Domingo XV do Tempo Ordinario B

Oracional Galego en Spotify

 LECTURAS DO DÍA


LECTIO:

TEORÍA E PRÁCTICA DO TODO. 

Domingo XV ordinario-14 xullo 2024

          Na segunda lectura deste domingo hai un famoso himno que está incluído algo artificialmente nunha das cartas do apóstolo Paulo. É o chamado “himno cristolóxico”. Os comentadores do Novo Testamento adoitan dicir verbo deste himno que vén sendo un dos fragmentos máis densos e profundos de todo o Novo Testamento. De modo que é bo que lle prestemos algo de atención.

         Lembremos algunhas ideas que se formulan neste precioso texto: “Bendito sexa Deus”, ese Deus grande e bo, que é o Pai de Xesús e que está connosco como “Emmanuel”, é dicir, coma “Deus connosco”. Con este Xesús-Manuel chégannos a nós “toda clase de bendicións”. Neste Xesús, Fillo de Deus, habitamos todos nós en canto seres humanos que somos. En Xesús óllanos o Pai bondadosamente a todos, pois somos da súa mesma carne e do seu mesmo sangue. Neste Xesús estamos todos “predestinados “ a “sermos fillos adoptivos de Deus”. Esa é a mente e o designio do Deus Pai de todos. Iso é o que El quere e vai facer. En Xesús acadamos a redención e salvación, porque por medio del verte Deus Pai abondosa e xenerosamente a súa graza sobre nós. El, por ser infinito, non é agarrado nin avaro. Por moito que nos dea, segue a ser sempre absolutamente infinito en poder e grandeza. Dísenos aquí que Deus Pai “verteu xenerosamente sobre nós a súa graza”, é dicir, a súa bondade e o seu amor e que fixo “rebordar sobre nós a riqueza da súa graza”.

         Cal é, pois, o proxecto de Deus Pai sobre nós e sobre toda a realidade creada? Gravemos nos nosos corazóns agradecidos a resposta que nos dá Paulo a esta gran cuestión. O seu proxecto é “unificar en Cristo tódalas cousas, canto hai no ceo e canto hai na terra”. En consecuencia, non podemos ser apoucados, encollidos ou de curtas miras. Si, Deus Pai quere asemellarnos a Xesús, o seu fillo benquerido, ó el querer que o seu fillo fose semellante a nós. Quere que participemos da vida divina, dunha vida divina chea de felicidade que endexamais vai rematar. Deus amounos e ámanos por pura graza, por puro amor. Fomos chamados a participar desta súa vida divina, tal como di Paulo, “desde antes da creación do mundo”.

         Á vista do marabilloso contido deste “himno cristolóxico”, no que Paulo ou algún dos seus discípulos nos resume de maneira concentrada o proxecto divino da nosa salvación, o que se nos di no Evanxeo non é máis ca algo que flúe de maneira natural deste himno paulino. Así, os verdadeiros discípulos ou “apóstolos”, é dicir, mandados, por Xesús están tan cheos da graza e das promesas de Deus que non precisan practicamente de nada máis: “nin pan, nin alforxas, nin cartos, nin faixa”. Só unha túnica lixeira e mais as sandalias para camiñar e comunicar con presteza a “boa nova”. Pois todo o teñen e case non precisan de nada. Téñeno todo, porque todo o teñen con Deus-Pai. Algo así como o ten todo un neno pequeno, que vive feliz porque sabe que seus pais estarán sempre amorosamente atentos a canto el precise.

         Isto faime lembrar San Xoán da Cruz. O gran místico abulense escribiu uns fermosos versos sobre como chegar ao que el chamaba o “Monte da perfección”. Para subir a este monte cómpre andar lixeiro de equipaxe, tal como fan os montañeiros e escaladores. Cómpre renunciar a cousas inútiles, pesadas ou entorpecedoras se se quere chegar ao máis alto. Porque para Xoán da Cruz Deus ten que ver co que el  chama “o Todo”. E como se chega a este chamado “Todo”? Así nolo di el: Para vir gustalo todo, / non queiras ter gusto en nada. / Para vir posuílo todo, /non queiras posuír algo en nada. / Para vir selo todo,/ non queiras ser algo en nada ... / Cando reparas en algo, / deixas de lanzarte ao todo. / Porque para vir de todo ao todo / has negarte de todo en todo. / E cando o veñas de todo ter, / has telo sen nada querer. / Porque, se queres ter algo en todo, / non tes puro en Deus o teu tesouro.

         Linguaxe poética, dialéctica e conceptuosa, si, pero que vai ao fondo da mensaxe de Xesús do desprendemento das cousas para comunicar a boa nova de que Deus o é “todo”. Dicía o papa Paulo VI: “O home contemporáneo escoita máis a gusto os que dan testemuño ca os que ensinan, ou se escoitan os que ensinan é porque dan testemuño... Será sobre todo mediante a súa conduta, mediante a súa vida, como a Igrexa evanxelizará o mundo, é dicir, mediante o testemuño vivido de fidelidade a Xesús Cristo, de pobreza e desprendemento dos bens materiais, de liberdade fronte aos poderes do mundo”. Por algo o papa Francisco insiste tanto no moito que a el lle gustaría unha Igrexa pobre e para os pobres. En canto ó xesuíta padre Seixas (ó que de cando en vez me refiro), é ben sabido o desprendido que el era en ter cousas para o seu propio proveito e o seu fervoroso interese en axudar os necesitados. Unha persoa que entón era unha nena e que actualmente desempeña un importante cargo político a nivel europeo recordaba así unha das súas visitas á súa casa tras el aceptar o convite de seus pais a ir xantar con eles: Teño a lembranza limpa e nidia das súas grandes gargalladas inzando o seu queixo cara ao ceo. A súa branca barba... e as fondas, ceibes gargalladas perante a sobremesa asombrábanme e engaiolábanme. Tamén recordo a miña nai remendando a mesma cazadora todos os domingos ao remate do xantar... - Pai, que fixo coa chaqueta que lle dei...?  -É que había un moreniño que non tiña ningunha...”


Manuel Cabada Castro




VER TAMÉN:

https://www.gruposdejesus.com/15-tempo-ordinario-b-marcos-67-13-4/


FICHAS B

Comentarios

Publicacións populares