Igrexa e lingua na Transición No centenario de Alfonso Zulueta (23/04/2024)

https://consellodacultura.gal/mediateca/extras/CCG_ac_2024_programa-igrexa-lingua.pdf 



Xornada

Igrexa e lingua na Transición
No centenario de Alfonso Zulueta
23 de abril de 2024
Consello da Cultura Galega

Organiza: Consello da Cultura Galega
Coordinación: Silvestre Gómez Xurxo

O Concilio Vaticano II, primeiramente, e o período da Transición en España, deseguido, supuxeron na sociedade e tamén na Igrexa o espertar dun mundo de inquedanzas. Unha desas inquedanzas, e non das menores, foi pola lingua. Diversos movementos e iniciativas a prol da galeguización da Igrexa tiveron moita relevancia e constituíronse na manifestación da nova conciencia que naceu na Igrexa galega. Di Xesús Ferro Ruibal en A Igrexa e a lingua galega: «Anque a estructura eclesiástica está como pasmada ante a cuestión da lingua galega, sendo case o sector menos sensible de toda a sociedade neste asunto […], sería inxusto rematar sen certifica-la existencia dun cristianismo galeguista que move varios milleiros de almas, que intenta realizar na galeguidade a súa fe […]. Trátase dun colectivo inorgánico pero amplo que conecta coa mellor tradición cristiá, que é o máis dinámico que ten a Igrexa en Galicia».

Neste contexto tivo moita importancia Alfonso Zulueta de Haz, persoa comprometida coa aculturación da Igrexa en Galicia e impulsor da empresa da tradución da Biblia ao galego dende as linguas orixinais. El mesmo di na nota editorial á terceira edición da Biblia: «Botando unha ollada cara atrás xorde o camiño percorrido desde o ano 1973 no que un grupo de laicos […] integrantes da Sociedade de Estudos Publicacións e Traballos (SEPT) decide abordar esta singular publicación a pesar da súa complexidade e dificultades de todo tipo. Mais para aqueles laicos era preciso asumir a responsabilidade da publicación en galego dos textos sagrados, dando expresión á mensaxe cristiá na propia lingua, á que tamén había que prestixiar e defender».

Esta xornada é unha oportunidade para analizar como xurdiron aquelas grandes inquedanzas a prol da galeguización da Igrexa e os movementos e iniciativas que botaron a andar, para facer un xusto recoñecemento ás persoas que tiveron un compromiso exemplar e tamén para observar o que permanece e como permanece.

Contaremos coa participación de Silvestre Gómez Xurxo, Xosé Fernández Lago, Lois Ferradás Blanco, Pilar Wirtz Molezún e Andrés Torres Queiruga.

Consulta o PROGRAMA.

Realiza a túa INSCRICIÓN.

Agardamos que esta actividade sexa do teu interese e contar coa túa presenza.

Un cordial saúdo,

Área de Actividades
Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2º andar
Praza do Obradoiro s/n
Santiago de Compostela
981 957 209 / 981 957 210
661 587 689
actividades@consellodacultura.gal

Comentarios

Publicacións populares