Oracional Galego en Spotify 

Enlace orixinal Oracional iVoox

LECTURAS DO DÍA


LECTIO:

 

Santísima Trindade

15 xuño 2025

         Teriamos que converter esta festividade da Santísima Trindade en algo fondamente íntimo, vivo e sobre todo cordial e comunitario. Desde que nos iniciaron na fe sabemos teórica ou abstractamente, si, de Deus como un e trino. Sabemos que é un en esencia e trino en persoas. Así o aprendemos. Pero todo semella quedar nun mundo de ideas e conceptos, de especulacións e de abstraccións, lonxe da nosa fe vivida, sentida e compartida cos demais.

         O feito de que teñamos unha festa dedicada á concienciármonos da Santísima Trindade parece sinalar cando menos o interese da Igrexa en que convertamos esta festividade en algo vivo e operativo.Temos que partir, en calquera caso,  de que Deus, o Deus infinito ou, mellor,  superinfinito, é absolutamente incomprensíbel para nós. E seguirao sendo aínda que se nos teña revelado ou manifestado como Pai, Fillo e Espírito Santo. Esta unidade e diferenza en Deus segue e seguirá a ser un misterio, por moi consoladora que poida ser esta revelación.

         Pero aínda así, aínda que Deus sexa sempre en si mesmo misterioso, o certo é que algo grande se nos ten que revelar na Trindade de Deus cando Deus nola quixo manifestar.Poderiamos dicir, de maneira xeral, que Deus se nos presenta no Antigo Testamento sobre todo como o Deus único, un Deus Pai, que aínda non se nos manifesta totalmente como é. Mais no novo Testamento, coa manifestación de Deus en Xesús, aprendemos a ver como é a paternidadedeDeus. Xesús maniféstanos o seu Pai como Pai especialísimo del, que o quere infinitamente. El, Xesús, é o seu “Fillo ben querido”.

         Mais como Xesús é tamén, na súa humanidade coma nós, resulta que ao revelársenos Deus como Pai de Xesús, maniféstasenos ao mesmo tempo que el, Xesús (o fillo de Deus) é o noso irmán maior e que, polo tanto, tamén todos nós somos fillos adoptivos de Deus; pois Deus Pai porfillounos a nós en Xesús, o fillo encarnado de Deus.Ata aquí, como vedes, revélasenos que Deus é polo menos “dúas” persoas, o Pai e mailo Fillo. Aínda que naturalmente isto das “persoas” divinas non hai que entendelo en simple continuidade co que somos nós. En calquera caso, coa paulatina revelación a nós da Trindade de Deus váisenos dicindo tamén a nós que as persoas humanas estamos chamadas a ingresar misteriosamente nesta Trindade divina.

         Agora ben, a revelación definitiva da Trindade de Deus ocorre coa vinda do que chamamos Espírito Santo onda nós. Isto celebrámolo no anterior domingo. Por iso a Igrexa coloca sempre liturxicamente a festividade da Santísima Trindade no domingo seguinte ao de Pentecoste, é dicir, inmediatamente despois da festa da vinda onda nós do Espírito Santo á maneira dun “vento impetuoso” e transformador.

         Coa vinda do Espírito Santo péchase, para dicilo dalgunha maneira, o “círculo” da revelación de Deus. Agora resulta que Deus xa non son “dous”, dúas persoas, senón que Deus é “tres”. Deus é un “trío”, un trío que toca tan misteriosamente ben, que non desafina ningún dos tres en tan infinita e misteriosa harmonía. Todo o contrario. Nel hai tan marabillosa harmonía que, sendo trespersoas, non por iso hai tres deuses, senón un só Deus.

         Pero hai aínda algo máis. Como o Espírito Santo non se marcha xa máis de onda nós e alí onde está o Espírito Santo están tamén o Pai e o Fillo, resulta que estamos así, pola presenza en nós do Espírito Santo, unidos todos á Trindade divina.          A Trindade de Deus segue a traballar arreo no medio de nós para facernos como ela, uns e diferentes, variados e unidos, autónomos e amorosos, libres e amantes. É dicir, trinos e un. O fin do mundo e da humanidade, ou sexa, o proxecto grandioso de Deus é o de chegarmos todos a participar desa Trindade divina, que, ao tempo, é unidade. A nosa tarefa como cristiáns é así a de traballar a prol dun mundo onde exista liberdade e amor, diferenza e unidade, individualidade e comuñón. Á semellanza desta Trindade divina que hoxe estamos a celebrar.

         Os grandes santos e teólogos dicían e din que sobre Deus, e de maneira especial sobre o misterio da Santísima Trindade, non podemos senón tatexar. Todos somos nisto tartamudos ou tatexos, porque o modo de ser de Deus nos supera totalmente. Mais a verdade é tamén que as cousas máis fondas e naturais do mundo e da nosa vida nos son misteriosas: a nosa vida, a nosa morte, o amor, a liberdade e tantas outras cousas. Por que? Porque, á fin e ao cabo, todo e todos estamos mergullados no misterio do Deus misterioso un e trino que o fixo todo e que está en todo. Dese Deus que non pode menos de reflectirse moi fondamente na mesma vida nosa familiar e no conxunto de todo o cosmos.

         Deámoslle, pois, grazas a Deus porque de xeito misterioso nos quixo facer dalgún xeito partícipes da infinitude das súa propia divindade.

 

Manuel Cabada Castro

 

 VER TAMÉN:

Comentarios

Publicacións populares