DOMINGO XXIV DO TEMPO ORDINARIO B
LECTIO:
Domingo XXIV Ordinario
Rompendo o círculo-15 setembro 24
As culturas ou os pobos chamados
“tradicionais”adoitan ver os acontecementos
de forma cíclica. Algo así coma o que ocorre coa sucesión do día e da noite:
despois da noite vén o día ou ao revés, pero sempre de forma máis ou menos
igual e repetitiva. De modo que incluso tras morrer unha persoa, esa persoa
podería revivir dalgunha maneira nalgún outro descendente ou noutra persoa
concreta desa sociedade.
Mircea Eliade, unantropólogo e historiador das relixiónsromanés, chamado Mircea Eliade, escribiu
moito sobre este modo “tradicional” de proceder caracterizándoo como o “mito do
eterno retorno”. As cousas e acontecementos repítense así indefinidamente e os
que participan desta mentalidade desexan que iso sexa así. Por iso, canto se
lles presenta como “novo” prodúcelles medo e angustia. En tal sentido fala el do
“misoneísmo” desas sociedades, é dicir, do odio ou alerxia cara a todo o que
significa cambio ou novidade nos modos de proceder.
Pois ben, a sociedade ou o
grupo social no que viviu Xesús participaba tamén
en boa parte desta mentalidade. Así se explica por que, ante a pregunta que
lles fai Xesús aos seus discípulos sobre o que a xente pensa ou di acerca del,
respondan con naturalidade que a xente di que el é algún dos profetas mortos
que volvera á vida. Ben sexa o Bautista, que había pouco que fora decapitado
por Herodes, ou algún outro profeta máis antigo. Opera aquí todo un círculo
(entre vivos e mortos), algo así coma a pescada que se morde a cola. Deste
xeito, para a xente tampouco Xesús escaparía dese círculo: os profetas viven,
morren e reviven doutra forma na figura doutros profetas aos que lles ocorrerá
o mesmo.
Pois ben, Xesús afirmouse sempre, polo contrario, como saíndose dese modo “tradicional”,
circular, de ver as cousas. A súa realidade non pertence, pois, a ese círculo
férreo do que non se podería saír. El vén do Pai, el é “o” fillo benquerido
polo Pai Deus. El non é un máis dos que xa viñeran ao mundo. El non é simple
repetición de alguén anterior.
Algo deste modo de verse e de
percibirse Xesús a si mesmo debeu de presentir
Pedro cando á nova pregunta que lles formula Xesús sobre o que eles, é dicir,
os seus apóstolos e discípulos, pensaban sobre el, responde en nome dos demais:
“Ti es o Mesías”, ou sexa, o unxido, o querido, o mandado por Deus Pai ao mundo.
Xesús é, polo tanto, para Pedro algo máis ca unha persoa corrente que xorde no
mundo como repetición doutro importante personaxe anterior e que vive, morre e
quizais poida revivir tamén pola súa parte noutra relevante persoa posterior.
Non. Xesús pertence, si, á dimensión humana, ao “círculo” dos humanos, mais
está tamén “fóra” del. El é así a palabra, a definitiva palabra que o seu Pai Deus
dirixe nelao mundo.E así como Deus Pai é infinito, super-infinito, misterioso e incomprensíbel así
o é tamén esa palabra, Xesús, que segundo comenta Xoán, se fixo carne e plantou
a súa tenda entre nós. Xesús e así humano coma nós, mais sáese ao mesmo tempo
do círculo cerrado dos nosos pensamentos e concepcións.
Por iso Xesús, en canto imaxe
viva de seu Pai, é e será sempre tamén “desconcertante” no que di e no que
fai. Primeira mostra do desconcertante
que é Xesús. Cousa que naturalmente non lle gustará moito ao bo de Pedro; máis
ben, todo o contrario. Unha maneira de saírse Xesús do normal, do estabelecido,
do que poderiamos chamar “politicamente correcto” é o de que el se sae por onde
menos o imaxinaría Pedro. Efectivamente, Xesús anúncialles o desastrosas que
van ser para el a vida e a morte que lle esperan. Debeu
de ser moi clariño e explícito nesta descrición do que lle esperaba, pois
Marcos comenta ó respecto: “E dicíao con toda claridade”.Non deixa desde logo de resultar tráxica e case algo cómica, se non se tratase de algo tan importante, a
responsabilidade da que aparenta revestirse agora Pedro ao chamar a parte Xesús
para intentar convencelo, “rifándolle”, de que se deixase de tales
insensateces.
Claro que Pedro tiña razón desde o “politicamente correcto”, mais eses son os camiños e os
modos humanos de vermos nós as cousas, non as “miras de Deus”, tal como llo
advirte o seu Mestre ó se dirixir a el cun alcuño nada suave (“Satanás”), que a
Pedro lle debeu de cortar automaticamente a fala.
Xesús non veu a este mundo, para garantirnos unha vida plácida, harmoniosa e
cómoda, senón para aprendernos como levar unha vida digna, xusta, respectuosa e
amorosa con todos, a pesar dos sufrimentos e contratempos que nos poidan vir (e
nos virán) dun lado ou doutro.
M. Cabada Castro
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/24-tempo-ordinario-b-marcos-827-35-4/
Comentarios
Publicar un comentario