DOMINGO 4 DE ADVENTO C

Oracional Galego en Spotify

LECTURAS DO DÍA


LECTIO:

DOMINGO IV DE ADVENTO 
ENCONTRO DOS ENCONTROS.22.XII.24


 Propónsenos no Evanxeo deste último domingo de Advento, para a nosa meditación, un fermoso e entrañábel texto de Lucas.

  A mociña María, chea de graza, ou mellor -tal como noutra ocasión dicía- “enchida” por Deus da graza do seu Espírito, adiántase con presteza (“con moita présa”, dinos Lucas), con moita xenerosidade e humildade, a percorrer o camiño que a conduce á casa da súa curmá, Isabel. Tanto María como Isabel están á espera de dar a luz. Isabel á espera do seu neno Xoán, o futuro anunciador ou precursor do Señor, e María á espera de nos agasallar co infinito don de Deus: Xesús, irmán noso e fillo benquerido de Deus Pai.

  Toda a escena de hoxe é, en realidade, relato ou loanza dun encontro marabilloso: o de Deus connosco e o de cada un de nós coas persoas deste noso mundo.

  Deus é xa desde sempre encontro fondo e misterioso. Desde a eternidade éo na súa misteriosa Trindade. Encontro inimaxinábel, impenetrábel para nós, entre Pai, Fillo e Espírito. Pois ben, este íntimo encontro, tan fondo e íntimo que por iso mesmo non podemos falar máis que dun só Deus, quere e decide ampliarse ou manifestarse alén de si mesmo cara ao encontro concreto, histórico, connosco en Xesús.

  Deste modo, María, antes ca o precursor Xoán o Bautista, convértese nese seu presto camiñar cara ao encontro coa súa curmá Isabel na primeira precursora de Xesús. Ela anuncia coa súa presenza a presenza de Xesús perante Isabel e mailo seu fillo Xoán que está para nacer. Ela leva consigo o Xesús que vai nacer. Por medio dela faise Deus presente en Xesús, mesmo antes do seu nacemento, entre os próximos a María.

  Encontro agarimoso de dúas mulleres que se queren, que se estiman e que se axudan. Encontro anticipado de Xoán con Xesús, que enche de alegría o neno Xoán, que está tamén para nacer, “brincando de alegría” no seo da nai.

  Desde o acontecemento de Xesús, o Deus que emparentou coa humanidade, os encontros de Deus connosco realízanse como encontros igualitarios, amorosos, xenerosos, servizais. Só así poden ser encontros verdadeiramente salvíficos. Deus salva, verte o seu Espírito, dende a proximidade e fraternidade de Xesús. Non dende o “ordeno e mando”, desde o imperio, desde o poder ou desde a intimidación ou a angustia.

  É así como estamos preparándonos verdadeiramente para o próximo encontro da Noite Boa con Xesús. Unha noite á que xustamente chamamos “boa” porque ela é todo o contrario de raios e tormentas, medos e desazos, turbulencias ou violencias. Os relatos evanxélicos do nacemento de Xesús e as tradicións dos nosos nacementos artísticos e populares soubérono expresar moi ben. Un encontro que se realiza no máis espontáneo e inmediato da natureza: alí onde flúe clara a auga e se pode tocar o brando musgo, entre años e ovelliñas, á beira do boi quente e tranquilo e da fermosa e quieta muliña. Símbolos que falan co seu silencio e coa súa soa presenza de paz, tranquilidade, humildade  e irmandade universal.

  Estamos todos necesitados, ao longo das nosas vidas, desta aura propia do Nadal que está a chegar. Mais non debemos estar só á espera de que tales encontros nos cheguen. Deberiamos ofrecer nós mesmos este tipo de encontros aos demais. Revestírmonos do espírito de Xesús, que é o espírito de Deus, e actuar co ímpeto e a forza que proceden dese mesmo espírito nos nosos encontros e relacións cos demais. Sobre todo cos que poidan estar máis necesitados destes encontros fraternais e amorosos.

  Toda a vida humanaestá chea de encontros. Que estes encontros se convertan en desencontros depende en boa parte de nós. Quero dicir, depende de nós en canto esteamos ou non “enchidos” dese espírito co que María foi ao encontro de Isabel ou co que o neno Xesús se encontrou co neno Xoán. Porque, en definitiva, sempre é Deus o que mobiliza e dá forzas e arte para a realización deses encontros. Encontros que están sempre, por moi humanos que sexan e deban ser, aureolados de divindade.

  Encontros que poden ocorrer no silencio, é dicir, sen palabras. Semellantes a ese “pai ou nai de todos os encontros” que é o encontro no Nadal de Deus coa humanidade. O encontro cun neno que nin sequera sabe falar, mais, iso si, que está disposto a querer e a ser querido. Para que sexa verdade aquilo de Xoán de que Deus é “amor”.

  Toda vida está tecida de encontros. Encontros cos pais, coas irmás e irmáns, cos amigos e amigas, co esposo ou esposa, cos fillos ou cos netos, cos estraños e diferentes. Encontros cos acontecementos agradábeis ou desagradábeis da vida, coas ideas, coa nosa conciencia, coa nosa vida toda e coa dos demais, coa morte dos que estimamos ou queremos, coa espera e coa esperanza, co medo da nosa propia morte etc. E, a través de todo isto, encontro connosco e co Deus que está no fondo e nos alicerces mesmos de todo este tipo de encontros.

  Ben preto xa da Noite Boa, deberiamos prepararnos mental e cordialmente para o encontro de todos os encontros que se concentra nun humilde lugar onde Deus se fai humano e os humanosrecibimos a posibilidade de ser verdadeiramente semellantes a Deus, de participarmos realmente da propia natureza divina.

  Un plan tan grandioso e inimaxinábel que só un Deus verdadeiramente namorado de nós pode concibir.


Manuel Cabada Castro



Comentarios

Publicacións populares