DOMINGO XXI DO TEMPO ORDINARIO B

 Oracional Galego en Spotify


LECTURAS DO DÍA


LECTIO:

DOMINGO XXI ORDINARIO. Comensais dun mesmo pan (25 agosto 24)

Co evanxeo deste domingo remata a sostida mensaxe de Xesús aos seus oíntes sobre el como “pan de vida”. Aínda que isto nos teña ocupado varios domingos, non deberiamos consideralo tempo perdido. A mensaxe non era doada de aprender porque afondaba ata a raíz da persoa mesma de Xesús con anterioridade ao que el dicía. Xesús non era só alguén que dicía cousas fermosas sobre a fraternidade e o amor, que daba bos consellos ou criticaba as estruturas sociais e relixiosas do seu tempo. O máis importante era el mesmo, o que el dicía sobre si mesmo. 

Porque el ademais, como ben se decataban os seus oíntes, falaba con autoridade, coa autoridade de quen se sabía a si mesmo como “mandado” polo seu Pai Deus para ofrecer vida divina ao mundo enteiro, a todas as persoas, das que el mesmo se consideraba irmán e amigo. Por medio del amosaba Deus Pai ao mundo o seu amor e a súa entrega para facernos así partícipes da súa propia divindade. Non poderiamos imaxinar un destino máis grandioso para a humanidade ca este que nos ofrece Deus Pai en Xesús: o de entrarmos, por así dicilo, no circuíto mesmo da dimensión divina. E que mellor maneira para nós de entrarmos nesa dimensión divina ca o feito mesmo de que Deus se deixase en Xesús inxerir por nós, entregándose totalmente a nós para nos encher así de vida, de plenitude, de felicidade?

Mais, tal e como lle ocorrería a quen lle dixesen que lle tocou o premio máximo da lotería –que non acabaría de crelo– algo semellante lles ocorreu tamén a “moitos” dos discípulos e oíntes de Xesús, segundo se nos di no evanxeo: “Quen pode admitir tal cousa?”, comentaba un bo grupo deles.

Deus fai sempre as cousas á súa maneira, é dicir, de xeito grandioso e inimaxinábel. Ese é o contido central da mensaxe de Xesús en canto persoa que se nos ofrece totalmente a nós. El ponse totalmente á nosa disposición, impulsando e provocando coa súa actitude que os seus discípulos procedan pola súa parte cos demais de modo semellante.

A nosa entrega aos demais ten que ser tamén polo tanto total e xenerosa. De tal maneira que todos poidan vernos como persoas que non se pechan en si mesmas, nos seus particulares problemas ou necesidades. Só así poderemos facer presente a Deus no mundo con aquela xenerosidade e entrega que se nos manifestou en Xesús. Ofrecer e dar vida aos demais da mellor maneira que poidamos. Agora ben, isto equivale en certa maneira -metaforicamente falando–  a deixarse comer polos demais.

Hai no evanxeo de hoxe unhas palabras de Pedro, como representante dos demais apóstolos, que –neste contexto de Xesús anunciándose como “pan de vida”–  me parecen moi expresivas e significativas. Á vista de que a mensaxe de Xesús non acababa de convencer un bo número de discípulos, que en consecuencia deixaran xa de escoitalo e de seguilo, pregúntalles Xesús aos doce apóstolos se eles tamén o van deixar. É entón cando Pedro responde decontado e co seu habitual ímpeto: “Señor, e onda quen imos ir? Ti tes palabras de vida eterna”.

É dicir, Pedro -que coma calquera de nós o que quere é vivir sempre, ter unha vida eterna- preséntasenos ante nós como aquel que fai a verdadeira e xusta elección, apostando pola vida e, polo tanto, por Xesús. El sabe que Xesús ofrece vida verdadeira, vida plena, vida que non acaba. El sabe que Xesús ten “palabras de vida eterna”. Isto responde ao que no fondo Pedro desexa e supoño que tamén calquera de nós. Non cabe, pois, outra elección.

Que Deus Pai –do que nos di aquí Xesús que ninguén pode vir a el, é dicir, a Xesús, “se non llo concede o Pai”– nos dea a todos a graza de optarmos sempre por Xesús e dese xeito a graza tamén de optarmos por entregarnos, coma Xesús, aos demais.

Esta mensaxe de fraternidade, igualdade e amor, que deben rexer as nosas relacións cos demais, ten que se estender a calquera circunstancia da vida. Aínda que poida parecer, e con razón, que a carta de hoxe aos Efesios non está moi en liña con todo isto. Pois, tal como seguramente escoitastes na Segunda Lectura, dise nela por exemplo que as mulleres han de estar “sometidas” aos seus maridos e, na mesma liña, que o marido é a “cabeza” da muller... Hoxe en día este modo de falar é dificilmente admisíbel tanto por cristiáns como por non cristiáns. Os entendidos nestes temas bíblicos comentan que este tipo de expresións que aparecen nesa carta proceden da filosofía moral daquel tempo, asumida concretamente polo estoicismo e polos propios rabinos xudeus. Trátase polo tanto dun condicionamento cultural ligado a aquela época, que non pode ser considerado como parte substancial da revelación de Xesús. 

De todos modos, este tipo de expresións están en boa medida xa superadas na mesma carta cando nela se lles dá aos maridos instrucións coma estas: “Homes, amade as vosas mulleres, como tamén Cristo amou a Igrexa”. Ou tamén: “Os maridos deben amar as súas mulleres coma os seus propios corpos”. E incluso se nos di alí: “Serán os dous (home e muller) un só corpo”. 

En definitiva, nesta carta vénsenos dicir –se prescindimos das anteriores expresións de orixe cultural e tradicional do “sometemento” da muller– que o amor entre varón e muller é a concreción a nivel humano da relación amorosa que ten Cristo coa Igrexa e con toda a humanidade. Unha relación que, como xa dixemos, non é máis ca a expresión do amor de Deus á humanidade toda e a todo canto saíu das súas mans.- 

M. Cabada Castro




Comentarios

Publicacións populares