2º DOMINGO DE PASCUA - CICLO B
LECTIO:
SERMOS TOMÉ
Domingo II de Pascua. 7 abril 2024
Os evanxeos, coma o de Xoán, fálannos da
alegría dos discípulos cando van facendo, individual e comunitariamente, a
experiencia de Xesús resucitado. Xoán dinos que, ao veren o Señor, os
discípulos se alegraron.
A nós, séculos
despois, pásanos algo semellante ao que lle aconteceu a Tomé. Desexariamos,
coma el, termos probas e experiencias directas e tanxíbeis de que Xesús seguía
e segue a vivir trala súa morte na cruz.
Mais se os discípulos de Xesús
creron porque, como se nos di, “viron”, a nosa crenza en Xesús resucitado terá
que basearse, non na nosa “visión”, senón na nosa “fe”. Trátase dunha fe que
ten os seus alicerces no testemuño dos primeiros discípulos de Xesús. En
calquera caso, podemos dicir tamén que, como compensación de non termos esa
“visión” –que si tiveron as primeiras testemuñas de Xesús– podemos en cambio sentir en nós a alegría das palabras que
dalgúnxeito dirixe Xesús a cantos nos tempos posteriores recibimos o anuncio da
súa boa nova: “Benia os que creron sen veren!”.
O episodio relacionado co apóstolo Tomé aparece
só no texto de Xoán. En realidade, dinos incluso o mesmo Xoán que houbo “moitos
outros signos” realizados por Xesús, despois de resucitado, que Xoán tampouco
nos conta de xeito concreto. De modo que eses signos que para un xornalista de
hoxe terían un grande interese, semella que a Xoán non lle doe moito non
contalos.
Os discípulos de
Xesús saben ben que o importante e decisivo é o encontro con el. Co Xesús de
antes e de despois da resurrección. E para atopármonos con Xesús e adherírmonos
a el abonda un par de experiencias fondas e íntimas con el. Os evanxelistas non
son xornalistas, senón transmisores dalgunhas desas experiencias que tiveron
con Xesús.
Por iso Xoán, pensando
seguramente nas persoas que non participaron inmediata e directamente nesas
experiencias, preséntanos a escena de Tomé. Este lémbrame un pouco, aínda que
sexa como digo só un pouco, a parábola conmovedora de Xesús sobre o fillo
pródigo (ou, máis exactamente, a parábola sobre o “Pai bondadoso”). Nesa
parábola fálasenos da bondade a toda proba de Deus de seu Pai e noso Pai tamén.
Cando volve o seu fillo despois de o pai moito esperalo, este apértao con
agarimo sen lle rifar nin lle botarlle en cara a súa conduta. Dun xeito
semellante, é agora Xesús quen se comportaamorosamente condescendente co seu
apóstolo. Acepta sen reparos as condicións que Tomé puxera para crer nel: ver
directamente as furas dos cravos nas súas mans e comprobar amodo e directamente
que el é verdadeiramente o Xesús co que convivira e non unha pantasma.
Os encontros con Deus están sempre cheos
de paz, de ledicia, de perdón xeneroso, de xestos moi humanos. É esa atmosfera
a que Xoán recrea no seu relato da aparición de Xesús no medio dos seus
discípulos, cando eles estaban cheos de medo e precaucións trala morte
ignominiosa do seu Mestre.
O primeiro saúdo quere xa
romper con medos, posíbeis acusacións mutuas ou desencontros no seo do grupo
dos discípulos. “Paz convosco”. No encontro posterior oito días despois, xa con
Tomé entre eles, repetirá Xesús o saúdo: “Paz convosco”. Él aporta sempre paz, consolo e azos para
vivir, pois el é a Vida e como tal vida ten que se mostrar. Dálles, ademais, o
mellor agasallo: o Espírito Santo. “Recibide o Espírito Santo”. É dicir, o
mesmo Espírito que moveu, consolou e guiou Xesús durante toda a súa vida.
Foi así como se foi
formando a Igrexa ata nós, aínda que isto ocorrese a través de deficiencias
históricas no seo da mesma. Por iso certos xestos, actitudes ou palabras do
papa Francisco non deixan de nos chamar hoxe tanto a atención. Por que? Pois
porque quizais nos queren facer máis directamente presente o modo como se
comportaba Xesús coa xente do seu tempo.
Que lle pasou a Tomé para pasar tan
rapidamente dunha actitude de autodefensa ante os seus compañeiros a outra
completamente distinta na que se derruba ante o Xesús que lle permite que
realice con el as probas que xulgue máis axeitadas para crer na súa
resurrección?
A resposta a esta pregunta é importante
porque nos afecta tamén a nós, que podemos atoparnos máis dunha vez en loita
interna entre a nosa tradicional crenza na resurrección e as dúbidas que non
deixarán de se nos presentar en relación con ela.En calquera
caso, canto máis teñamos en conta a infinita grandeza de Deus a todos
os niveis, tanto máis doado nos será poder crer. Porque as cousas de Deus son
sempre grandiosas, inimaxinábeis. Tanto en poder coma en bondade. Non é el unha
cousa máis ou unha persoa máis coas que nos encontramos na vida, por moito que
as poidamos estimar ou apreciar. El é absolutamente infinito en todo. De aquí
provén o gran misterio das realidades feitas por el. A realidade da materia, da
vida, do noso propio interior e de mil outras cousas máis que nos admiran. É
marabilloso e misterioso o nacer, o vivir, o finar e, por suposto, o resucitar.
Tomé fixo a
experiencia do Xesús resucitadoe xunto con ela fixo tamén a de que el mesmo
está tamén destinado a resucitar. E isto éncheo de alegría e de fonda paz.
Todas as probas que Tomé tiña pensado realizar co Xesús resucitado caen agora
por terra como xoguetes de rapaces pequechos ante o poder e a bondade que se
lle presenta directamente diante del. Poderoso, porque é xa señor da morte e
entrañabelmente bondadoso porque ten a condescendencia de se ocupar de Tomé e dos
seus problemas case coma se non existise no mundo ningunha outra persoa máis ca
el.Por iso, Tomé non podía dicir
outra cousa máis ca o que dixo: “Meu Señor e meu Deus!”.
Manuel Cabada
Castro
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/2-pascua-b-xoan-2019-31-2/
Comentarios
Publicar un comentario