4º DOMINGO DE PASCUA - CICLO B
TEIMANDO SER DITOSOS.
Domingo IV de Pascua
Estamos en tempo pascual. Tempo
de resurrección, de felicidade. Existen diversas enquisas sobre que
tipo de persoas semellan sentirse máis felices na súa vida. Chamoume a atención ler nalgún destes traballos
que en comparanza con outras profesións hai unha boa proporción de sacerdotes
que se senten moi felices na súa actividade. A explicación que alí se dá é a de
que a eles os fai felices axudar os demais. Isto viría darlle a razón ao
coñecido dito de que é máis feliz quen dá ca quen recibe.Que eu saiba, houbo hai algúns anos dous Congresos Internacionais sobre o
tema da Felicidade. No segundofalaron, entre
outros, un monxe budista, de orixe francesa, considerado como o “home máis
feliz do mundo”. Falou tamén nesa reunión unha monxa contemplativa católica. Un
e outra coincidían en que a felicidade, por moi persoal que sexa, non é un
asunto individual, senón comunitario, social, compartido. Non se pode ser feliz
pechándose en si mesmo, na súa propia
pel coma quen di, pensando que dese xeito un se vería libre dun dos perigos que
ameazan a felicidade. Polo contrario, para sermos felicescómpre máis ben saírse
do propio “eu”, do egoísmo, e dedicarse a facer ben aos demais, a cantos precisen
da axuda ou das atencións que un lles poida proporcionar.A aludida monxa contemplativa dicía, por exemplo: “Calquera que ame e se sente amado é feliz”.
Pois ben, todo isto ten que
ver con algo moi central na experiencia cristiá, na
que tan decisivo é o mandato do “amor”: do amor ao próximo. Por que é e debe
ser tan central isto no cristianismo? Pois porque Xesús foi iso: entrega total
e absoluta aos seus irmáns, homes e mulleres deste mundo cos que no seu curto
tempo de vida se atopou. Foi dese xeito e non doutro como Deus Pai quixo
revelársenos a si mesmo.
O texto do evanxeo de hoxe é un verdadeiro canto a este modo de se comportar. Xesús enténdese a si
mesmo como “bo pastor”: “Eu son o bo pastor”. O acento hai que poñelo aquí
nesas dúas letras que forman a palabra “bo”. Porque ser “bo” pastor significa,
segundo o relato de Xoán, non pensar en si mesmo, nos seus propios intereses ou
ganancias, senón nas ovellas das que se é pastor. O bo pastor arrisca a súa
vida, se é necesario, por salvar adas súas ovellas. Non polo interese que elas
teñan para el, senón por si mesmas, porque as quere, porque as coñece polo seu
nome, porque sabe como é cada unha delas e porque está moi ao tanto dos
coidados que precisan.
Por iso non é nada estraño que o papa Francisco comentase algunha vez que os
evanxelizadores deberían ter “olor a ovella”. “A comunidade evanxelizadora
–dinos el– métese con obras e xestos na vida cotiá dos demais, achica
distancias, abáixase ata a humillación se é necesario e asume a vida humana,
tocando a carne sufrinte de Cristo no pobo. Os evanxelizadores teñen así ‘olor
a ovella’ e estas escoitan a súa voz”. “Olor a ovella” que para Francisco vén
sendo o mesmo ca “olor a evanxeo”.
Pois ben, no lindo relato de
Xoán están moi unidos coñecemento e amor.
Non se pode amar sen coñecer e non se pode coñecer sen amar. Xoán refire aquí o
discurso de Xesús aos fariseos cunha fondura incríbel. Porque o amor que o bo
pastor ten ás súas ovellas é un amor que ten que ver co coñecemento e co amor
cos que o Pai Deus e o seu Fillo Xesús se coñecen e se aman mutuamente: “O Pai
coñéceme a min e eu coñezo o Pai”. Este amor ten que ver, polo tanto, coa mesma
Trindade de Deus Pai, Deus Fillo e Deus Espírito, que é o centro mesmo da nosa
concepción cristiá de Deus.
Falamos con frecuencia da
gran felicidade que pode haber nas familias: alí onde pai e nai se queren e
queren tamén os seus fillos e estes queren, pola
súa parte, tamén os seus pais. Pois ben, Deus non podería ser modelo e fonte
deste tipo de amor se el fose unha persoa pechada en si mesma, sen posibilidade
de se relacionar con ninguén igual a si mesmo. Por iso Deus non é así. O Deus
que se nos revela en Xesúsé un Deus trino e un: poderiamos dicir que é unha
verdadeira familia, a familia primordial da que procede toda familia humana e
todo amor sobre a terra.
Mais case o máis grande é o seguinte. Toda a humanidade está chamada a formar parte
desta felicísima familia do Pai, do Fillo e do Espírito Santo. Lémbranolo Xoán
na segunda lectura. Dísenos alí: “Vede o moito que nos quixo o Pai, para nos
chamarmos fillos de Deus e sérmolo de verdade”. Este “sérmolo de verdade” e
desde logo moita cousa. Algo que en principio semella imposíbel. Mais isto
quere dicir que toda a gran familia humana, está chamada a se integrar na
familia máis grande e máis feliz que imaxinar se pode: a familia –digámolo así–
trinitaria, que é Deus mesmo.
Un misterio que non nos cabe
na cabeza, mais que debería dirixir a nosa
vida e a nosa relación con todas as persoas coas que nos atopemos neste mundo.
Porque o noso destino é moi grande, inconcibíbel. Xoán non deixa de se referir
ás perspectivas grandiosas de tal destino, que nos foi posibilitado grazas ao
Deus que en Xesús se fixo un de nós: “Meus amigos –dinos Xoán– xa somos fillos
de Deus, mais aínda non está á vista o que seremos; sabemos que cando Xesús
apareza, seremos coma el, xa que o veremos tal e como é”.
O tempo pascual é, pois, tempo para “soñar”, para crermos que serán realidade cousas que só
semellan pertencer ao mundo dos soños. Mais temos dereito a soñar, pois a
grandeza de Deus e o amor que nos ten son meirandes ca todos os soños nosos,
por altos e sublimes que sexan.Quenpodería soñar que o Xesús que morre entre dous ladróns se convertería na clave
da historia e do destino humanos? Pois a nosa fe ínstanos a confesar que ese
non é un soño, senón a feliz realidade que Deus mesmo fixo para nós. Podemos
por iso dicir e cantar con alegría: Aleluia! É dicir: Loado sexa Deus.
Comentarios
Publicar un comentario