LECTURAS DA MISA EN GALEGO - Domingo 23 Tpo.Ordinario (04/09/11)

DOMINGO XXIII ORDINARIO  - CICLO A



Primeira Lectura     Ez 33, 7-9
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA EZEQUIEL
Se non lle falas ao malvado, pedireiche contas do seu sangue

            Así fala o Señor:
            Eh ti, fillo de Adán!: a ti constituínte vixía para a Casa de Israel,
vas escoitar da miña boca as palabras,
e valos avisar da miña parte.
            Cando eu lle diga ao malvado:
"Malvado, vas morrer",
se ti non lle falas para avisalo do seu destino,
el, o malvado, morrerá pola súa culpa;
pero a ti pediránseche contas do seu sangue.
            Pero se ti avisas o malvado do seu destino
para apartalo del, e el non cambia de conduta,
el morrerá pola súa culpa
pero ti salvarás a túa vida.

            Palabra do Señor                                         
            R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL    Sal 94, 1-2. 6-7. 8-9

R/.  (8): Oxalá escoitedes hoxe a voz do Señor!
            Non endurezades os vosos corazóns.

Vinde, cantémoslle ao Señor,
Aclamemos a nosa rocha salvadora;
acheguémonos á súa presenza dándolle grazas,
aclamémolo con cancións.

Vinde, adorémolo prostrados,
axeonllémonos perante o Señor, que nos creou,
pois el é o noso Deus,
e nós somos o seu pobo, o rabaño que el guía.
Oxalá escoitedes hoxe a súa voz.

Non endurezades os vosos corazóns, coma en Meribah,
coma o día de Masah, no deserto,
onde os vosos pais me tentaron:
provocáronme, por máis que tiñan visto os meus feitos.


Segunda Lectura     Rm 13, 8-10
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS ROMANOS
A plenitude da lei é o amor


            Irmáns:
            A ninguén lle debades nada, fóra de amarvos uns a outros, pois o que ama o próximo, ten cumprida a Lei.
            Porque o non adulterarás, non matarás, non roubarás, non cobizarás, e todos os outros mandamentos, resúmense nestas palabras: amarás o teu próximo coma a ti mesmo.
            Quen ama o seu próximo non lle fai mal.
            Verdadeiramente o amor é o pleno cumprimento da Lei.

            Palabra do Señor                                                     
            R/. Grazas a Deus


ALELUIA     2 Cor 5, 19
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Deus estaba en Cristo reconciliando o mundo consigo,
e poñendo en nós a mensaxe da reconciliación.
Aleluia.


Evanxeo     Mt 18, 15-20
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Se te escoita, lograches o teu irmán

            Naquel tempo, díxolles Xesús aos seus discípulos:
            ‑ Se teu irmán peca, vai e repréndeo, pero ti con el só. Se te escoita, lograches o teu irmán. Se non te escoita, leva conti­go aínda un só ou dous, de modo que pola palabra de dúas ou tres testemuñas todo o asunto quede resolto. Se tampouco a eles lles fai caso, dillo á comunidade; e se nin sequera á comunidade lle fai caso, sexa para ti coma un pagán ou un publicano.
            Dígovolo de verdade: O que atedes na terra, será atado no ceo, e o que desatedes na terra, será desatado no ceo.
            Dígovos aínda máis: Se dous de vós se poñen de acordo na terra para pedir calquera cousa, conseguirano do Pai meu, que está nos ceos. Porque onde están dous ou tres reunidos no meu nome, alí no medio deles estou eu.

            Palabra do Señor                                                     
            R/. Loámoste, Cristo


AQUÍ ESTAMOS, XESÚS

Aquí estamos, Xesús,
dous ou tres e máis reunidos no teu nome.
No medio de nós estás ti,
dando sentido e forza á nosa comunidade.

En ti, Xesús,
que loitaches ata a morte e resucitaches
por cada un dos nosos amigos e veciños,
en ti e contigo
facemos memoria de todos e cada un deles.

Sentímonos agradecidos polo ben que hai en nós;
ti sementáchelo aquí, e o ben medrou;
sementouno toda a comunidade, e o ben medrou.
Que grande es ti, Xesús,
no medio da nosa comunidade!

Sentímonos solidarios e responsables tamén do pecado
de cada un dos nosos amigos e veciños.
Queremos axudar á súa curación e melloría
coas boas palabras, humildes e valentes,
ecos bos feitos que arrastren ao ben.

Oxalá que todos na comunidade, Xesús,
tanto o pecador coma o xusto,
tanto o fráxil coma o forte,
poidamos celebrar contigo a alegría do perdón.


A ausencia de compromiso moral converte o cumprimento da lei en mentira totalitaria

Pórtico

    Pouco a pouco as sociedades van deixando atrás o seu compromiso moral para quedarse no dominio da lei. Non nos resulta estraño escoitar que as conviccións morais son algo individual, e que nunha sociedade democrática o que ha primar é o cumprimento da Lei. E de tanto escoitalo, resulta que tamén nós acabamos por crelo. O resultado está á vista, non fai falta dar moitas explicacións: non cremos no que facemos, fáltanos capacidade para a tenrura, non distinguimos a persoa da norma, buscamos facer o que manda a lei esquecendo valores e conviccións. E deste xeito ímonos baleirando por dentro ata non quedar en nada; convertémonos en robots que cumpren o que lles mandan, pero non pensan nin buscan razón de por que deben facer así e non doutro xeito. Este é un dos moitos males do noso tempo e da nosa xente, quizais tamén noso. Somos incapaces de sentir algo por alguén, só nos vale na medida en que lle sacamos rendemento. A lei non permite sentimentos, non está para pensar en como un se atopa ou no que lle preocupa. Hai que cumprila e xa está. Que nos pasou para ter rematado nisto?. Pensabamos que coa técnica, a tecnoloxía ou a ciencia xa o tiñamos todo amañado? Ilusos!. Non fixemos máis que tirar pedras por enriba do noso propio tellado!
Porén, Xesús, segue, unha e outra vez, a dicirnos que hai outros xeitos de facer e entender as cousas. Prestemos atención a súa palabra e deixemos que vaia renovando e vitalizando a nosa vida, porque se non hai amor, para que serve a lei? Simplemente para facernos escravos dela.

Perdón

  • Por ter esquecido que o cumprimento da lei é estéril se non vai acompañado do servizo á persoa, SEÑOR, QUE NUNCA NOS FALTE O AMOR.
  • Por ter promovido comportamentos e actitudes legalistas e baleiros na nosa maneira de facer as cousas, CRISTO, QUE NUNCA NOS FALTE O AMOR.
  • Por non prestar atención á situación das persoas que están ao noso lado e buscan en nós unha man quente e pacífica, SEÑOR, QUE NUNCA NOS FALTE O AMOR.

Remuíño


  • Todas esas veces que adoptamos comportamentos contrarios ao que supón respecto e tolerancia a canto din e pensan os demais, forman parte dun xeito de facer as cousas que se afasta bastante do ideal que nos propón a Palabra de Deus. Isto é o que nos quere contar a primeira lectura de hoxe, na que o profeta Ezequiel volve insistir no que é o tronco da vida de fe: o recoñecemento da dignidade da persoa e o afastamento de toda idea que supoña sentimentos de vinganza, rancor ou violencia cara aos demais. Crer, rezar, participar en accións solidarias… só terá sentido se o facemos guiad@s por ese respecto que todas as persoas nos merecen, e desde ese respecto á convicción de que descubrimos nos demais a presenza de Deus –"cada vez… que a min mo fixeches", que nos di Xesús-. A fe é salvación, pero non unha salvación en abstracto ao modo dun mundo feliz e irreal que acadaremos logo da morte, senón unha salvación que nos leva a tomar en serio canto facemos para cambiar actitudes contrarias ao mandato de Xesús, pois só desde elas se pode ir percibindo o rostro de Deus entre nós. Salvámonos desde o aquí cotián, tomándoo en serio, e non evadíndonos en rezos rituais ou costumes cheas de tópicos. E que mellor salvación que non encirrar dentro de nós sentimentos de enfrontamento, provocación inútil ou desprezo cara aos demais.
  • E iso lévanos ao amor. Un amor fiel a esa verdade que, sendo unha, necesitamos ila casando, a modo de quebracabezas, peza a peza, conformando a imaxe de tod@s, sen exclusións. A verdade, si, é unha, pero chega a nós a través de formas diversas e plurais que, unha vez xuntas e encaixadas, se converten na Verdade á e na que Xesús nos invita a crecer e camiñar. E como xa sabemos, non pode haber verdade sen amor. Desde esta verdade, a lei non se percibe nunca coma unha imposición, senón coma unha axuda que evita caer no individualismo do só meu, nin na anarquía do aquí cada quen fai o que lle peta. Non, a lei convértese nesa mestra que nos vai axudando a recoller as pezas da verdade que configuran o quebracabezas da comuñón de comunidades que é –debera ser- a Igrexa. Isto, que dito así parece doado, estase hoxe a converter nunha grande dificultade por mor da moita intolerancia que vai aparecendo cada día, tanto dentro como fóra da Igrexa. E xa sabemos que con intolerancia non podemos construír evanxeo, porque se opón ao amor.
  • Un Evanxeo no que Xesús nos volve repetir que o fundamental, o importante, o eixe desta Boa Nova non pode ser outro máis que o que leve a arriscar canto somos e temos, polos irmáns. Insistir unha e outra vez. A tempo e a destempo, como lle di Paulo ao discípulo Timoteo, é dicir, con constancia e paciencia. Constancia e paciencia que nos conforman como persoas decididas a poñer a nosa referencia/preferencia non en nós unicamente -no que nos peta, no que nos gusta, no que nos apetece, no que…- senón nos demais: ou nos salvamos tod@s, e isto supón tarefa e camiño, ou non se vai salvar ninguén. E, como dixemos enriba, salvación non é mirar para o ceo con cara de pampos, senón esforzo continuado e constante por poñer na mochila que cada un de nós leva ao lombo desde o seu nacemento, unha manchea de boas obras e de accións que axuden a facer do mundo un espazo de tolerancia, respecto e presenza de Deus. Porque nel e só nel, está a salvación. Salvar a vida do irmán, supón tamén asumir e facer noso, en nós e para sempre, a presenza de Deus. E isto non é froito do boismo, senón do compromiso orante e da acción liberadora polos demais.

Oración da comunidade

Poñemos por riba do altar a nosa oración comunitaria e dicimos xunt@s:
QUE O AMOR NON SE AFOGUE NO LEGALISMO
  • Para que na Igrexa teñamos sempre presente que por riba da lei están as persoas, e que estas teñen corazón e dignidade que as fai máis importantes que o simple cumprimento da lei e o dominio o máis forte, Oremos.
QUE O AMOR NON SE AFOGUE NO LEGALISMO
  • Moitas veces nas nosas parroquias volvémonos inxustos e insensibles cara aos demais, estando sempre dispost@s a xulgal@s, pero poucas veces a escoital@s. Porque queremos mudar esta actitude que nos fai persoas duras e frías de corazón, Oremos.
QUE O AMOR NON SE AFOGUE NO LEGALISMO
  • Para que cada un e cada unha de nós non esquezamos nunca que saber pedir perdón, e tamén concedelo, nos converte en persoas sensibles e abertas a facer do Evanxeo de Xesús parte da nosa vida, Oremos.
QUE O AMOR NON SE AFOGUE NO LEGALISMO
Grazas, Señor, por abrirnos a mente e o corazón a unha vivencia do Evanxeo que pasa por aprender a ver no irmán a túa presenza gozosa e esperanzada. P.X.N.S. Amén

Reflexión

"Non me chames estranxeiro"
Non me chames estranxeiro por ter nacido lonxe 
ou porque teña outro nome a terra de onde veño
Non me chames estranxeiro, nin penses de onde veño,
mellor saber onde imos,a onde nos leva o tempo.
Non me chames estranxeiro. 

É unha palabra triste.
É unha palabra fría, que cheira a esquecemento e desterro.
Non me chames estranxeiro.
Mira o teu neno e o meu, 
como van os dous da man ata o final do sendeiro. 
Non me chames estranxeiro. 

Mírame ben para os ollos,
moito máis alá do odio, 
do egoísmo e o medo 
e verás que son persoa, 
non podo ser estranxeiro. 
Non me chames estranxeiro.
(Alberto Cortez)

Cantos

  • ENTRADA: Camiñarei
  • LECTURAS: O amor é o meirande
  • OFERTORIO: Aquí están, Señor.
  • COMUÑÓN: Eu soñei



Comentarios

Publicacións populares