SAGRADA FAMILIA C
LECTIO:
Familia ben querida.
SAGRADA FAMILIA. 29 Nadal
2024
Estamos no
tempo de Nadal. Moi próximos aínda a esa escena tan familiar do nacemento do
Señor, onde o Neno Xesús vén sendo coma o sol que co seu resplandor fai case
desaparecer a lúa e as estrelas que están arredor del. Refírome a María, a
Xosé, aos pastores e aos agarimosos animais domésticos que a tradición coloca á
súa beira.
Mais os que están á beira de Xesús son, pese a todo, algo
esencial na primeira mensaxe de Xesús ao mundo coma fillo benquerido de Deus
Pai. Pois a Palabra derradeira de Deus Pai á humanidade non se fixo escoitar no
mundo dunha maneira illada, eremítica, desvinculada dos nosos modos de nacer e
de vivir. Ela aparece, polo contrario, en familia, formando familia, no seo e
no agarimo dunha familia. O Deus cristián -Pai, Fillo e Espírito- existe xa
desde sempre en si mesmo de modo misterioso, incomprensíbel para nós, con
trazos familiares. Este Deus trinitario noso é así un determinado xeito, o máis
misterioso e fondo que se pode concibir, de vida familiar. Un marabilloso modo
de ser e de vivir en unidade e diferenza, modelo máximo e supremo da vida
humana que del procede.
Cando Xoán se atreve a definir ou describir como é Deus,
dinos que el é “amor”. Dificilmente poderiamos achegarnos a entender o que isto
quere dicir se Deus fose en si mesmo un ser solitario ou eremita, algo que non
estivese relacionado con ninguén. Por iso entendemos algo mellor a Deus como
amor cando se nos di que el é en si mesmo un Deus en tres persoas, por máis que
isto non suprima senón que agrande aínda máis o misterio deste noso Deus
trinitario.
Familia significa pluralidade na unidade. O que conforma
esta unidade e pluralidade é xustamente o amor. Esta festa que celebramosda
Sagrada Familia lévanos así en principio alén do misterio do nacemento de Xesús
no seo dunha familia concreta. Unha familia pobre, que carece daqueles medios
ou recursos que lles sobran ás familias ricas, mais que é abondosa en algo que,
se non se ten, de pouco lles serven a elas en definitiva eses outros medios de
que dispoñen. Se algo ten esta primordial familia de María, Xosé e mailo Nenoé xustamente
o amor co que se queren. Nisto non poden ter envexa a ninguén. Un amor que é a
cara e o corazón de Deus mesmo. Por iso a familia de Nadal é verdadeiramente
“sagrada”: a “Sagrada Familia” que celebramos.
Chámame a atención que na primeira Lectura, do libro do Eclesiástico, se fale moito das
bondades que trae consigo o amar, respectar, atender ou honrar os pais (tanto
nai coma pai). En cambio, non se comenta que para que os fillos amen, respecten
ou honren os pais é preciso que antes estes os amen e queiran abondosamente.
Para aprender a amar hai que recibir antes moito amor. Non se lle pode esixir
amor a ninguén se antes non o recibiu. Os fillos só poderán amar os pais se
experimentan acotío o seu amor, o seu coidado, o seu agarimo. É así como se
constrúe unha familia onde todos se atopan a gusto, recoñecéndose e queréndose
como diferentes.
Xustamente por iso, na dimensión directamente relixiosa,
para podermos ter inclinación e forzas para amarmos a Deus, precisamos tamén
coñecer e experimentar antes o moito que El nos quere. Deste xeito, por
exemplo, se aprendemos a ver no Xesús de Nadal a proba concreta do amor que
Deus Pai nos ten ao nos dar o seu Fillo benquerido, entón sentirémonos movidos
a amar a Deus, a Xesús e a tódalas persoas do mundo enteiro.
Só asíseremos quen de formarmos entre todos unha familia
semellante á Sagrada Familia de Nazaret e semellante tamén, en último termo, a
esa familia orixinal e primeira que Deus mesmo é. Desde estas consideracións, é
ben doado comprender o programa que Paulo pon diante nosa na súa carta aos
Colosenses: “revestídevos de sentimentos de misericordia, de bondade, de
humildade, de sinxeleza, de tolerancia. Aturádevos uns aos outros e
perdoádevos... Cinguídevos co amor... Homes, amade as vosas mulleres... Pais,
non asoballedes os vosos fillos”. Todo isto vén sendo unha verdadeira
revolución nuns tempos nos que a muller adoitaba ser considerada como algo
inferior e subordinado ao varón e no que a importancia do amor aos fillos
tardaría aínda moitos séculos en ser descuberta. Algo que continúa aínda a ser
revolucionario nos tempos actuais a xulgar pola sorpresa da xente cando o papa
Francisco nos fala da importancia da “tenrura” e do cariño en relación cos
enfermos, cos pobres ou xente carente de recursos materiais. Xustificando este
seu comportamento co que nos di no seu escritoA alegría do evanxeo:
“Todo ser humano é obxecto da tenrura
infinita do Señor, e El mesmo habita na súa vida. Xesús Cristo deu o seu
precioso sangue na cruz por esa persoa. Alén de toda aparencia, cada un é inmensamente sagrado e merece o noso cariño
e a nosa entrega. Por iso, se consigo axudar a unha soa persoa a vivir
mellor, iso xa xustifica a entrega da miña vida”.
O papa fala aquí de que toda persoa é “inmensamente
sagrada”. De modo que non nos deberiamos limitar a chamar “sagrados” unicamente
a Xesús, María e Xosé: a chamada “Sagrada
Familia”. Para el, “sagrados” somos todos, alén da nosa aparencia exterior. Se
lles damos un bico a unha reliquia ou a unha imaxe relixiosa, con moita máis
razón llo deberiamos dar a calquera necesitado. Así o fai alomenos quen está aí
aprendéndonos a ser verdadeiros cristiáns, seguidores dun Xesús que se fixo
irmán de todos.
Que esta entrañábel festividade da Sagrada Familia nos axude
a profundar na nosa fe, na nosa esperanza, no noso amor mutuo como membros que
somos desa ben “numerosa” familia -alén das propias e particulares familias-
que é a familia humana toda.
Manuel Cabada Castro
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/sagrada-familia-c-lucas-241-52-8/
https://xanostesaqui.blogspot.com/2021/12/ficha-e-lectio-sagrada-familia.html
Comentarios
Publicar un comentario