DOMINGO I DE ADVENTO B
+
Enlace orixinal Oracional iVoox
LECTIO:
Na airexa do esperar.
Domingo
I de Advento-29 decembro 2026
Damos xa comezo, con este
primeiro domingo de Advento, ao novo ano litúrxico. Coa vista posta xa na festa
do Nadal que celebraremos antes dun mes. O tempo corre e nós con el. “Advento” significa vinda, chegada.
Irémonos, pois, preparando, neste e nos próximos domingos, para a lembranza
comunitaria e festiva da vinda, da chegada do Deus feito home onda nós. Un acontecemento que marca misteriosamente a historia humana
toda.Ano tras ano, estamos así convidados a “esperar”.Unha esperanza que ten os
seus alicerces nunha fe robusta: a fe nun Deus Pai Todopoderoso –así dicimos na
fórmula do Credo- que se nos manifestou en Xesús para a nosa liberación e
felicidade. Esperanza que se renova na manifestación humana de Deus no Nadal é
que está previamente fundamentada no feito de que Deus está xa desde sempre
connosco.
O Deus do Advento non é só un Deus futuro, un Deus que virá.
É conxuntamente un Deus que veu, que vén e que virá. Un Deus que é, ó mesmo
tempo, pasado, presente e futuro.Pasado, porque des que o mundo é mundo e des
que existe a humanidade alí está xa Deus, construíndonos, dándonos vida e
agarimándonos. Nel estamos todos desde sempre, tal e como nolo di o apóstolo
Paulo: “Nel, é dicir, en Deus, vivimos, nos movemos e existimos”. Deus é desde
sempre o facedor e sustentador de todo. Del procede e nel está desde sempre a
humanidade toda. Mais o acontecemento histórico do Deus que se encarnou e que
puxo -como se nos comenta no evanxeo de Xoán- “a súa tenda entre nós” tivo
lugar hai máis de dous mil anos. Fíxose El entón un de nós, un coma nós. Así -e
para sempre- entrou Deus no seu Fillo na nosa historia, emparentando, para
dicilo dalgunha maneira, con todos e cada un dos seres humanos e de maneira
especial cos máis humildes, necesitados e marxinados.
A Deus, xa que logo, non o deberiamos esperar coma se El non
tivese estado xa antes onda nós. Mais este Deus que veu onda nós, segue a vir,
está vindo onda nós acotío, en cada intre concreto da nosa vida. Sempre está El
presente na nosa interioridade e conciencia, mais tamén no noso exterior, en
todas e cada unha das persoas coas que un día e outro nos atopamos, ben sexa de
maneira esperada ou imprevista. Lembrade o dito de Xesús: “Eu estarei convosco
ata a fin do mundo” . Ou este: “Onde dous ou tres están reunidos no meu nome,
alí estou eu no medio deles”.
Por iso, cando a Igrexa nos convida en Advento a esperar,
faino sabendo que é Deus mesmo quen desde sempre está xa connosco, quen nos dá
forzas e graza para podermos ter azos para esperalo. Esperarmos a súa constante
e repetida chegada, porque a El nunca seremos quen de recibilo en toda a súa
grandeza sobrehumana, absolutamente infinita. Pois El non é algo así coma unha
lección que se aprende dunha vez na casa ou no cole e sobre a que xa non
precisariamos volver. Pois El é e será sempre algo que nin nesta vida nin na
vindeira chegaremos a comprender plenamente. Para iso teriamos que ser nós
mesmos absolutamente infinitos, é dicir, coma Deus. Algo obviamente
imposíbel.Por isoDeus está sempre a chegar. Os nosos corazóns deberían estar en
todo intre ateigados de esperanza. Unha esperanza que é ela mesma un inmenso e
prezado galano, un inconcibíbel agasallo, que Deus mesmo nos dá para así estarmos
en disposición de recibilo.
De maneira especial neste tempo de Advento deberiamos
repetir a invocación que comunitariamente proclamamos na Eucaristía:
“Anunciamos a túa morte, proclamamos a túa resurrección. Ven, Señor Xesús!”. Este desexo e petición de que El veña a todos e
cada un de nós, a toda a humanidade e de maneira especial aos máis necesitados
é o lema que debería presidir todo este tempo de Advento que hoxe comezamos.Un
desexo de que o Deus que se fai un de nós no Nadal se converta en pensamento
ardente e vidapráctica en todos nós. Porque a súa vinda onda nós no Nadal,
participando en todo da nosa humanidade, é un acontecemento que, por sabido e
aceptado que sexa, non deixará endexamais de nos sorprender por pouco que o
pensemos. De aquí que toda preparación sexa sempre cativaen relación cun
acontecemento tan inimaxinábel e incríbel.
O “esperar” do Advento non é así un esperar pasivo ou
adurmiñado. O texto do evanxeo convídanos por iso a todos a sermos responsábeis
nas nosas particulares angueiras e quefaceres, a “estarmos en vela”, a
mantermos viva a conciencia e a non deixármonos vencer polo sono: “Estade á
espreita e atentos”, “vixiade”, “estade en vela”. Algo que tampouco debería ser
angustioso, senón confiado, porque quen vén, aquel a quen esperamos, é en
definitiva o Deus que para sempre se nos fixo nel intimamente familiar.
E remato xa indicando que o mellor xeito de practicarmos este espírito de “esperanza”do Advento, é xustamente levarmos á práctica o que a vinda de Xesús nos anunciará. É dicir: o exercicio consciente e constante dunha común irmandade verdadeira entre todos, galano dun Xesús que se fixo para sempre irmán maior noso.-
Manuel Cabada Castro
Manuel Cabada Castro, Boa nova para tempos
novos. Comentarios velaíños aos evanxeos dominicais. Tres tomos
(2024-2025). SEPT (editorialsept@gmail.com; editorialsept@editorialsept.gal). Distribución: Editorial Galaxia (pedidos@editorialgalaxia.gal).



Comentarios
Publicar un comentario