LECTURAS DA MISA EN GALEGO - Domingo 24 Tpo.Ordinario (11/09/11)
DOMINGO XXIV ORDINARIO - CICLO A
Primeira Lectura Eclo 27, 33 - 28, 9
LECTURA DO LIBRO DO ECLESIÁSTICO
Perdoa o próximo que che fai dano e concederáseche o perdón que pides
Xenreira e asañamento son de aborrecer;
o pecador é quen os posúe.
Quen fai vinganza atoparase coa vinganza do Señor,
pediralle razón estreita dos seus pecados.
Perdóalle a inxuria ao teu próximo
e entón ao pregares seranche perdoados os teus pecados.
Home que lle garda a outro xenreira,
como lle vai pedir ao Señor que o cure?
De alguén que é coma el non se apiada,
e vai rogar polos seus pecados?
Se el, que é carne, mantén a ira,
quen lle vai expiar as súas culpas?
Pensa na fin e deixa de asañarte,
recorda a corrupción e a morte e cumpre os mandamentos.
Lembra os mandamentos e non rifes co próximo,
recorda a alianza co Altísimo e non deas valor á falta.
Tente lonxe das rifas e minguarás os pecados
pois é o home iracundo quen acende as liortas
e o home pecadento quen perturba os amigos
metendo a disputa entre os que se levan ben.
Palabra do Señor
R/. Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 102, 1-2. 3-4. 9-10. 11-12
R/. (8): O Señor é misericordioso e clemente, tardo á ira e rico en mercés.
Alma miña, bendí o Señor
e todo o meu ser, o seu santo nome.
Alma miña, bendí o Señor,
non esquezas os seus beneficios.
El perdoa as túas culpas
e sanda as túas doenzas;
rescata a túa vida da morte
e coróate de amor e de tenrura;
Non contende por moito tempo
nin se anoxa para sempre.
Non nos trata conforme os nosos erros
nin nos paga conforme as nosas culpas.
Canto se alza o ceo sobre a terra,
así é grande o seu amor para os que o temen;
canto dista o nacente do poñente,
así arreda de nós as nosas culpas;
Segunda Lectura Rm 14, 7-9
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS ROMANOS
Vivamos ou morramos, somos do Señor
Irmáns:
Ningún de nós vive para si, e ningún de nós morre para si.
Se vivimos, para o Señor vivimos; e, se morremos, para o Señor morremos; así que, vivamos ou morramos, somos do Señor.
Por iso mesmo morreu e resucitou Cristo: para dominar nos mortos e nos vivos.
Palabra do Señor
R/. Grazas a Deus
ALELUIA Xn 13, 34
Se non se canta, pódese omitir.
Aleluia, aleluia.
Douvos un mandamento novo, di o Señor;
que vos amedes uns a outros como eu vos amei.
Aleluia.
Evanxeo Mt 18, 21-35
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Non che digo que perdoes ata sete veces, senón ata setenta veces sete
Naquel tempo, achegándose Pedro a Xesús, preguntoulle:
‑ Señor, cantas veces terei que perdoar a meu irmán se me segue ofendendo? Ata sete veces?
Respondeulle Xesús:
‑ Non che digo ata sete veces, senón ata setenta e sete.
Por iso, o Reino dos Ceos é semellante a un rei que quixo facer as contas cos seus servidores. Cando empezaba, presentóuselle un que lle debía varios millóns. E como non tiña con que pagar, o señor ordenou que o vendesen a el con muller, fillos e canto tiña, para que así lle pagase.
O servidor botóuselle aos pés e suplicáballe:
‑ Ten paciencia comigo, que cho hei pagar todiño!
O señor tivo dó daquel home e deixouno marchar, perdoándolle toda a súa débeda.
Pero, ao saír, o servidor aquel atopouse cun compañeiro que lle debía unha insignificancia e, agarrándoo pola gorxa, esganábao dicíndolle:
‑ Paga o que me debes.
Botándose aos seus pés, o compañeiro suplicáballe:
‑ Ten paciencia comigo, que cho hei pagar todo.
Pero non lle fixo caso e, aínda para máis, mandouno meter na cadea ata que lle pagase a débeda.
Os compañeiros, ao veren tal cousa, moi apesarados, fóronlle contar ao seu señor todo o que pasara. Entón o señor mandouno chamar e díxolle:
‑ Servidor malvado! Eu perdoeiche toda aquela débeda, porque mo pediches. E logo non debías ti tamén compadecerte do teu compañeiro, como eu me compadecín de ti?
E todo anoxado, o señor entregouno aos verdugos ata que lle pagase toda a débeda.
Así tamén fará convosco meu Pai celestial, se non perdoades de corazón cada un a seu irmán.
Palabra do Señor
R/. Loámoste, Cristo
SON PECADOR, BEN O SABES, SEÑOR
Eu son pecador, meu Pai,
eu son pecador, ben o sabes.
Collo a miña vida, penso nela,
repásoa en todos os seus días,
e vexo en min cousas que non cadran ben,
que non responden ao desexo de bondade e de verdade
que ti, meu Pai, puxeches no meu corazón
Xesús recórdame, meu Pai,
que ti me comprendes e me queres,
e que, aínda que me vexas curto e negado,
non desesperas de min:
perdóasme, dásme forza para a curación
e segues esperando moito de min.
Grazas, meu Pai.
Co teu perdón
os meus ollos ábrense á luz,
o meu corazón ábrese ó amor,
as miñas mans ábrense á colaboración.
Co teu perdón, meu Pai,
fágome máis humano,
comprendo mellor os meus irmáns e veciños,
e ata algunha vez me atrevo
a perdoar, coma ti, a alguén.
Grazas, meu Pai, polo teu perdón.
A GRANDEZA DE QUEN SABE PERDOAR E PEDIR PERDÓN
PÓRTICO
A experiencia de pedir perdón e de perdoar é tan fundamental que quen non a coñece corre o risco de non medrar coma persoa. Quen non se sentiu nunca comprendido, non sabe comprender aos demais. Quen non experimentou nunca na súa vida o perdón entrañable e gratuíto de Deus corre o risco de vivir sen corazón, coma o servo da parábola que hoxe escoitaremos no evanxeo, endurecendo cada vez máis as súas esixencias e reivindicacións e negando a tenrura e o perdón. Quen esquece o moito que se lle perdoa, vólvese duro de corazón cos demais. Quen cre que o perdón a comprensión mutua son algo inútil, propio de persoas débiles e resignadas, afoga a convivencia e o evanxeo.
Porque só quen ten a experiencia de sentirse perdoado por Deus e polos irmáns e as irmás sabe da importancia do perdón para a convivencia, o desenvolvemento humano e o gozo da Boa Nova. Que a celebración que imos comezar nos axude a descubrir que a tolerancia, o perdón e o amor son os pés sobre os que se afianza a convivencia.
O PERDÓN
● Polas moitas veces nas que nos poñemos diante de Ti para pedir o teu perdón; pero somos incapaces de perdoar a quen nos ofendeu, SEÑOR, TEN PACIENCIA CONNOSCO.
● Por ter actuado só para que nos valorasen ou buscando o recoñecemento público, esquecendo que os demais tamén fan posible nosa felicidade, CRISTO, TEN PACIENCIA CONNOSCO.
● Por que non medimos a todas as persoas coa mesma rapadoira, senón que facemos distingos, favorecendo aos que nos caen ben e nos resultan máis simpáticos, SEÑOR, TEN PACIENCIA CONNOSCO.
REMUÍÑO
■ Non é cousa doada perdoar… e tampouco é doado pedir perdón. Probablemente sexa unha actitude das que máis nos custan, porque o noso egoísmo e a autosuficiencia non queren admitir que non somos perfect@s, que tod@s temos defectos, que tod@s metemos a pata. E así, cando nos toca perdoar, adoitamos tomar fundamentalmente dúas actitudes que resumen ben estas dúas sentencias que pronunciamos: “perdoo...pero non esquezo”, “perdoo... pero non quero volver saber nada máis desa persoa”. Sóanos, verdade que si?. Pero ningún destes dous comportamentos é o axeitado para aqueles que levamos o apelido cristiáns, porque no primeiro caso, sen esquecemento non hai verdadeiro perdón e no segundo o perdón parece ser unha vinganza que lle retira o corazón e a fala a quen nos ofende.
■ Porén, se nos dicimos seguidores de Xesús e do seu camiño, o camiño do amor, debemos estar dispost@s a abrir o noso corazón a perdoar e a pedir perdón. Por iso, o Evanxeo que vimos de escoitar supón, coma sempre, unha boa nova: o perdón de Deus é un feito real… e así debe ser o noso perdón cara aqueles que nos ofenderon… sen levar contas de cantas veces perdoamos, pois Deus tampouco as leva cando nos perdoa a cada un de nós. Non é cuestión de números nin de aritmética, senón que se trata máis ben dun cambio de mentalidade: son moitas as actitudes negativas polas que temos que saber pedir perdón: envexas, celos, esquecementos, dobres caras, palabras ferintes, abandonos, traizóns, violencia.... E se somos quen de descubrirnos como pecadores, seremos quen de dar o noso perdón, non para salvar aos demais -iso é cometido de Deus-, senón para andar o camiño da misericordia que El pon diante de nós.
■ Ás veces, claro que non resulta fácil escoitar a chamada de Xesús ao perdón, nin sacar todas as implicacións que pode ter o feito de aceptar que unha persoa é máis humana cando perdoa que cando se vinga. Porque perdoar non significa ignorar as inxustizas cometidas, nin tampouco aceptalas de xeito pasivo e indiferente. Ao contrario, perdoamos para destruír a espiral do mal, intentando superar o mal co ben. O perdón é un xeito que cambia as relacións interpersoais e obriga a planear a convivencia futura dun xeito novo; pois todo aquilo que pedimos, esiximos ou consideramos que nos corresponde a nós, tamén cómpre concederllo, esixilo e pedilo para os demais, pois só así entenderemos o que significa perdoar setenta veces sete, é dicir, sempre.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
O Señor está a darnos oportunidades novas para construír a nosa vida sobre o perdón e a reconciliación; por iso lle dicimos:
QUE DESCUBRAMOS O AGASALLO DO PERDÓN
● Pola Igrexa, para que amose a compaixón e a misericordia de Deus, perdoando e acollendo a tantas persoas, que dentro ou fóra dela cometen equivocacións, sabendo que ela mesma é a primeira que se equivoca moitas veces, OREMOS
QUE DESCUBRAMOS O AGASALLO DO PERDÓN
● Polas nosas comunidades, para que os seus membros sexamos xenerosos e solidarios nas nosas relacións, tendo en conta que só dende o perdón, a reconciliación e a unión, seremos quen de facer unha humanidade renovada, que camiña xunta, OREMOS.
QUE DESCUBRAMOS O AGASALLO DO PERDÓN
● Por todos nós, que na vida e no trato coas persoas temos palabras, xestos e comportamentos que poden ser ferintes, para que teñamos a sensibilidade de recoñecelos e de pedir perdón, OREMOS:
QUE DESCUBRAMOS O AGASALLO DO PERDÓN
Grazas Señor, porque sempre nos escoitas e non levas conta dos nosos desamores. Ensínanos o verdadeiro camiño da felicidade, xa que en Ti poñemos a nosa esperanza. PXNS.
PARA A REFLEXIÓN
Xesús,
ensínasnos a amar a quen non nos ama,
a facerlle ben a quen non nolo fai,
a bendicir a quen nos maldí,
a ter desexos de ben con que se dedica a calumniarnos.
Xesús,
ensínasnos a non ser agresivos ou agresivas con quen nos provoque,
a tratar á xente como queremos que nos traten a nós.
Xesús,
ensínasnos a amar, servir e traballar polo que consideramos bo,
sen esperar nada a cambio,
gratuitamente,
libremente,
como Deus Pai-Nai che ensinou a facer a Ti.
Xesús,
ensínasnos a ter un corazón fondamente solidario
para defender o campo e a vida que hai nel,
para defender os dereitos das persoas
que teñen a vida ameazada ou diminuída.
Xesús,
ensínasnos a vernos persoas queridas por Deus e polos demais,
para atopar aí a forza para tanto amor.
Grazas, Xesús!.
(M. Regal “Xesús, aquel home de aldea”)
CANTOS
● Entrada: Todos xuntos
● Lecturas: Canta o sol
● Ofertorio: Sede o sal sede a luz
● Comuñón: O pouco que Deus nos dá
Comentarios
Publicar un comentario