DOMINGO XXXII DO TEMPO ORDINARIO B

 Oracional Galego en Spotify

LECTURAS DO DÍA



LECTIO:


Domingo XXXII Ordinario

No tesouro un corazón-10.XI-24

         No noso encontro semanal con Deus Pai, con Xesús e cos irmáns e irmás coas que aquí nos atopamos, están hoxe en certo modo presentes a nós dúas mulleres, que actúan como protagonistas e animadoras da nosa fe. Trátase, trasladándonos imaxinariamente a tempos antigos, de dúas persoas que polo feito de seren mulleres estaban socialmente marxinadas, mais que á parte diso, ao seren viúvas,vivían pobremente ao careceren do apoio afectivo e económico doutras familias.Pois ben, se nalgunha ocasión dixo Xesús que “se non vos facedes coma nenos, non entraredes no reino dos ceos”, algo así nos podería dicir tamén hoxe:se non vos comportades como estas mulleres, non entraredes no reino dos ceos; non participaredes da felicidade que leva consigo serxenerosos e confiar na bondade de Deus.

         Porque estas veñen ser as mensaxes que nos chegan desta vez ao recuncho das nosas conciencias. De maneira coherente, a liturxia ponnos en relación a mensaxe da viúva pobre do evanxeo coa viúva do Antigo Testamento coa que se atopou o profeta Elías. A viúva de Sarepta ía apañar uns guizos para acender o lume, facer un bolo de pan para ela e mais para o seu fillo e despois morrer, pois non tiñan máis reservas para poderen seguir vivindo. Así e todo, a confianza en Deus, suscitada polo profeta, fai que se realice o milagre da xenerosidade de Deus con eles da mesma maneira que eles, nai e fillo, foran tamén xenerosos pola súa parte co profeta.

         En canto ao Evanxeo, o contraste no interior da escena non pode ser meirande. Por unha banda a grandeza, magnificencia e riqueza do templo de Xerusalén, no que os letrados e xefes relixiosos se deixan ver con fachenda e autocompracencia, e por outra esa pobre mulleriña viúva que o pouco que ten para poder seguir vivindo o entrega ao Deus que se fai presente simbolicamente nese solemne lugar, o templo de Xerusalén. Dicir que esta muller botou no peto do tesouro do templo todo o que precisaba para vivir quere dicir que ela entregou a súa vida toda ao servizo de Deus. Ela non se reservou nada para si mesma. É o sinal da suprema e máxima xenerosidade.

         Se relacionamos este xesto da muller co que noutra ocasión comentaba Xesús sobre que os verdadeiros “templos”, é dicir, os lugares nos que Deus se encontra a gusto, non son precisamente os construídos con pedra, mármore ou ladrillos, senón as concretas “persoas” que no xeito de se comportaren se asemellan a Xesús, entón comprenderemos por que el se fixa tanto nesta mulleriña, nesta “viúva pobriña”, tal como nola describe Marcos.A Xesús o templo, admirado polas multitudes que a el acoden, non lle suscita atención especial. O que el si admira é esta muller, cara á cal ninguén ollaría, por ir seguramente pobremente vestida e con sinais claros na súa face de estar deficientemente alimentada. Vería quizais el nesa muller dalgún modo a súa propia nai, que sen dúbida sería tamén pobre? Esa muller, María, que os artistas - populares ou non- adoitan imaxinar, pintar ou esculpir con fermosos vestidos, adornados incluso nalgunhas das nosas populares romarías con billetes limpos e novos de vinte ou máis euros.

         A Xesús, o fillo do Deus vivo, váiselle en cambio o corazón, sen podelo remediar, cara a este tipo de persoas. Os seus son os pobres e marxinados, os de abaixo. Eles son os seus preferidos. E a propósito disto. Nos anos sesenta do século pasado houbo moita discusión aquí en Galicia sobre o tema da introdución da nosa lingua galega na liturxia, nas misas e demais. Tratábase da lingua do pobo, da xente normal e corrente, sobre todo da lingua dos pobres e sinxelos. Pois ben, o Concilio Vaticano II aprobara o uso destas linguas, por máis que non fosen aínda oficiais. O caso é que, a diferenza do que ocorreu entón coa introdución do éuscaro ou do catalán, co galego houbo moitos problemas. De feito, tívose que esperar ata comezos do ano 1969 para podermos falar publicamente con Deus en galego no interior das nosas igrexas, porque algúns pensaban que o galego non era unha lingua suficientemente digna para ser utilizada no interior dunha igrexa. Pois ben, nalgún escrito se di que unha alta dignidade eclesiástica argumentara naquel entón, para apoiar a súa postura contraria ao uso do galego na liturxia, deste xeito: “Yo no me presentaría ante Dios en alpargatas”.

         Non podemos saber desde logo se a mulleriña loada por Xesús calzaba ou non alpargatas. Si en cambio podemos supoñer que ela fose pobre e que polo tanto, igual ca o seu fillo, falaría en arameo, a lingua normal do pobo, e non en hebreo ou moito menos no latín dos invasores romanos. Por outra parte, sabemos que Xesús dixera sobre si mesmo que quen o ve a el ve o Pai, é dicir, a Deus, e que polo tanto que el é o retrato fiel e auténtico de Deus. Pois ben, podemos imaxinar Xesús (que vivía entre os pobres) vestindo ou calzando de maneira distinta ca eles? De modo que, ao revés do dito de que “yo no me presentaría ante Dios en alpargatas”, teriamos máis ben que dicir e desexar que oxalá tivésemos a sorte de podérmonos presentar algún día perante Deus Pai dunha maneira que a el lle recordase o seu fillo Xesús ou aquela mulleriña do evanxeo de hoxe.

         Os que traballan cos pobres, para acompañalos e dignificalos a moi distintos niveis, falan con frecuencia do moito que aprenden e reciben deles: da súa xenerosidade e do seu desprendemento. De cando en vez oímos ou lemos tamén que algunha importante persoa (pola súa riqueza ou polos seus negocios) ten doado a algunha institución benéfica ou caritativa unha considerábel suma de diñeiro. Está moi ben, mais, a teor do que se nos di no evanxeo, podemos estar ben seguros de que aquela mulleriña pobre, que chegou cansadiña ao templo, deixou no peto do tesouro do templo máis ca esa persoa, porque coas poucas moedas que dispuña para seguir vivindo deixou alí, no peto do templo, o seu corazón, a súa persoa enteira.


Manuel Cabada Castro


VER TAMÉN:

https://www.gruposdejesus.com/32-tempo-ordinario-b-marcos-1238-44-4/



FICHAS B





Comentarios

Publicacións populares