CELEBRACIÓN E LECTURAS DOMINGO SAGRADA FAMILIA-CICLO A

LECTURAS



A SAGRADA FAMILIA: XESÚS, MARÍA E XOSÉ




Primeira Lectura    Sir 3, 3-7. 14-17a  (gr. 2-6. 12-14)
Quen teme o Señor honra os pais


LECTURA DO LIBRO DO ECLESIÁSTICO

            O Señor honrou o pai máis cós fillos
e afincou o dereito da nai sobre o dos nenos.
            Quen honra a seu pai redime as culpas.
Quen enxalza a súa nai é coma quen atesoura.
            Quen honra a seu pai gozará dos fillos
e cando vaia pregar será atendido.
            O que respecta o pai terá vida longa
e quen obedece ao Señor daralle consolo a súa nai
            Meu fillo, persevera no honrar a teu pai,
non o desatendas nos días da túa vida.
            Aínda que perda o xuízo, tenlle miramento
e non o aldraxes todo o tempo que viva.
            O ben que se lle faga a un pai non será borrado,
hache valer como compensación do pecado;
            No día da proba teráseche en conta;
coma coa calor a xeada esluiranse as túas culpas

Palabra do Señor                                          R/. Grazas a Deus

SALMO RESPONSORIAL Sal 127, 1-2. 3. 4-5.

R/. (cf. 1): Ditosos os que temen o Señor e van polos seus camiños.

Ditosos os que temen o Señor,
os que seguen os seus camiños.
Comerás do traballo das túas mans,
serás ditoso, serás afortunado.

A túa muller coma parra fecunda
no interior da túa casa;
os teus fillos coma gromos de oliveira
arredor da túa mesa.

Así será bendito
o home que teme o Señor.
Que o Señor te bendiga desde Sión,
que goces coa prosperidade de Xerusalén
todos os días da túa vida



Segunda Lectura          Col 3, 12-21
Vida familiar na presenza do Señor

LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS COLOSENSES

            Irmáns:
            Como elixidos de Deus, santos e benqueridos, revestídevos de sentimentos de misericordia, de bondade, de humildade, de sinxeleza, de tolerancia. Aturádevos uns aos outros e perdoádevos, cando un teña queixa doutro; coma o Señor vos perdoou, perdoádevos tamén vós.
            E, por riba de todo isto, cinguídevos co amor, que é o lazo que todo o une e leva á perfección. Que a paz de Cristo goberne os vosos corazóns, xa que a ela vos chamaron coma membros dun mesmo corpo. E sede agradecidos.
            Que a palabra de Cristo habite en vós con toda a súa riqueza. Ensinádevos e alentádevos uns a outros o mellor que saibades. Co corazón cheo de agradecemento cantádelle a Deus salmos, himnos e cántigas inspiradas.
            E todo canto fagades, de palabra ou de obra, facédeo para honra de Xesús, o Señor, dándolle grazas a Deus Pai por medio del.
            Mulleres, sede dóciles aos vosos homes como cómpre a unha muller cristiá. Homes, amade as vosas mulleres e non sexades ríspetos con elas.
            Fillos, sede ben guiados en todo cos vosos pais, que isto é cousa agradable ao Señor. Pais, non asoballéde-los vosos fillos, para que non saian coitados.

Palabra do Señor                                          R/. Grazas a Deus


ALELUIA      Col 3, 15a. 16a
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Que a paz de Cristo reine nos vosos corazóns;
que a palabra de Cristo habite de abondo en vós.
Aleluia.

Evanxeo          

CICLO A:         Mt 2, 13-15. 19-23
Toma o neno e a súa nai e escapa a Exipto

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

            En canto se foron os magos, un anxo do Señor apareceulle a Xosé en soños e díxolle:
            ‑ Érguete, colle o neno e mais a nai e fuxe para Exipto. Non te movas de alí ata que eu te avise, porque Herodes vai buscar o neno para acabar con el.
            Xosé ergueuse, colleu o neno e maila nai, pola noite, e alá se foi para Exipto. Alí permaneceu ata a morte de Herodes, cumpríndose así o que dixera o Señor por medio do profeta:
Chamei o meu fillo para que saíse de Exipto.
            En morrendo Herodes, o anxo do Señor aparecéuselle en soños a Xosé en Exipto e díxolle:
            ‑ Érguete, colle o neno e mais a nai e volve para a terra de Israel, que xa morreron os que querían acabar co neno.
            Ergueuse Xosé, e collendo o neno e maila nai, foise para a terra de Israel. Pero, ao saber que Arquelao reinaba en Xudea, en lugar de seu pai, sentiu medo e non se atreveu a ir alá. Avisado en soños, marchou para a banda de Galilea, indo vivir a unha vila chamada Nazaret.
            Cumpriuse así o que dixeran os profetas: que se chamaría nazareno.

Palabra do Señor                                          R/. Loámoste, Cristo
                       


REMOL

Ser familia desde a pluralidade de vivencias
e situacións: saber acoller – A    2010


Pórtico
            Logo da celebración do Nadal, a liturxia sitúa a festa da Sagrada Familia. Pode ser este un bo momento para que todos botemos unha ollada a como cada un de nós vai colaborando para que nas nosas familias se poida vivir o sentido cristián: se nos queremos, se nos escoitamos, se somos capaces de crear un clima de respecto e confianza ... porque só se somos quen de vivir nas actitudes da familia de Nazaret, poderemos levar con dignidade o nome de cristiáns.
O bautismo introdúcenos no camiño, pero é na vida de cada día onde de verdade se vai mostrando que aquela auga que un día recibimos ao presentamos os nosos pais e padriños á comunidade é auga que nos chama a responder ao mandato de Xesús de saber crear verdadeiros fogares que respondan ao que El foi capaz de vivir no fogar de Nazaret.
Que a celebración de hoxe nos axude a tomar conciencia de que tamén nas nosas familias estamos chamados a vivir como amigos e seguidores de Xesús.

Perdón
Porque moitas veces non somos nas nosas familias vínculo de unión,
SEÑOR, AXÚDANOS A SENTÍRMONOS FAMILIA.
            Por tódalas veces nas que esquecemos que formar parte dunha familia é tamén esforzamos para crear nela espírito de colaboración e participación,
CRISTO,AXÚDANOS A SENTÍRMONOS FAMILIA.
            Polas veces nas que non nos ternos sentido na nosa comunidade membros da familia cristiá,
SEÑOR, AXÚDANOS A SENTÍRMONOS FAMILIA.
Remuíño
A dispoñibilidade de Abrahán, o seu vencer os medos e poñerse en camiño, abriu unha nova xeira para Israel. Unha xeira na que non se van sentir nunca solos: Deus cumpre a súa palabra. É o seu pobo, preocúpase del. A súa Alianza é un camiño cheo de esperanza e proxectos para Israel... e tamén para nós, porque o si que deron nosos pais o día do noso bautismo, incorporounos á familia dos seguidores de Xesús. E esta expresión non pode ser algo baleiro e rutineiro, coma se non supuxese nada na vida de cada un de nós.
Parémonos a pensar un pouco sobre o que significou para os nosos pais e para nós a súa decisión de entrar a formar parte da familia dos seguidores de Xesús. Non é un introducimos nun conxunto de prácticas e ritos, senón que é querer vivir no seo da familia de Xesús, convértenos en familia cristiá, é dicir, en persoas marcadas co signo da presenza de Cristo en cada un de nós. E se Cristo está en cada un de nós, nin a violencia, nin as desconfianzas, nin os enganos, nin os celos, nin ... poden ser actitudes e comportamentos presentes nas nosas relacións. Parémonos a pensar nisto por si tiveramos que darlle un novo horizonte ao xeito no que estamos entendendo e vivindo o ser familias cristiás.
Abrahán, Sara e Isaac souberon poñer a súa confianza en Deus. E non lles foi nada fácil, ao contrario, atopáronse con moitas dificultades; pero souberon vencelas, porque para eles pesaba moito máis a fidelidade a Deus que os atrancos que ían atopando na súa vida. Sabían que estar dispostos a dicir si a Deus non é doado, que supón moitas dificultades, que pode levar moitas veces a ter que ir contracorrente, a quedarse só, a ter que vivir no illamento, pero paga a pena, porque as modas pasan, os utilitarismo s rematan na nada, pero a confianza en Deus é pulo para seguir adiante e superar atrancos.
É forza na loita diaria de cada día, inda que nos poida parecer a nós, ou lle pareza a outros que non ten sentido ou está pasado de moda. Non caiamos nunha visión fácil, superficial e efémera da familia, aprendamos a confiar en Deus e vivamos a nosa relación coma un espazo de confianza e axuda mutua, disposta a rachar con canto nos impida crecer e dar froitos de alegría sincera e transformadora das nosas relacións entre os membros da familia.
E deste xeito, con normalidade e sen ningún tipo de estridencias nin extravagancias, aprendamos a afrontar a vida de cada día, sabendo que haberá días bos e días non tan bos; que haberá momentos de tensión e momentos de ledicia; que atoparemos situacións nas que pensaremos que somos bechos raros, porque ninguén nos entende, e situacións nas que teremos que ser nós os que abramos mans e corazóns para acoller a outros que chaman nas nosas portas desorientados e buscando calor humano, proximidade de corazón e sinceridade para escoitar. Nestas situacións que saibamos volver os nosos ollos á familia de Nazaret, ela tamén se sentiu estraña e soa en moitas ocasións, pero seguiu confiando naquel que sabían que non os ía deixar solos. E deste xeito crecían en amor, confianza, liberdade e compromiso a favor dos outros, especialmente dos máis necesitados. Que tamén nós, desde o noso ser membros dunha familia, saibamos crecer nela con confianza, sabendo queremos e respectamos nas diferenzas, colaborando no que uns e outros necesiten e superando a tentación de converter a familia nunha pensión.
A familia de Nazaret buscou o entendemento, que tamén nós saibamos facelo así, e nos deixemos de discutir sobre cuestións que nos fan perder o tempo e non responden aos dous valores que ternos que ir construíndo nas nosas familias, como tamén se esforzaron en facelo María, Xosé e Xesús: amor e capacidade de comprensión. Non trabuquemos o rumbo!

Oración da comunidade

Deus invítanos hoxe a ir poñendo esforzo e cariño para ser unha verdadeira familia cristiá. Na pluralidade que as familias mostran, presentemos a nosa oración agradecendo o amor que as fai camiñar cada día, e digamos xuntos:
QUE A FAMILIA CREZA NA CONFIANZA
            Pola Igrexa, para que abandone a belixerancia e volvendo os seus ollos a Cristo, saiba acoller e valorar que é no amor como se constrúen as familias, Oremos.
QUE A FAMILIA CREZA NA CONFIANZA.
D Polas nosas comunidades, para que saibamos vivir e compartir como verdadeira familia a mensaxe de Xesús, esforzándonos en poñer paz onde haxa enfrontamento, e amor onda haxa odio, Oremos.                    QUE A FAMILIA CREZA NA CONFIANZA.
            Polas nosas familias, para que saibamos admitir a súa pluralidade e non caiamos na tentación de impoñer unha única maneira de manifestarse e configurarse, OREMOS
QUE A FAMILIA CREZA NA CONFIANZA.
Grazas,Señor, por abrimos os 0110 s e o corazón a descubrir que non son os papeis, senón o amor e cariño duns para cos outros, o que vai facendo que xermolen familias cristián.P.X.N.S.Amén.

Reflexión
Sagrada Familia de Nazaret,
comuñón de amor de Xesús, María e Xosé,
modelo e ideal de toda familia cristián,
a ti confiamos as nosas familias.
Fai de cada familia un santuario no que se acolla e se respecte a vida:
unha comunidade de amor aberta á fe e á esperanza,
un fogar no que reinen a comprensión, a solidariedade;
e no que se viva a ledicia da reconciliación e da paz.
Concédenos que todas as nosas familias teñan unha vivenda digna
na que nunca falten o pan suficiente
e o necesario para unha vida verdadeiramente humana.
Abre o corazón dos nosos fogares á oración,
á acollida da Palabra de Deus e ao testemuño cristián;
que cada unha das nosas familias sexa unha auténtica Igrexa doméstica
na que se viva e se anuncie o Evanxeo de Xesucristo. Amén.


Cantos:
                        Entrada: Que ledicia                                        
                        Ofertorio: Aquí están, Señor
                        Lecturas: Escoita ti a palabra de Deus 
                        Comuñón: Eu soñei


ORACIÓNS


FAMILIA UNIDA

Nacestes xuntos e xuntos para sempre.
Estaredes xuntos cando as ás brancas da morte
espallen os vosos días.
Si; estaredes xuntos aínda na memoria silenciosa de Deus.
Pero deixade que haxa espazos na vosa proximidade.
E deixade que os ventos do ceo dancen entre vós.

Amádevos o un ao outro,
pero non fagades do amor unha atadura.
Que sexa, máis ben, un mar movible
entre as costas das vosas almas.
Enchédevos un ao outro as vosas copas,
pero non bebades dunha soa copa.

Dádevos o un ao outro do voso pan,
pero non comades do mesmo anaco.
Cantade e bailade xuntos e estade alegres,
pero que cada un de vós sexa independente.

As cordas dun laúde están soas,
aínda que treman coa mesma música.
Dade o voso corazón,
pero non para que o acapare o voso compañeiro.
Porque só a man da Vida pode conter os corazóns.

E estade xuntos, pero non demasiado xuntos.
Porque os alicerces do templo están aparte.
E, nin o carballo crece baixo a sombra do ciprés
nin o ciprés baixo a do carballo.
(C.G., El Profeta)




GRAZAS POLA FAMILIA

Grazas, Paiciño, pola miña familia.
Grazas polos meus maiores
que tantas causas boas me deixaron
en terras, en casa, en traballo,
en costumes, en tradicións.
Grazas pola fe en ti
que eles me pasaron tamén.

Grazas pola miña muller, polo meu home,
a quen tanto quero,
con quen gozo no corpo e no espírito,
con quen planeo a vida,
con quen comparto penas, traballos e alegrías,
con quen gozo a vida sinxela de cada día,
con quen soño un mañá mellor.
 Con quen rezo e comparto a miña fe cristiá,
con quen participo na vida comunitaria.

Grazas polos nenos que temos,
o mellor de Ti para nós,
o mellor de nós para Ti.

Grazas pola súa orixinalidade persoal,
pola súa personalidade,
pala súa diferenza,
que coidaremos agarimosamente
para que cheguen a ser
eles mesmos libremente
o que cada un deles está chamado a ser,
o que cada un deles ti queres que sexa.

Grazas polo misterio de graza e vida
que discorre polos seus corpos novos,
abertos ao futuro en esperanza.

Grazas, Deus, por ti mesmo,
Pai grande da nosa familia,
Irmán maior da irmandade que formamos,
Alento permanente que nos chama
á concordia limpa e xenerosa.
Grazas, Paiciño




 

Comentarios

Publicacións populares