este mundo.
            Ela estaba no mundo,
e o mundo foi feito por ela,
pero o mundo non a recoñeceu.
Veu á súa propiedade,
e os seus non a acolleron.
            Pero a cantos a recibiron,
‑ aos que cren no seu nome ‑
deulles o poder
de seren fillos de Deus.
            Estes, non naceron do sangue,
nin da vontade da carne,
nin da vontade do home,
senón de Deus.
            E a Palabra fíxose carne,
e plantou entre nós a súa tenda,
e nós vímo-la súa gloria,
gloria coma de Unixénito
que vén do Pai,
cheo de graza e de verdade.
            Xoán dá testemuño del,
exclamando:
Este évos de quen eu dixen:
"O que vén detrás miña,
pasa diante miña,
pois existía primeiro ca min".
            E da súa abundancia
recibimos todos nós
graza e máis graza.
Pois a Lei deuse
por medio de Moisés;
a graza e a verdade
realizáronse por Xesús Cristo.
            A Deus ninguén o viu;
o Unixénito, que está no seo do Pai,
foi quen nolo revelou.

Palabra do Señor                            R/. Loámoste, Cristo





Comentarios

Publicacións populares