DOMINGO XXIII DO TEMPO ORDINARIO B
LECTIO:
Domingo XXIII ordinario
Un Deus aberto-8 setembro 2024
Diversos teólogos e importantes
coñecedores da vida de Xesús danlle nos nosos tempos gran relevancia á función
sandadora, curadora, liberadora de Xesús na súa actuación coas persoas: cos
pobres, cos necesitados, cos marxinados etc. En realidade, o que el facía era
presentar no mundo a face humana, benfeitora, de Deus Pai. Deus non quere o
mal, nin a enfermidade, nin a morte. El é un Deus de vida. Por iso traballa
connosco e a través de nós para que todos poidan vivir felices. Vai creando en
nós, ao seu ritmo e das maneiras máis insospeitadas, felicidade e plenitude
O evanxeo é por iso (e serao sempre) “boa noticia”, “nova feliz” para todos. Non é
unha mensaxe de xuízo ou de condena, por moito que teñamos quizais metidas na
cabeza ideas deste tipo, que proveñen dunha errónea educación cristiá ou
relixiosa.
O xordomudo de hoxe vén ser por iso unha ocasión máis para que Xesús amose nel, coa súa
curación, o seu claro talante liberador. Os sinais que el realiza e que foron
recollidos pola tradición nos evanxeos non teñen un senso simplemente
individual ou particular. É dicir, non nos podemos limitar a ollar o efecto
curador particular producido por Xesús nunha persoa que era xorda desde o
nacemento e que, en consecuencia, non era quen de se relacionar cos demais coa
palabra pois nunca fora capaz de oír ningunha.
A mensaxe vai moito máis alá disto. Xesús quere expresarnos como é Deus e como quere,
en consecuencia, que sexamos nós. Abertos ós demais, non pechados en nós
mesmos, no noso particular recuncho.
Á súa maneira, Deus está aberto a todos, a todo o mundo, a toda a humanidade.
Esa curta palabra que Xesús lle dirixe ao xordomudo, “effatá”, “ábrete”, está
tamén dirixida a cada un de nós en calquera situación na que nos poidamos
atopar: “ábrete”. Porque Deus está xa en si mesmo aberto ou transparente a
todos. El é apertura pura e infinita. Deus Pai ábrese infinitamente a quen é o seu
Fillo, e Fillo e Pai son infinitamente transparentes ao Espírito Santo. Hai en
Deus unha mutua e total comunicación, de tal xeito que el é ao tempo un e
trino. Tal é a que denominamos Santísima Trindade de Deus que se nos revelou en
Xesús.
Sabemos ben que a apertura
crea amizade. Entre amigos non se agachan as cousas. O primeiro que fan dúas persoasque polo que sexa se desamigané non falar unha con outra. Tal
como dicimos, andan de morros. O xordomudo pode considerarse así como símbolo
daquel que está totalmente pechado en si mesmo: nin percibe ou recibe
comunicación dos demais nin é capaz de transmitir pola súa parte mensaxe
algunha a outros.
Pois ben, así como Deus non é un xordomudo, senón infinita comunicación das tres persoas
divinas e libre e agarimosa comunicación con todos nós, da mesma maneira quere
ese Deus aberto e comunicativo que sexamos tamén nós: abertos, comunicativos,
interesados en atender e axudar os demais. Neste sentido, as palabras máis
fermosas que se poderían escribir, en pedra ou en bronce, como epitafio dunha
persoa serían algo así como estas: “Todo o fixo ben”. Semellantes a aquelas
que, segundo di Marcos, dicía a xente, “totalmente abraiada”, sobre Xesús: “Que
ben o fai todo!”.
Desde esta consigna de Xesús que ten como imperativo o “Ábrete”, poderiamos dicir que o Reino de
Deus, que Xesús quere instaurar no mundo e sobre o que na oración do “Noso Pai”
lle pedimos a Deus Pai que “veña a nós”, está asentado sobre dous alicerces,
que veñen sendo como dúas “aperturas”. Unha primeira “apertura” persoal a Deus
para estarmos en disposición de poder escoitar a súa mensaxe, a súa palabra (de
maneira individual e comunitaria) e outra segunda “apertura” respecto dos
demais, de modo tanto activo como receptivo: é dicir, ofrecendo “luz” e axuda
aos demais e recibindo deles canto eles nos poidan agarimosamente ofrecer.
Se non temos estas dúas “aperturas” e preferimos polo tanto permanecer “xordomudos”, é dicir,
coa porta pechada tanto en relación con Deus coma en relación cos demais, entón
ficaremos lonxe dese Reino de Deus que Xesús nos proclama e anuncia para a nosa
vida e felicidade.
Pero hai algo aínda importante en relación con esta dobre apertura. Lémbranolo tamén hoxe
Santiago na segunda lectura. De maneira moi transparente, como auga limpa que
corre maina e cantareira nun regueiro de montaña. A nosa apertura ha ser sobre
todo, dinos Santiago, aos pobres e aos máis necesitados. Non se ha dirixir a
nosa ollada benevolente e risoña cara a aquelas persoas podentes e ben
prestixiadas que o apóstolo Santiago describe como levando un anel de ouro no
seu dedo anular, en claro contraste cos esfarrapados da vida. Non. Porque os
pobres e esfarrapados deste mundo son xustamente, dinos Santiago, os que Deus
escolleu para o seu Reino. Polo tanto é cara a eles cara a onde nós nos
deberiamos mover, tal e como fai o compás cara ao Norte. Porque se a mensaxe de
Deus Pai en Xesús é a de que todos somos irmáns e resulta que algúns non
parecen irmáns meus porque non viven en condicións tan boas coma as miñas,
entón a cousa está ben clara: hai que traballar para que eles se poidan sentir
de verdade irmáns meus, coa mesma dignidade, cos mesmos dereitos e con semellantes
posibilidades.
Os que non traballan nesta liña son en definitiva “xordomudos”, é dicir, están pechados en si mesmos e necesitados
dunha curación que os “abra” á verdade e ao amor de Deus. Pois en Xesús
anunciou e fixo presente Deus Pai a fraternidade universal de todos en canto
irmáns de Xesús. Todos estamos xa que logo revestidos por igual da dignidade de
fillos de Deus Pai.
Manuel Cabada Castro
https://www.gruposdejesus.com/23-tempo-ordinario-b-marcos-731-37-4/
Comentarios
Publicar un comentario