DOMINGO DE PENTECOSTÉS C
+ Enlace orixinal Oracional iVoox
LECTIO:
PENTECOSTE
8 xuño 2025
Pentecoste
é o nome de orixe grega da festividade da vinda do Espírito Santo onda nós. Fai
referencia ós “cincuenta” días de despois da Resurrección do Señor. Un número
de días que tampouco se ha entender literalmente senón de maneira simbólica.
Día emocionante o da vinda do Espírito Santo, para se facer presente nas
persoas do mundo enteiro de hoxe, mais tamén de épocas anteriores ou
vindeiras.Pentecoste está así en paralelismo e tamén a modo de contrapunto coa
festa da Ascensión do Señor do domingo pasado. Aledabámonos entón e dabámoslle
grazas a Deus polo ascenso glorioso de Xesús trala súa Resurrección. Ficaba así
para sempre sinalado o camiño e construída unha ponte segura entre terra e ceo.
Nesta
festa do Espírito Santo non ocorre un “ascenso”, unha “Ascensión”, senón un
“descenso” onda nós do Espírito de Deus. Por mediación Fillo de Deus ascendido
á nova situación gloriosa, anticipo da nosa, baixa o “Espírito” onda nós. Un
“Espírito” que se quedará xa para sempre onda nós. A súa vinda non ten data de
caducidade. Veu para se quedar. De xeito que se é verdade que hai Ascensión de
Xesús ós ceos, non hai xa ascensión ou partida do Espírito Santo de onda nós.
El está no corazón mesmo de cada un de nós e de toda a creación e aquí
permanecerá como en casa propia.
O
Espírito Santo vén sendo así como a presenza de Deus entre nós alén do tempo
histórico ou biográfico en que Xesús permaneceu connosco. Por iso, é dicir,
grazas á vinda do Espírito Santo, enviado onda nós polo Pai e polo Fillo, dicíanos
Xesús, a pesar da súa marcha que el, é dicir Xesús, “estará sempre connosco ata
a fin do mundo”. E se el é a imaxe viva de Deus Pai, o Espírito Santo é pola
súa parte a presenza viva e actuante de Deus nas persoas e realidades do mundo ata
a fin dos tempos.
Nos Feitos dos Apóstolos, o Espírito de Deus
preséntasenoscoma un “ruído dun forte golpe de vento” que o enche todo. Coma
“linguas de lume” que se pousan sobre os presentes. Hai aquí unha
transformación fonda dos apóstolos, que os fai sentirse “cheos do Espírito
Santo”. De tal xeito que son capaces de se daren a entender polos que os
escoitan. Dísenos que todos os comprendían ben, coma se falasen na súa propia
lingua, cando os que os escoitaban eran xentes de moi diferentes linguas e nacións.
Tanto
nos comezos do espallamento do evanxeo coma nos tempos de hoxe ou de mañá precisamos
ese “enchérmonos do Espírito Santo”, como ocorreu na primeira Pentecoste. Ese
sentir en nós a presenza viva do Espírito, que nos dá vigor e azos para
anunciarmos a mensaxe de Xesús con liberdade e agradecemento. Coas palabras,
aínda que mellor cos feitos. ¿De que falaban os apóstolos, transformados en si
mesmos pola presenza neles do Espírito Santo? Dísenos nos Feitos dos Apóstolos que falaban “das grandezas de Deus”. Sentían
en si mesmos o “grande” que era ese Deus que se nos dera a si mesmo no seu
Fillo e que agora se facía presente na forza do Espírito.
Por iso
é hoxe sobre todo un día no que deberiamos repetir a petición que a “Secuencia”
litúrxica expresa deste xeito: “Ven, Espírito divino..., Ven, hóspede
desexado... Entra ata o fondo da alma, divina luz, e enriquécenos... Ven,
Espírito Santo, enche o corazón dos teus fieis...”. Deberiamos concienciarnos
de que este Deus que se nos comunica no Espírito e que está na mesma orixe da
igrexa é un Deus impetuoso. Como é forte un vento impetuoso capaz de derrubar
carballos ou castiñeiros. Un Deus libre e que ama a liberdade. Un Deus que se
comunica e que se fai comprender en calquera lingua e cultura. Un Deus que non
se ata a límites, prescricións ou ritos concretos. Porque a súa grandeza
(aquela da que lles falaban os apóstolos ós alí presentes) é unha grandeza
divina. Actúa así o Espírito en nós non só coma un vento forte, senón tamén
como lene brisa ou alento que nos dá paz e ledicia. Así nos vén simbolizado
naquel texto do evanxeo no que se di que o Resucitado, despois de lles dar a
paz ós discípulos, “alentou sobre eles”, dicindo: “Recibide o Espírito Santo”.
Un
“alento” que liberaos discípulos dos seus “des-alentos” e medos para anunciar a
boa nova da Resurrección. Espírito, pois, forte e maino, ao que lle gusta a
unidade, mais tamén a diferenza de persoas, de culturas e de linguas, e polo
tanto que está lonxe de estreitos dogmatismos e uniformidades. Que quere portas
abertas ó mundo, tal como nolo pedira o papa Francisco e agora o papa León XIV.
Para que o mundo poida así coñecer as grandezas divinas.
Sobre a
festa de Pentecoste lin unha vez isto co que concordo: “Na Igrexa somos moi
pouco devotos do Espírito Santo. Porén, só no Espírito somos os cristiáns
capaces das cousas que no noso falar e no noso obrar nos distinguen como
cristiáns. Sen o Espírito nin seriamos adoradores do Pai, nin seguidores de
Xesús, nin servidores dos pobres.
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/pentecostes-c-xoan-2019-23/
Comentarios
Publicar un comentario