24 ago. 2016

Ficha e Lectio-Domingo 22 de Ordinario C


LECTIO: 
DOMINGO XXII T. O. 
(C: 28 de agosto de 2016)

            Como tantas veces ocorre nas escenas que aparecen nos evanxeos, tamén na de hoxe aparece Xesús tentado polos que non queren entrar con bo e humilde corazón na novidade do que el nos quere anunciar. A mensaxe boa, alegre e dadora de felicidade do seu reino. Un reino que se artella en realidade bastante a contracorrente dos nosos modos habituais de comportármonos.
            Trátase hoxe de símiles ou parábolas, en directa conexión cos feitos mesmos, que levan unha gran carga significativa, orientadora, en relación coas nosas maneiras de proceder e actuar. Aínda que non soubésemos formalmente da autoría destes textos do evanxeo, poderiamos xa sospeitar de quen procederían. Son e tiñan que ser de Lucas. Porque Lucas adoita insistir unha e outra vez en presentarnos a Xesús como desprendido dos bens materiais, animándonos así a entrar nesa gran novidade de vivir efectivamente a fraternidade, construíndoa na crenza e no sentimento de sabérmonos fillos dun mesmo pai Deus, pai especialísimo de Xesús e pai tamén noso.
            Por iso é, efectivamente, o evanxeo de Lucas o único onde podemos atopar estas parábolas relacionadas co modo, politicamente incorrecto, de como deberiamos comportarnos nun banquete. Unha escena que resulta ser moi válida para que nela se poida reflectir en principio o modo de pensar e de proceder dun cristián, é dicir, dun seguidor da mensaxe básica e fundamental de Xesús.
            Como vemos, Xesús non rexeita relacionarse con ninguén, aínda que poida tratarse de alguén sobre o que el sabe de antemán que non conxenia co seu comportamento nin coas súas ensinanzas. É o que ocorre no caso de quen esta vez o convida, sendo como é un “xefe dos fariseos”, que está polo tanto á espreita dalgún erro doutrinal ou comportamental por parte de Xesús. Decátase un así de que a semente que Xesús vai deixando caer nos corazóns da xente non está preseleccionada para caer sempre en boa e acolledora terra, senón que pode caer tamén en pedra ou nunha silveira.
            O caso é que este convite lle vai valer a Xesús como magnífica ocasión para expresar de maneira moi plástica o modo como, pola nosa parte, nos deberiamos comportar na nosa relación con Deus e cos demais.
            En primeiro lugar, teriamos que pensar que para Xesús a súa e a nosa relación cos demais ten que fluír directamente da súa e da nosa relación con Deus. Xesús sabe que toda a súa dignidade e grandeza vén de arriba, do Pai Deus. El non é nada sen o Pai. E ese Deus Pai é o que descende cara a nós en Xesús, facéndose nel un de nós, creando igualdade, fraternidade, e non “superioridades” ou as correspondentes “inferioridades”. Pois estas últimas relacións que rompen coa igualdade non son máis ca perversións do que é algo básico e fundamental na auténtica mensaxe cristiá. O que nos comunica, pois, Xesús, á vista do habilidoso comportamento dos convidados e comensais para se colocaren estratexicamente nos postos supostamente máis dignos e apetecíbeis, non é máis cá tradución visíbel da relación de Xesús co Pai e deste con el, así como tamén a tradución e expresión concreta da relación de Xesús con nós e da nosa relación con el.
            Hai polo tanto aquí, nestes comentarios de Xesús sobre a escena do banquete, profundidades teolóxicas relacionadas co máis fundamental do acontecemento orixinario cristián, consistente na encarnación de Deus en Xesús. Non se trata polo tanto (no dito de Xesús de que “cando alguén te convide a unha voda non te poñas no primeiro posto”), non se trata –digo- dunha norma ou consello máis, moral ou simplemente táctico, de entre os variados que calquera entendido en asuntos éticos ou educativos podería formular para a consecución dunha vida digna e humanamente apreciada por todos. Pois así, dese prudente modo, podemos evitar vérmonos expostos a fracasos ou desenganos, procedentes da nosa fachenda en relacionármonos cos demais...
            Non. Xesús apunta co seu sabio consello a algo que está no fondo mesmo da nosa relación con Deus e, polo tanto, cos demais. É dicir, se Deus se achegou a nós e se igualou con nós, non podemos nós pola nosa parte pretender ser superiores ou máis dignos cós que viven a carón noso.
            Por esta razón o segundo consello, o que lle dá Xesús directamente ó xefe dos fariseos que o convidou, está estreitamente relacionado co primeiro, afondando aínda máis decididamente nel. Aquí, neste segundo consello, é cando a mensaxe de Xesús se converte en limpamente “anti-cultural” ou “politicamente incorrecto”. Pois abonda con preguntarnos a nós mesmos se algunha vez na vida fixemos algo que polo menos se lle asemelle ó que nel se di: “Ti, cando deas un xantar ou unha cea, non chames os teus amigos, irmáns, parentes ou veciños ricos”, senón “convida os pobres, eivados, coxos e cegos; e serás ditoso...”. Cantas veces fixemos isto na nosa vida? Posiblemente nunca. Mais do que aquí verdadeiramente se trata non é de realizar, literalmente e sen máis, o que na norma ou no consello de Xesús se nos di para fachendear a continuación ante os demais sobre a nosa xenerosidade ou altruísmo. Do que sobre todo se trata é de intentarmos ir cambiando a nosa actitude en relación cos que están máis precisados de axuda ca nós, sen esperar deles recompensa algunha.
            Estamos hoxe ben informados do que está a pasar con  tantas persoas e familias que foxen de lugares de conflitos e guerras cara a zonas que consideran máis seguras, como por exemplo a nosa Europa. E tamén sabemos das enormes dificultades coas que se encontran esas persoas cando solicitan axuda e protección onda nós. Pois ben, cando o papa Francisco fala sobre estes temas, en relación por exemplo cos problemas dos refuxiados, sabemos ben que non se morde a lingua. Debemos supoñer que el está ben informado sobre que o cristianismo non é una serie de bonitas teorías ou abstractas crenzas, senón un modo de proceder na vida polo que fronte ás excesivas preocupacións particularistas deberiamos estar abertos ós problemas dos demais. Abertos no sentido de que esteamos dispostos a lles abrir a nosa casa, a nosa mesa, etc., no mesmo sentido do consello de Xesús: “Cando deas un banquete, convida os pobres, eivados, coxos e cegos...”.
            Non deberiamos esquecer, con todo, que a este consello de Xesús seguen un par de breves mais fermosas palabras. Son estas: “e serás ditoso”. Fermosas digo, porque a veces pensamos que xa está ben que Deus nos estea pedindo sempre renuncias, sacrificios e cousas así, cando a verdade é que foi Deus mesmo quen puxo nos nosos corazóns ese insaciábel desexo de dita e de felicidade. E se nos deu ese desexo é porque quere que sexamos felices e que busquemos a felicidade. Mais a felicidade non se acada, polo menos tal como nolo di Xesús no relato de Lucas, a golpe de egoísmos e de pecharse un nos propios intereses, apartando así a nosa vista das necesidades dos demais. Xa o formula ben, ademais, o coñecido dito popular: “é mais feliz quen dá ca quen recibe”. E se non cremos nisto, fagamos polo menos algunha vez a proba para ver que pasa.

ORACIÓN DOS FIEIS:
            Invoquemos a Deus noso Pai, por medio de Xesús Cristo, para que nos dea espírito de xenerosidade con todos, dicindo: Escóitanos, Pai. 
TODOS: Escóitanos, Pai.

- Dános, Pai, fe e esperanza na construción do teu Reino, un reino de xustiza e de fraternidade. 
TODOS: Escóitanos, Pai.
- Concédenos, Pai, espírito de servizo ós necesitados do mundo enteiro, a semellanza de Xesús que veu servir e non ser servido. 
TODOS: Escóitanos, Pai.
- Axúdanos, Pai, a non preocupármonos por nós mesmos senón polas dificultades e problemas dos nosos irmáns. 
TODOS: Escóitanos, Pai.

Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo noso Señor. Amén.

                    
                                                             
 Manuel Cabada Castro


VER MÁIS:

http://www.gruposdejesus.com/22-tempo-ordinario-c-lucas-141-7-14/

http://escoladeespiritualidade.blogspot.com.es/2016/08/28-de-agosto-domingo-22-do-tempo.html


22 ago. 2016

ORACIÓN-REFLEXIÓN SEMANA 4 DE AGOSTO

Para cada día da semana, 
unha breve frase para lembrar a Deus 
ao erguerse e ao deitarse 
e o evanxeo do domingo...


LUNS
  MARTES
MÉRCORES
  XOVES
 VENRES
  SÁBADO 
DOMINGO

21 ago. 2016

Traerán a todos os vosos irmáns de entre os xentís - Is 66, 18-21

Domingo 21 do Tpo. Ordinario - ciclo C


A PORTA ESTREITA

Palabra de Xesús, fiel compañeiro,
no camiño da vida, mestre e guieiro.
Non te fíes, amigo, estate alerta,
que a porta da vida é porta estreita.

Non chegan as palabras para dar co certo;
para atopar a vida cómpre o dereito .
O dereito do pobre que anda perdido;
buscalo con paixón, ese é o camiño

Coa man no corazón mira os teus pasos,
que hai moito equivocado andando en falso.
Para moitos bautizados, bispos e cregos
na gran mesa do Reino non hai asento.

Nas súas mans tiveron vida a mancheas,
e estragárona tanto ata perdela.
En cambio hai outros moitos dos desprezados
que na hora do Reino veranse alzados.

Porque fixeron caso do Deus da vida,
sementando irmandade con fe e xustiza.
Non te fíes, amigo, estate alerta,
que a porta da vida é porta estreita. 

20 ago. 2016

O Señor proba a quen ama - Heb 12, 5-7. 11-13

Domingo 21 do Tpo. Ordinario - ciclo C


AS SORPRESAS DE DEUS

A Deus non lle gusta o resabido,
o resaboreado, o apalpado, o manido.
Deus desdise dos camiños tripados,
das vías cortadas e dos sucos cegados.

Cando xa o entendemos todo
e o sabemos explicar todo,
cerrando o círculo perfecto,
Deus escápasenos.

Deus é sempre sorprendente, 
unha caixa de sorpresas,
para o noso ben.

Cando estamos cerrados
ábrenos a mente e o corazón.
Cando presumimos de sabelo todo, 
ensínanos o realmente importante.

Deus dásenos en Xesús,
que cada día nos sorprende
con algo novo, distinto,
i1usionante e provocativo.

Señor Xesús, rompe os nosos esquemas,
fai saltar os nosos encadres,
atravesa as nosas certezas,
para que en todo e sempre
saibamos seguirte e loarte.

Pedro Fraile 

18 ago. 2016

Ficha e Lectio: Domingo 21 Ordinario C

FICHAS:

LECTIO:
DOMINGO XXI  T. O.
(Ano C: 21 agosto 2016)

            No xudaísmo do tempo de Xesús había un marcado interese e preocupación polo número de persoas que se salvarían. Nese contexto relixioso e ideolóxico hai que situar a pregunta que alguén lle fai a Xesús, tal como nolo refire Lucas: “Señor, e logo son poucos os que se salvan?”.
            Mais, á parte deste contexto relixioso e ultraterreal da pregunta dirixida a Xesús, sabemos moi ben que a salvación, entendida a moi diversos niveis, si que nos interesa e moito. Queremos salvarnos de calquera perigo, queremos salvarnos de atopármonos enfermos ou de morrer. En fin, queremos salvarnos de que nos pase algunha cousa mala, sexa a que sexa. E, se a pesar de todo morremos, tamén queremos salvarnos, é dicir, queremos que no alén no nos pase nada malo. En fin, a salvación, recoñezámolo ou non, impórtanos moito. Levamos todos dentro esa semente de querer vivir sempre, que Deus (o eterno e inmortal) sementou un bo día no máis íntimo dos nosos corazóns, un desexo que en realidade non deixa de medrar en nós día tras día, por moitos anos que confesemos xa ter.
            Aquí, estando como estamos vivindo á beira do mar, podemos entender moi ben aquilo que o filósofo Ortega y Gasset formulaba máis ou menos desta forma: a vida humana –escribe el- é coma un naufraxio do que a persoa humana aspira a salvarse agarrándose a unha táboa de salvación. De modo que, segundo o filósofo madrileño, loitamos toda a nosa curta ou longa vida por agarrármonos a algo que nos “salve”. El diranos que esa táboa da salvación é o que el chama a “cultura”, pois todos nós chegamos a este mundo sen mecanismos automáticos para sobrevivir. Mais o que aquí máis nos interesa do noso filósofo é a referencia que el fai ó noso desexo de “salvarnos”, pois é algo característico da vida humana. Todos queremos agarrarnos a algo que nos salve e loitamos para non afundírmonos no mar.
            Como tantas veces ocorre nas respostas que lles dá Xesús ós que queren, coas súas preguntas, levalo ó seu propio terreo ou comprometelo e enredalo, o que Xesús fai é ir ó fondo das cuestións e, neste sentido, situar o problema alí onde debe estar. Concretamente, a Xesús interésalle -naturalmente en función da mensaxe que el mesmo nos quere dar- non o pretendido número dos que se salvan ou curiosidades semellantes, senón a maneira ou estratexia de salvación que deberiamos utilizar, se é que queremos verdadeiramente “salvarnos” e acceder así ó seu Reino, ó Reino do seu Pai e noso Pai Deus, que é un reino de xustiza, de amor e de paz.
            Neste tema, como en tantos outros, Lucas é moi claro. O que importa, segundo nos vén dicir Xesús, non é o “blablabla” de andar a dicir por aí que somos cristiáns desde sempre, que sabemos moito de relixión e de teoloxía, que rezamos moito, que temos magníficos desexos de facer cousas grandes, que contamos con curas amigos nosos ou que votamos sempre polos que chamamos partidos serios, sensatos, politicamente correctos, tal como adoitamos dicir... Así coido que se podería traducir, a unha linguaxe máis intelixíbel e e actual, o que Lucas di referíndose á xente á que se lle veta a entrada no Reino de Deus e que protestan contra iso dicindo: “¡Se nós comemos e bebemos contigo [é dicir, con Xesús] e ti ensinaches polas nosas rúas!”...
            Non. Non é ese (só bos desexos e supostas valiosas categorías nominais) o camiño ou a porta polos que se entra no Reino no que acadaremos a “salvación”. Lucas dinos no evanxeo de hoxe que non hai máis ca unha maneira de nos “salvar”, de acadar esa “salvación” que calquera persoa (de calquera relixión ou cultura que sexa) busca e desexa. Cal é esa maneira?: “practicar a xustiza”. Os que non “practican a xustiza” son para Deus uns “descoñecidos”. No poderán sentar na mesa do Reino, da mesma maneira que nun banquete de vodas, dun bautizo ou dunhas primeiras comuñóns de hoxe non sentan alí individuos descoñecidos dos que alí comparten mesa e mantel. Non se trata de que Deus, o Deus que todo o sabe, descoñeza a tales persoas. O descoñecemento bíblico non é un descoñecemento teórico ou intelectual, senón unha falta de relación ou de sintonía vital e práctica. Porque practicar a inxustiza” é comportarse mal, de maneira prepotente e inxusta, contra os demais. Esa ofensa ós demais, que en realidade non deixan por iso de ser irmáns do ofensor, é de feito unha ofensa contra quen se fixo irmán noso en Xesús, o mesmo Deus e Pai de todos. Se non nos relacionamos fraternalmente con todos, convertémonos de feito nuns descoñecidos para Deus, pois dese modo rompemos coa relación que deberiamos ter con el. Comprendemos así a resposta que, segundo Lucas, lles dá o Deus de Xesús ós que protestan por non acadaren entrar no Reino de Deus: “Non sei quen sodes. Arredade de min os que practicades a inxustiza!”.
            De modo que, vistas as cousas así, ben se pode dicir que falar de “salvación” non consiste en falar da salvación propia, persoal ou particular, como ás veces podemos pensar. Salvar, o que se di salvarse, non se pode realizar nunca só. So pode salvarse un cos demais, é dicir, con aqueles que axudei, promovín, consolei, visitei, amei, respectei, estimei, etc. etc. Trátase verdadeiramente dunha “loita” ou, como nos di Lucas, dunha loita “para entrarmos pola porta estreita”, que só se acada loitando na loita do “practicarmos a xustiza”. Non. Sermos cristiáns non consiste en saber moito sobre os fundamentos e sobre o agachado cerne do cristianismo, senón en levar á práctica no noso mundo esa explosiva mensaxe de fraternidade que se opón ás inxustizas e desigualdades.
            E nisto podemos ollar como verdadeiros irmáns nosos a cantos, sen se consideraren cristiáns, loitan igual ca nós (ou quizais mellor ca nós) na mesma tarefa de instaurar a xustiza no mundo. Por iso, cando se di e proclama sen máis precisións que “fóra da igrexa non hai salvación” temos que ter en conta que a salvación, polo menos desde o Concilio Vaticano II, é algo que pode ocorrer (e seguramente ocorre tamén) fóra dos límites formais da que chamamos igrexa cristiá ou católica. Deus é meirande cós límites nos que o pretendemos encerrar. Mais, como cristiáns, deste Deus si que podemos dicir que non nos “coñece”, que non nos admite como seus, se non “practicamos a xustiza”. Que o Deus amante e realizador da xustiza nos axude a entender e levar á práctica estas importantes ensinanzas.

ORACIÓN DOS FIEIS
            Invoquemos a Deus noso Pai, por medio de Xesús e en unión co Espírito Santo, para que nos converta á boa nova que nos salva, dicindo: Escóitanos, Pai. 
TODOS: Escóitanos, Pai.

- Axúdanos, Pai, a traballarmos coa túa graza non só a prol da nosa salvación senón tamén a prol da salvación de tódalas persoas. 
TODOS: Escóitanos, Pai.
- Apréndenos, Pai, a vermos que a nosa fe e entrega a ti está en íntima relación coa nosa entrega a facer o ben ós demais. 
TODOS: Escóitanos, Pai.
- Dános, Pai, un corazón sensíbel á xustiza para deixármonos levar polas esixencias da fraternidade e xenerosidade con tódalas persoas, especialmente coas máis necesitadas. 
TODOS: Escóitanos, Pai.

            Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo noso Señor. AMÉN.


                                                                                              Manuel Cabada Castro



VER MÁIS:
http://www.gruposdejesus.com/21-tempo-ordinario-c-lucas-1322-30/

http://escoladeespiritualidade.blogspot.com.es/2016/08/21-de-agosto-domingo-21-do-tempo.html

17 ago. 2016

ORACIÓN-REFLEXIÓN SEMANA 3 DE AGOSTO

Para cada día da semana, 
unha breve frase para lembrar a Deus 
ao erguerse e ao deitarse 
e o evanxeo do domingo...

LUNS
 MARTES
 MÉRCORES
 XOVES
  VENRES
 SÁBADO 
 DOMINGO