LECTURAS DOMINGO 2 xaneiro - CICLO A (EN GALEGO)

DOMINGO II DESPOIS DE NADAL

cando a solemnidade da Epifanía se celebra o día 6 de xaneiro


Primeira Lectura    Sir 24, 1-4. 12-16  (gr 1-2. 8-12)
A sabedoría de Deus habitará no pobo elixido

LECTURA DO LIBRO DO ECLESIÁSTICO

            A Sabedoría fai a propia loanza
e gábase no medio do seu pobo.
            Abre a boca na asemblea do Altísimo,
proclama a súa gloria diante do seu exército.
            No medio do seu pobo será exaltada
e admirada na asemblea dos santos;
recibirá loanzas das multitudes dos elixidos
e será bendicida entre os benditos.      
            Foi entón cando o creador universal me ordenou
e o que me formou fíxome plantar a tenda
dicíndome: Afinca en Xacob, colle por herdanza a Israel.
            Antes dos séculos, desde o comezo, creoume
e endexamais deixarei de existir;
oficiei na súa tenda santa, diante del,
e deste modo estableceume en Sión;
do mesmo xeito, fíxome acougar na súa cidade amada,
Xerusalén, onde goberno.
            Botei raiceiras nun pobo de moita sona
e teño a miña herdanza na parcela do Señor.

Palabra do Señor


SALMO RESPONSORIAL        Sal 147, 12-13. 14-15. 19-20

R/. (Xn 1, 14): O Verbo fíxose carne, e habitou entre nós.
Ou: Aleluia.

Glorifica o Señor, Xerusalén,
loa, Sión, o teu Deus,
que reforza os ferrollos das túas portas,
e bendí os teus fillos no teu seo.

El establece paz nos teus confíns,
é el quen te farta con flor de trigo.
El mándalle á terra a súa mensaxe,
e a súa palabra corre lixeira.

Anuncia a súa palabra a Xacob,
os seus estatutos e mandatos a Israel.
Non fixo así cos outros pobos,
non lles manifestou os seus mandatos.


Segunda Lectura     Ef 1, 3-6. 15-18
Predestinounos a sermos fillos de adopción por medio de Xesús

LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS EFESIOS

            Bendito sexa Deus, o Pai do noso Señor Xesús Cristo, que nos bendiciu con toda bendición espiritual nos ceos, en Cristo.
            Nel escolleunos, antes creación do mundo, para que fosemos santos e sen mancha na súa presenza polo amor.
            El predestinounos a sermos seus fillos adoptivos, por medio de Xesús Cristo, conforme o designio da súa vontade, para loanza da súa gloria e da súa graza, que xenerosamente derramou sobre nós, por medio do seu Fillo benquerido.
            Por iso, tamén eu, tendo oído falar da vosa fe no Señor Xesús e do voso amor a todos os  crentes, non paro de lle dar grazas a Deus por vós, recordándovos nas miñas oracións, de xeito que o Deus do noso Señor Xesús Cristo, o Pai da gloria, vos conceda espírito de sabedoría e de revelación, para o coñecer ben; que manteña iluminados os ollos da vosa alma, para que comprendades cal é a esperanza da súa chamada, e cal a riqueza da gloria da súa herdanza nos crentes.

            Palabra do Señor



ALELUIA    Cf. 1 Tim 3, 16
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Gloria a ti, Cristo, predicado a todos os  pobos;
gloria a ti, Cristo, a quen se cre no mundo enteiro.
Aleluia.



Evanxeo     Xn 1, 1-18  (longo)
O Verbo fíxose carne e habitou entre nós

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

            No principio existía a Palabra,
e a Palabra estaba onda Deus,
e a Palabra era Deus.
            Ela estaba no principio onda Deus.
Todo foi feito por ela,
e sen ela non se fixo
nada do que foi feito.
            Nela estaba a vida,
e a vida era a luz dos homes;
a luz aluma na tebra,
e a tebra non a deu apagado.
            Houbo un home
mandado por Deus:
o seu nome era Xoán.
Este veu de testemuña
para dar testemuño da luz,
para que todos cresen por el.
            Non era el a luz,
senón que veu para dar testemuño da luz.
            A Palabra era a verdadeira luz
que aluma a todo home
que vén a este mundo.
            Ela estaba no mundo,
e o mundo foi feito por ela,
pero o mundo non a recoñeceu.
            Veu á súa propiedade,
e os seus non a acolleron.
Pero a cantos a recibiron,
‑ aos que cren no seu nome ‑
deulles o poder
de seren fillos de Deus.
            Estes, non naceron do sangue,
nin da vontade da carne,
nin da vontade do home,
senón de Deus.
            E a Palabra fíxose carne,
e plantou entre nós a súa tenda,
e nós vimos a súa gloria,
gloria coma de Unixénito
que vén do Pai,
cheo de graza e de verdade.
            Xoán dá testemuño del,
exclamando: Este évos de quen eu dixen:
"O que vén detrás miña, pasa diante miña,
pois existía primeiro ca min".
            E da súa abundancia
recibimos todos nós
graza e máis graza.
            Pois a Lei deuse
por medio de Moisés;
a graza e a verdade
realizáronse por Xesús Cristo.
            A Deus ninguén o viu;
o Unixénito, que está no seo do Pai,
foi quen nolo revelou.

            Palabra do Señor
______________________________________________________________________

Ou máis breve: 1-5. 9-14

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

            No principio existía a Palabra,
e a Palabra estaba onda Deus,
e a Palabra era Deus.
            Ela estaba no principio onda Deus.
Todo foi feito por ela,
e sen ela non se fixo
nada do que foi feito.
            Nela estaba a vida,
e a vida era a luz dos homes;
a luz aluma na tebra,
e a tebra non a deu apagado.
A Palabra era a verdadeira luz
que aluma a todo home
que vén a este mundo.
            Ela estaba no mundo,
e o mundo foi feito por ela,
pero o mundo non a recoñeceu.
Veu á súa propiedade,
e os seus non a acolleron.
Pero a cantos a recibiron,
‑ aos que cren no seu nome ‑
deulles o poder
de seren fillos de Deus.
            Estes, non naceron do sangue,
nin da vontade da carne,
nin da vontade do home,
senón de Deus.
            E a Palabra fíxose carne,
e plantou entre nós a súa tenda,
e nós vimos a súa gloria,
gloria coma de Unixénito
que vén do Pai,
cheo de graza e de verdade.

            Palabra do Señor


Comentarios

Publicacións populares