DOMINGO 5 DE CORESMA C

 Oracional Galego en Spotify

LECTURAS DO DÍA


LECTIO:

DOMINGO V CORESMA-C

6 abril 2025

            Os textos litúrxicos seguen a facer algo semellante ó que fan as chuvias cando dicimos que chove sobre mollado.Porque se trata de que a abonda chuvia de parábolas coas que Xesús quere facernos ver como é o seu Pai Deus afonde no noso espírito e se reflicta nas nosas actitudes e no noso comportamento individual e comunitario.

            A idea fundamentalé a da inimaxinábel bondade dun Deus que nos quere plenamente alén das nosas deficiencias ou fracasos morais. A escena de hoxe aparece unicamente no evanxeo de Xoán e está en relación cunha muller que fora sorprendida en adulterio e que polo tanto estaba condenada, segundo a lei de Moisés, a ser lapidada publicamente. Algo semellante á condena de deixar de ser fillo para se converter en servo de por vida coa que -noutra parábola semellante de Xesús- contaba o chamado fillo pródigo para cando chegase de volta á casa de seu pai.

            Pois ben, en ningún dos casos se amosa o Deus de Xesús da maneira que poderiamos chamar conforme ós comportamentos humanos. A actitude do fillo maior da parábola do fillo pródigo (que quería que este fose tratado coma o que, a xuízo do seu irmán maior, realmente era, é dicir, como un perdido e indesexábel) vén sendo, na escena de hoxe, a mesma cá daqueles hipócritas escribas e fariseos que intentaban condenar á morte a muller adúltera e ó tempo tamén a Xesús. Porque presumibelmente –así o supuñan eles con razón- Xesús se oporía dunha forma ou doutra a que apedrasen a muller. O que pon de relevo, polo demais, que tanto escribas coma fariseos tiñan unha idea relativamente correcta sobre a bondade e a misericordia proclamadas por Xesús. Esta presumíbel actitude de Xesús sería para eles un bo argumento para así podelo acusar e condenar como impío e irrelixioso ó el non se ater como é debido á lei mosaica.

            Mais tanto os escribas coma os fariseos non contaban con que Xesús, ademais de ser infinitamente bo e de anunciar a infinita bondade de Deus, sabía profundar tamén ata o máis fondo nos corazóns das persoas e, de maneira especial, na hipocrisía dos que se consideraban a si mesmos máis xustos cós demais. En calquera caso, para si mesmos eles non eran pecadores, como esa muller pecadora que eles lle presentaban a Xesús. Todo o contrario, eles considerábanse os verdadeiros sabedores e cumpridores da lei.

            Pois ben, Xesús nesta escena da adúltera vai desempeñar, el mesmo, o papel do Pai bondadoso da parábola do fillo pródigo. El exerce asídirectamente as funcións de pai amoroso, compasivo, defensor da vida de desvalidas e desvalidos ós que os problemas da vida colocaran en amargas situacións.

            Unha vez máis, o Deus no que cremos é un Deus ó que lle tira moi fortemente a vida. Xesús anunciara xa algunha vez que el mesmo era a “Vida” (“Eu son o camiño, a verdade e a VIDA”). Que el viñera ó mundo para nos dar “vida” e para que a tivésemos “en abundancia”. Cando está en xogo a vida, el non fai senón defendela, aínda que, como consecuencia dese amor á vida e á verdade, o vaian matar. Amosa con isto que para defender a vida paga a pena dar a propia. Toda a súa mensaxe radica nisto: dar vida, incluso para sempre, alén incluso dos límites da que chamamos vida terreal.

            El non pode naturalmente aprobar ou bendicir as nosas deficiencias morais. Precisamente porque elas son tamén no fondo unha ofensa contra a vida. Mais, en calquera caso, o que el non pode facer, en canto anunciador e dador de bondade e de vida, é converterse en alguén que coas súas palabras ou xestos apoie dalgún modo a morte por moi legal que tal morte sexa. El será condenado e matarano, mais, sendo a mesma Vida, non pode apoiar ou aceptar a morte violenta de ninguén.

            O final desa escena -da que tamén podemos dicir que ós cazadores de Xesús o seu mal intencionado tiro lles saíu pola culata- non pode ser máis instrutivo sobre o modo de ser dun Deus que en Xesús se nos presenta, unha vez máis, non como “condenador” ou “vingador”, senón como dador e mantedor de vida:

            Muller, onde van? Ninguén te condenou? Ela respondeulle: Ninguén, Señor.       Díxolle Xesús: Tampouco eu te condeno: vaite e desde agora non peques máis.

            Podemos lexitimamente supoñer que a conmocionada muller non volvería pecar. Mais non –como poderiamos pensar- polo medo a ser apedrada conforme á lei de Moisés (tal como estivera a piques de ocorrer), senón porque experimentara de xeito directo e inmediato a felicidade dun vivir a vida como regalo inmerecido de quen é a Vida mesma.


Manuel Cabada Castro

VER TAMÉN:

https://www.gruposdejesus.com/5-coresma-c-xoan-81-11-2/


FICHA 1 / FICHA 2 / FICHA 3

ORACIÓN SEMANAL









Comentarios

Publicacións populares