DOMINGO XXXI DO TEMPO ORDINARIO B

 Oracional Galego en Spotify

LECTURAS DO DÍA


LECTIO:

SANTOS E FIEIS DEFUNTOS

2 novembro 2024

         Comezamos onte o mes de santos, tal e como chamamos tamén o mes de novembro. A razón diso é clara: este mes empeza sempre coa festividade de tódolos “santos”. Son, pois, estes santos os que lle dan nome ó mes no que, ademais, hoxe facemos lembranza de tódolos defuntos. Así pois, onte e hoxe santos e defuntiños andan mesturados entre si en boa compaña. É bo que así sexa. Porque, por un lado, os primeiros declarámolos santos só despois de morreren e, por outro, debemos confiar e esperar tamén que tódolos defuntos sexan aceptados polo Deus Pai de todos como queridos fillos e como participantes na mesa do seu reino.

         Lembramos, pois, hoxe os defuntos, os queridos defuntos, que na nosa terra tiveron e seguen a ter tanta relevancia cultural, social e relixiosa. Moitas lendas, moitos imaxinarios da nosa Galicia tradicional teñen que ver con isto. Aí está, por exemplo, a “Santa Compaña”, a celebración nestes días do tradicional Samaín, presente tamén noutras culturas celtas como a irlandesa: candeas e cabazas, que recordan as caveiras dos defuntos; magostos coa degustación das primeiras castañas e do viño novo. Todos eses rituais están tradicionalmente moi relacionados co mundo do alén, cos defuntos e cos santos, como ben saben os antropólogos.

         Coido que está ben que anden así xuntos no noso imaxinario santos e defuntos. Porque en realidade os santos só chegan a selo de maneira definitiva coa súa morte, cando teñan pasado a ponte que xunta e separa as cousas do aquén e as do alén. De xeito que os santos están unidos ó feito mesmo de teren cumprido entre nós a súa función benfeitora e santificadora.As dúas festividades, a de Tódolos Santos e a de Tódolos defuntos, están, polo tanto, moi relacionadas entre si. Temos, ademais, dereito a esperar que o amor que Deus Pai-Nai nos ten sexa quen de facer que a salvación que nos trae Xesús afecte universalmente a todos.

         Quero dicir que pola graza de Deus temos dereito a esperar que a salvación nos abranga a todos. Baseándonos sobre todo na bondade e misericordia deste noso Deus paternal e maternal. Deus quere salvar todos.Os teólogos fálannos neste sentido da vontade salvífica universal divina. Deus é suficientemente poderoso e misericordioso para acadar que a súa vontade de salvación e o seu amor a todos non rematen en fracaso.   Deus non veu en Xesús salvar algúns, senón todos. Por iso temos pleno dereito, tal como dicía, a confiar e a esperar.Deus non ten nada que ver cos “mortos”; para El todos están vivos: “deixade que os mortos enterren os seu mortos; para El todos están vivos”.A vida é un proceso que pasa polo que chamamos a morte. Nós só experimentamos a vida, non a propia morte; cada un só experimenta a morte dos demais, non a súa.

         Do alén só podemos falar simbolicamente, porque é indescritíbel.Nós cremos na nosa resurrección porque Cristo, que tamén é ser humano coma nós,resucitou.El é a garantía da nosa resurrección.Específico tamén do cristianismo é que resucitaremos tamén cos nosos “corpos”, édicir,con toda a nosa persoa. Non resucita só o que chamamos “alma”.Lembramos hoxe ós nosos defuntos,familiares, amigos, coñecidos.E queremos facelocon agradecemento. Ou porque recibimos deles a vida ou porque nos axudaron a vivila con alegría e ilusión.Pensamos tamén no noso futuro.Porqueo futuro dá perspectiva e esperanza ás nosasvidas. Agradezámoslle a Deus Pai o noso pasado e o noso futuro, vivindo con alegría e intensidade cristiá o presente.

CREDO e ORACIÓN COMUNITARIA:

            Pedímoslle a Deus Pai, por medio do seu fillo Xesús, primeiro resucitado de entre os defuntos, que queira acoller no seu reino a tódolos nosos irmáns defuntos que, sabéndoo ou non, participaron de feito na súa morte redentora e salvadora, dicindo: Escóitanos, Pai.

            - Por tódolos nosos parentes defuntos, pais, irmáns, familiares todos, que creron en Cristo e esperaron, malia as súas feblezas, participar na súa resurrección. TODOS: Escóitanos, Pai.

            - Por tódolos amigos e coñecidos, compañeiros de traballo e colaboradores que, dunha forma ou doutra, creron na nova humanidade do reino de Deus e ofreceron as súas persoas e recursos con este fin. TODOS: Escóitanos, Pai.

            - Por tódolos que morreron sen coñecer explicitamente a vida e a verdade de Xesús, mais viviron o misterio pascual dun xeito só coñecido por Deus, para que sexan admitidos na cidade da comuñón e da fraternidade universal. TODOS: Escóitanos, Pai.

            - Por cantos deron a súa vida con xenerosidade por unha causa xusta e así participaron da entrega de Cristo ó xurdimento dun mundo novo, para que o Señor os introduza na cidade onde reina só o Amor. TODOS: Escóitanos, Pai.

            - Por todos nós, para que aprendamos que a fecundidade da vida non se mide polos anos vividos, senón polos valores dun servizo humanitario a prol dos máis desfavorecidos  e así, paradoxalmente, nos enchamos de vida baleirándonos dela por amor. TODOS: Escóitanos, Pai.

            Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo, noso Señor. Todos: AMÉN.


Manuel Cabada Castro



VER TAMÉN:

https://www.gruposdejesus.com/31-tempo-ordinario-b-marcos-1228-34-2/













Comentarios

Publicacións populares