5º DOMINGO DE PASCUA - CICLO B
LECTIO:
APRENDENDO DA VIDE.
Domingo V de Pascua
Como ben sabedes e é lóxico e natural,
Xesús empregaba para dar a coñecer a súa mensaxe comparanzas relacionadas coa
vida e co traballo da xente coa que convivía. Eran comparanzas sinxelas, doadas
de comprender.
Menos mal que aínda hoxe, malia os progresos da técnica, temos a posibilidade de ver e
observar cos nosos ollos de onde vén o viño que sae a grolos dunha botella,
etiquetada ou non, que nos poñen na mesa. Hai todo un proceso, coidadoso e
delicado, desde aquel vello e retorcido tronco da vide, que se mantén firme na
terra do seu dono, ata que se pode degustar o viño saído dela nun alegre xantar
con familiares, amigos ou convidados.
O viño ten que ver e tivo sempre que ver coa alegría de bebelo en compaña
doutros, creando amizade e compañeirismo, construíndo así comunidade e
fraternidade.
Cómpre non esquecer que tamén as eucaristías que celebramos teñen que ver
con esa comunidade de vida, de fe e de alegría que queremos ir construíndo
pouco a pouco arredor da mesa do corpo e do sangue do Señor. Na comuñón
recibímolo a el precisamente en forma de pan e de viño.
De maneira especial nos
domingos de Pascua que estamos a celebrar convídasenos –e concretamente na liturxia deste domingo– a vivirmos a “santa
alegría da Pascua”, da que se nos di ademais que é preparación para a “alegría
eterna” que nos espera a todos.
Ben. Para entendermos o que
nos refire Xoán sobre a comparanza do reino de Deus
coa vide hai que saber distinguir –e isto é doado– entre o labrego dono
da viña, asvides plantadas na súa leira e as ramas ou bacelos da
vide dos que penduran os prezados acios acugulados de bagos ou uvas.
Hai aí unha especie de trindade: labrego, vide e bacelos ou
ramas da vide. Unha trindade que lle serve a Xesús para nos falar da unión e
relación íntima que debemos ter con el e, a través del, con Deus Pai.
O labrego tradicional coida,
mañá e tarde, da súa viña. Está curtido
polo sol, polas chuvias, polos temporais. A súa pel asemella a cortiza do
tronco da vide: recia, morena. Podería dicirse que a vide é filla do labrego.
Mais sobre todo o labrego ama a súa viña. Coida dela con agarimo de pai. No
deixa que follas ou ramallos sobrantes afoguen a súa teima e esperanza de que a
vide poida producir acios fermosos, agradábeis á vista e ao padal. Cando o
labrego a poda, non a quere asustar nin lle causar dor. É só para que a vide
sexa máis ela mesma e máis semellante ao seu pai, o labrego.
Moi fermosa é a comparanza que fai Xesús de seu Pai Deus co labrego que coida
amorosamente da viña!
Como digo, Xoán quere axudarnos a entender a unión que deberiamos ter nós, os bacelos
(as ramas da vide), coa vide mesma, que é Xesús. Mais tamén a unión que ten a
vide, Xesús, co labrego que é seu Pai. Sen este labrego-Deus Pai non habería
viña nin vides, porque as malas herbas e os xabarís acabarían con ela.
Agora ben, se Xesús (que é a vide) non pode existir sen o seu pai-Deus, menos aínda
poderiamos nós existir se non estivésemos unidos a esta vide que é Xesús. De
Xesús é de onde os bacelos ou as ramas da vide (que somos nós) recibimos a
seiva divina que nos vai divinizando pouco a pouco. De tal maneira que se nos
cortan con coidadiño da vide e nos plantan nun terreo axeitado poderemos
converternos en novas vides á semellanza da vide nai ou primeira que é Xesús,
pois levamos a seiva de Xesús connosco.
O que non é posíbel é crer que poderiamos subsistir por nós mesmos sen relación coa
vide, que é Xesús. Neste circula, bule e ferve a seiva divina que vén do
Pai-Deus, de quen todo procede. Só del podemos recibir a forza que precisamos
para vivirmos con alegría, esperanza e amor. “Fóra de min –dísenos no texto do evanxeo
– non podedes facer nada”.
Pero é que ademais –aínda que disto non se nos fala directamente– a comparanza
da vide ten que ver coa mutuafraternidade que deberiamos practicar. Nos
bacelos, nas ramas da vide, é dicir, en nós mesmos circula unha mesma
seiva: a seiva de Deus que se fai presente na vide que é Xesús, ese don
infinito de Deus Pai e do Espírito ao mundo. Esta seiva divina, que circula por
todos os bacelos da vide, é a que nos converte en verdadeiros irmáns. Pois
participamos dunha mesma vida e dun mesmo agarimo común, o amor que lle ten
Deus Pai ao mundo e que se nos manifestou en Xesús.
Falamos da unión que temos que ter con Xesús e con Deus Pai para podermos producir
froitos saborosos de xustiza, de paz e de amor. Mais esta unión non nos fai
uniformes, como tampouco hai nunha mesma vide un bacelo exactamente igual a
outro ou un acio de uvas que sexa totalmente idéntico a outro. O Deus que é un,
mais que é tamén diferente en si mesmo (en canto Pai, Fillo ou Espírito), quere
construír así en nós unidade e diferenza, unión de cada un de nós con el e cos
demais, mais mantendo cada un a propia identidade, a súa diferenza respecto dos
demais.
Construír un mundo así, unido e diferente segundo as diversas culturas e as
diversas maneiras de ser, é unha tarefa á que nos deberiamos dedicar sempre con
teima, ledicia e esperanza. Mais sabendo que só acadaremos realizar esta grande
obra se nos mantemos unidos coa vide, que é Xesús, e por medio deste co labrego
traballador e agarimoso por excelencia, Deus-Pai.
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/5-pascua-b-xoan-151-8-2/
Comentarios
Publicar un comentario