DOMINGO 5 DE ORDINARIO B + FICHAS + ORACIONAL

Oracional en Spotify


 LECTURAS DO DÍA

LECTIO:

PREGAR E SANDAR HOXE

Domingo V ordinario

                                                         (4 de febreiro 2024)

         Coma nos nosos tempos, tamén nos tempos de Xesús había naturalmente, polo que se ve, gripe e febres. Tal como nos pasa cando estamos no inverno e as gripes e constipados acostuman visitarnos. A xente pobre ou marxinada seguramente estaría entón, igual ca hoxe, máis indefensa ante as enfermidades. Como sabemos, os irmáns Simón Pedro e Andrés por unha banda e Santiago e Xoán pola outra eran simples pescadores ocasionais. Os seus familiares serían tamén polo tanto xente humilde e sinxela, da mesma clase social ca eles.

         Simón, o primeiro papa (aínda que daquela non se empregasen estas solemnes expresións), estaba casado como tamén probabelmente os demais apóstolos e a súa sogra estaba encamada, afectada pola febre. Era lóxico xa que logo que, aínda que a enfermidade da sogra de Simón Pedro posibelmente non fose grave, quixese Xesús ter polo menos un pequeno detalle coa nai da muller do seguramente máis impulsivo e xeneroso dos seus discípulos. Marcos dinos que Xesús a colleu da man e a ergueu da cama.

         Hoxe en día, e con toda razón, estase a pór de relevo a importancia de Xesús como sandador, como curador misericordioso. Marcos dinos que, despois de Xesús sandar a sogra de Pedro, se amoreou moita xente á porta da casiña onde vivía a enferma e que alí curou a moitos enfermos. Que quero dicir ou, mellor, que queren dicir importantes entendidos coa importancia que lle dan a Xesús como curador ou sandador? Non se trata de que o seu oficio fose simplemente ese. El curaba, si, pero non a todos nin por todas partes. Seguía a haber xente enferma. Ocorre que el vén indicarnos co seu comportamento a dirección, o camiño que deberiamos seguir os seus discípulos. El non se preocupou propiamente de darnos unha moral especial, non vai estabelecer ritos ou cultos novos, non vai fundar propiamente tampouco unha nova relixión. O que vai facer, e de xeito insistente, é mostrarse compasivo coa xente, atender a todos, escoitar a todos, apoiar os humildes e necesitados para que saiban sentir en si mesmos a dignidade de fillos de Deus. E todo isto de maneira moi concreta e real.

         Sendo e comportándose el así, móstranos ben claro como é o seu Pai e o noso Pai e lévanos así a el. Porque el non é un simple filántropo, baseado en consideracións puramente humanas. El sabe que o Reino que nos trae está fondamente baseado na propia experiencia de que Deus é Pai universal de todos e que nos quere ben a todos. Por iso el non deixa de entrar en contacto cada día con seu Pai (e noso Pai) na oración, por moito que se ocupe tamén de dar e ofrecer felicidade aos seus irmáns, ás xentes que convivían con el. Marcos coméntanos que Xesús non se deixou levar do fervor e da admiración da xente cara a el á vista das curacións realizadas, senón que “se ergueu moi cedo, aínda de noite, e saíu para un lugar arredado onde se puxo a orar”. É dicir, el precisa falar e dialogar con seu pai, que é pai noso tamén.

         E a propósito, o ben coñecido xesuíta padre Seixas comentaba por exemplo en relación coa importancia da oración o seguinte: “A pregaria, a oración, é a cousa máis necesaria pra vivir de acordo a esta dependencia de Deus, pra facer sempre a vontade de Deus”. “O verbo pregar é o verbo que máis debe conxugar a persoa na súa vida cotiá”. “A primeira cousa máis importante na miña vida é falar con Deus. Falar e escoitalo. Non hai cousa máis importante”. Coma cristián exemplar, non facía el senón imitar o comportamento de Xesús. Ben fornecido do amor do seu Pai na oración, volvía Xesús aos seus irmáns, ás persoas do seu tempo, para lles ofrecer o amor, a alegría e a curación que veñen de Deus. A vida de Xesús movíase sempre, coma o péndulo dun vello reloxo de parede, entre o diálogo filial co seu Pai e o diálogo fraternal cos seus irmáns. El sabía ben que non se pode amar a Deus sen amar os irmáns.

         O mesmo padre Seixas comportábase de xeito semellante. Así, cando tiña 25 anos escribiulle ao padre Xeral de toda a Compañía de Xesús, pedíndolle que o destinase a algunha leprosería para atender alí os leprosos. Como iso non se lle concedeu, volverá pedirlles anos máis tarde unha e outra vez aos seus Superiores (tamén ao seguinte Xeral da Compañía) que o mandase a misións con negros, se non a África pola súa pouca saúde, polo menos a Haití. Tampouco o conseguiu. Menos mal que algúns anos despois recibiu unha oferta para irse á República Dominicana e, deixando o traballo que daquela exercía na Coruña, alá se foi.

         Pois ben, os enfermos e necesitados que Xesús atendía e curaba témolos sempre tamén entre nós. Xesús convídanos, co seu exemplo, a comportármonos como el fixo, para así irmos construíndo un mundo que sexa verdadeiro Reino de Deus. Paulo lémbranolo tamén hoxe na súa carta aos Corintios ao nos falar de que o Evanxeo é para el “unha necesidade que ten enriba del”, que o forza e convida a se facer, como el di, “escravo de todos”. “Cos débiles –dinos nela Paulo fíxenme débil, para gañar os débiles. Fíxenme todo con todos, para salvar algúns custe o que custe. Todo o fago polo Evanxeo, para ter algunha parte del”.

         Fagamos actual nos nosos días esta mensaxe fundamental de Xesús.

 

Manuel Cabada Castro

 


VER TAMÉN:

https://www.gruposdejesus.com/5-tempo-ordinario-b-marcos-129-39-5/

FICHAS ANTERIORES: FICHA 1 / FICHA 2


Comentarios

Publicacións populares