Domingo XVI do Tempo Ordinario B
LECTIO:
CÁMARA DE TORTURA. NON, GRAZAS.
Domingo XVI ordinario. 21 xullo 2024
O descanso tras o traballo ou as diversas ocupacións é sempre bo. Por algo se di tamén –aínda que nun sentido metafórico– que o mesmo Deus no sétimo día descansou, é dicir, que acougou da obra ben feita da súa creación do mundo. Dese mundo ao que pertencemos todos e todas nós.
Aínda que a algúns non nos vai moito estarmos man sobre man, sen deixarmos de facer sempre algunha cousa, hai que recoñecer que a todos en xeral nos fai falla ter tempos de acougo, de tranquilidade, de reflexión, de vérmonos cos demais, de atendelos e escoitalos. Non nos esquezamos de que o mesmo noso Deus cristián non é un ser solitario, pechado na súa unicidade esencial, senón a plenitude mesma dunha relación trina que chamamos Santísima Trindade. A trindade misteriosa e marabillosa da unidade entre Pai, Fillo e Espírito.
Todo isto vén a conto de que no Evanxeo de hoxe se nos fala tamén do “descanso”. Xesús mandara os seus apóstolos e discípulos a anunciaren a boa nova. Fixérono o mellor que puideron ou souberon, procurando anunciala con liberdade e humildade, apoiándose non en ningún poder ou prestixio social ou económico, senón unicamente na sinxeleza e grandeza dunha mensaxe incribelmente ilusionante, a “alegre nova” de Xesús. Pois ben, para Xesús calquera que anuncie o evanxeo exerce un traballo. Coma os demais, é tamén polo tanto un traballador que realiza unha obra, unha boa obra. Merece en consecuencia tamén o seu descanso. “Vinde vós sós –dilles el– a un lugar arredado, e descansade un pouco”.
A intención desde logo era boa, mais as proxectadas “vacacións”, que en principio serían xa ben curtas, acabáronselles axiña a Xesús e mais aos seus apóstolos, porque ao desembarcaren con este fin alá estaban xa as multitudes esperándoos. Multitudes, das que se nos di que eran “coma ovellas sen pastor”. Precisadas polo tanto do anuncio e da paz do bo pastor.
Mais se os apóstolos non acadan atopar a conveniente paz e tranquilidade, é dicir, o acougo do que non lles viría mal poder gozar un chisco, polo menos teñen o consolo de anunciaren algo que dá ilusión e alegría ás multitudes e polo tanto tamén a eles. Unha mensaxe de paz, dunha paz fonda e vivificadora, que é a condición de toda obra ben feita e a base fundamental da boa nova de Xesús. Esa paz que anunciaran tamén os anxos no nacemento de Xesús: “Gloria a Deus no ceo, e PAZ a todas as persoas de boa vontade”. Esa “paz” á que se nos convida nas eucaristías tras invocarmos o Señor dicindo: “Señor Xesús Cristo, Ti dixécheslles aos teus Apóstolos: déixovos a miña paz, douvos a miña paz”.
É isto mesmo o que nos vén dicir Paulo na súa carta de hoxe aos Efesios: Cristo Xesús –dinos el– “é a nosa paz.... El veu e anunciou a paz, paz para os de lonxe e para os de cerca”...
Por que “paz”? Porque Xesús é quen nos descobre o misterio dun Deus Pai de todos, que no seu Fillo Xesús, convertido en irmán noso, e na forza do Espírito Santo quere facernos partícipes da paz e do amor que habitan en Deus mesmo.
A primeira lectura axúdanos tamén a darlle á Eucaristía de hoxe este aire de paz e de tranquilidade que é algo moi importante para un seguidor de Xesús. Nela o profeta Xeremías critica os pastores que espantan as ovellas ou que fan que elas perdan os ánimos. Xeremías, efectivamente, denunciaba aqueles pastores que as “escorrentaban” e “espantaban” no canto de as coidaren. “Vós espantades as miñas ovellas, escorrentádelas e non coidades delas: ollade que eu vos pedirei contas da maldade dos vosos feitos”. Xeremías anuncia en tal sentido que o Señor “constituirá pastores que as apacenten, de xeito que xa non volvan ter medo, nin se espanten, nin se perda ningunha das ovellas”.
Pois ben, Xesús será ese futuro “bo Pastor”, tal e como el mesmo se autoproclamará. Un pastor que exerce tal función, como nolo recorda Paulo na súa carta aos Efesios, non baseándose na antiga lei “de mandamentos e normas”, senón na lei viva e interior do amor que el nos anuncia e ofrece e que está dirixida á construción dunha “nova humanidade”. Semella, con todo, que iso de “espantar as ovellas” continúa aínda a ser unha tentación á que ás veces se sucumbe, cando o Novo Testamento leva, teoricamente alomenos, bastantes séculos de vixencia. Unha pequena anécdota. Hai xa non poucos anos contoume un amigo xa finado que, sendo el mozo, traballara arreo na construción de antigas estradas secundarias nosas con moitas curvas, porque daquela non había aínda as máquinas de agora. Pois ben, sendo como era o ano santo de Santiago, foise confesar alá polos anos trinta do século pasado á cidade do Apóstolo. Mais ao lle comentar ao seu confesor que el era un obreiro, quen o escoitaba no confesionario aproveitou a ocasión para lle dicir que os obreiros eran os culpábeis dos males do país. Como vedes, era este un xeito moi “axeitado” de espantar as ovellas... Naturalmente, non o pasou nada ben no seu encontro penitencial.
Algo de razón terá neste sentido o papa Francisco cando non hai moito, no seu importante documento eclesial “A alegría do Evanxeo”, nos dicía o seguinte: “Lémbrolles aos sacerdotes que o confesionario non debe ser unha sala de torturas, senón o lugar da misericordia do Señor”.
Manuel Cabada Castro
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/16-tempo-ordinario-b-marcos-630-34-4/
Comentarios
Publicar un comentario