DOMINGO XX DO TEMPO ORDINARIO B
LECTIO:
INXERIR DIVINDADE.
Domingo XX ordinario - 18 agosto 2024
Seguimos co tema de Xesús como “pan de vida”. Un tema do que xa nos levamos ocupando varios
domingos. Hoxe incluso se nos repite enteira, ao comezo do Evanxeo, a última
frase do Evanxeo do último domingo, que era moi central no discurso de
Xesús: “Eu son o pan vivo que baixou do
ceo: se alguén come deste pan, vivirá para sempre; e o pan que eu darei, é a
miña carne, para a vida do mundo”.
Deste xeito non perdemos o fío da mensaxe de Xesús, que continúa hoxe sen se engadir case ningunha idea
nova ao xa dito e comentado no último domingo. Mais esta mesma insistencia de
Xesús en que el é para nós verdadeira comida e bebida vén indicarnos que se
trata de algo ben importante na súa mensaxe.
Santo Ignacio de Loiola nos
seus Exercicios Espirituais utiliza de cando en vez a que el chama “repetición”, para que quen fai os Exercicios poida volver sobre algún tema
ou misterio a meditar da vida de Xesús que el considere de especial
importancia. Algo semellante podemos facer hoxe, volvendo sobre ideas anteriormente
expostas arredor deste tema de Xesús como comida e bebida, como fortalecemento
espiritual das nosas vidas.
Unha das ideas –coido que central– que cómpre lembrar é a de que a comida divina que os
cristiáns deberiamos practicar responde a unha necesidade básica ou fundamental
que temos todos desde que nacemos. Unha necesidade que se concreta nos desexos
desmedidos que temos todos de vivir e de continuarmos vivindo por moi vellos
que xa sexamos e por máis que o noso carné de identidade nos estea a dicir que
cómpre xa que deixemos sitio neste mundo para outras persoas máis mozas que
seguramente se han comportar mellor ca nós...
Non. Non estamos equivocados
nese desexo, que poderiamos cualificar como baleiro e iluso, de querer seguir
vivindo. Porque é Deus mesmo quen
alimenta ese desexo e quen nos ofrece unha fonte de vida onde poder saciar
sempre esa sede nosa que nunca se extingue. A nós non nos é abondo con calquera
cousa limitada ou pequena. Querémolo todo. Queremos a Deus. E Deus ponse á nosa
disposición como comida e bebida.
E por certo, non somos os
cristiáns nisto tan diferentes, aínda que o
poida parecer, doutras culturas e relixións que tiveron ideas semellantes ou
practicaron ritos parecidos aos que se derivan da mensaxe de Xesús como comida
e bebida.Advertiron esta semellanza, por exemplo,
os que puideron contemplar determinados ritos dalgúns pobos americanos nos primeiros tempos da chamada conquista de América.
Realizábanse alí certos ritos que lles recordaban con toda razón -segundo nos
contan os que os presenciaron- o que eles realizaban como cristiáns na
celebración eucarística en Europa. Pois os indíxenas que participaban naqueles
ritos (que nós poderiamos considerar equivocadamente desde o noso punto de
vista como simple antropofaxia) vían de feito naquilo que estaban a comer algo
divino, aínda que só fose de maneira simbólica ou representativa.
A linguaxe de Xesús sobre si mesmo como comida e bebida participa tamén dalgún xeito deste
mundo simbólico e representativo. Cando nós dicimos que na eucaristía
comunitaria nos alimentamos da palabra e do corpo de Xesús, Fillo de Deus,
estamos a dicir e a crer que a súa palabra comunicada aos apóstolos e á Igrexa
alimenta realmente a nosa vida cun manxar que dá vida e forzas vitais. E cando participamos na eucaristía, recibindo en nós o corpo de Cristo en forma de pan, estamos a dicir e a
crer tamén que a persoa real e concreta de Xesús é alimento inmortalizador e
vivificador da nosa existencia.
Con iso acadamos precisamente
o que no fondo de nós mesmos desexamos
con máis forza e vehemencia.Pois ben, se miramos
por nós mesmos e miramos tamén pola vida dos
demais, a mensaxe de Xesús como comida e bebida que inmortaliza debería
enchernos de alegría e de agradecemento.
Agradezámosllo a Deus nesta eucaristía, pois toda eucaristía é fundamentalmente,
como ben sabemos, agradecemento. Enchámonos así do “Espírito Santo”, coma dun
viño xeneroso e forte que, en vez de atordarnos e facernos perder a cabeza, nos
inunde de fonda alegría e de agradecemento sincero cara ao noso Pai do ceo, que
se nos fixo presente en Xesús como comida e bebida.
Algo así semella dicirnos o
propio Paulo na segunda lectura: “Non vos
emborrachedes con viño, que leva á libertinaxe; en vez diso, enchédevos de Espírito,
falando entre vós con salmos, himnos e cánticos espirituais, cantando e
salmodiando con toda a alma para o Señor e dándolle grazas decote a Deus Pai
por todo, no nome do noso Señor Xesús Cristo”.-
Manuel Cabada Castro
VER TAMÉN:
Comentarios
Publicar un comentario