DOMINGO XXIX DO TEMPO ORDINARIO B

Oracional Galego en Spotify 

 

LECTURAS DO DÍA


LECTIO:

Domingo XXIX ordinario. 

Ceibes sempre.20 outubro 2024

                 Na oración do“Credo”empezamos por confesar, movidos polo Espírito de Deus, que cremos nun Deus que é “Pai OMNIPOTENTE”. Sen dúbida que Deus é así. Infinito en todo, loxicamente tamén no seu poder. O que ocorre é que este noso Deus exerce o seu infinito, absolutamente infinito, poder dun xeito moi distinto do que estamos acostumados a ver, aturar doutros ou facer nós mesmos cos demais.

                 É verdade que aí diante, á nosa vista, nas cousas feitas ou botadas a andar poro Deus, na natureza, no mundo, no universo o no interior de nós mesmos percibimos ou, polo menos, albiscamos ese gran poder de Deus. Mais trátase sempre dun poder que non forza, que non asoballa, que é paciente, humilde, sinxelo, inocente, diáfano e aberto coma o poder dun neno. É a marca de fábrica dun autor, que se comporta no que El fai como o que el é, unha verdadeira Nai ou Pai. Por iso, cando este Deus aparece ou se amosa no mundoveremos para a nosa sorpresa diante nosa, un neno, o neno de Belén. E entre xente sinxela, pobre e humilde pasará logo toda a súa vida este que fora un neno inocente. É dicir, ao lado dos que non teñen poder, coma un máis entre eles.

                 Non digo que ese Deus que se nos mostra en Xesús non ten poder ningún. Seguimos a ter aí diante o retrato vivo (“Quen me ve a min, ve o Pai”) dese Deus Pai “omnipotente” no que dicimos crer. Mais ese poder infinito do Deus Pai “omnipotente” é o poder de alguén que creou tamén esa marabilla da nosa liberdade que nos constitúe intimamente a todas e todos. E as liberdades non se poden tratar a golpe de poder puro e duro, a golpe de violencia.

                 Hai agora case trescentos anos escribía un gran galego, o frade bieito Martiño Sarmiento, nunha carta a un irmán seu de hábito (nado en Burgos) esta bonita frase: “A liberdade da persoa é unha cousa tan delicada que incluso Deus a trata e manexa (séxame lícito dicir isto) con pinzas”.

                 E digo eu agora: Por que tales delicadezas de Deus connosco? Pois simplemente porque a marabilla da nosa liberdade procede de alguén que é absoluta liberdade e amor, alguén que creou todo e nos creou a todos libremente por amor. Un amor, do que dicía o poeta italiano Dante ao final da súa “Divina Comedia”  que é aquilo que “move o sol e as demais estrelas”.

                 Pois ben, como fillo único dese Deus Pai, que é totalmente Liberdade e Amor, Xesús é nisto moi claro. Son conceptos e comportamentos que semella estar a tardar demasiado en se instalar nas nosas sociedades. Porque hai xentes ás que lle gusta moito o poder. Un poder que non está ao servizo dos demais, senón daqueles que o exercen a prol de si mesmos.

                 Pois ben, o evanxeo de hoxe está suficientemente en relación co que vos acabo de comentar. Vexámolo. Dous dos mellor situados, para dicilo dalgunha maneira, no grupo dos apóstolos, Santiago e mais Xoán, van intentar blindar definitivamente o seu status pedíndolle a Xesús sentar, cando el –como se nos di– estea “na súa gloria”, un á súa dereita e o outro á súa esquerda. Son estes claramentesinais de autoridade e de poder. Santiago e mais Xoán maxinaban aínda que o seu Mestre procedería como alguén suficientementeconsciente da súa valía e importancia.

                 En calquera caso, cómpre engadir que a mentalidade de Santiago e Xoán non parece que fose exclusiva deles. Porque o feito de que os outros apóstolos se anoxasen con eles, ao lles oír tal petición a Xesús, semella dar a entender que os outros tiñan tamén medo de non figurar algo así como ministros ou conselleiros nese presunto futuro goberno ou “gloria” de Xesús.

                 A lección que a todos lles vai dar Xesús é tan importante e programática que debería figurar con letras de ouro en calquera programa de vida, tanto individual como social. Velaquí as palabras de Xesús: “Xa sabedes que os xefes dos pobos os tiranizan e que os poderosos os asoballan. Pero entre vós non pode ser así. Nin moito menos. Quen queira ser importante, que sirva a outros, e quen queira ser o primeiro, que sexa o máis servizal. Que o Fillo do Home non veu a que o sirvan, senón a servir e a entregar a súa vida en rescate por todos”.

                 En tal sentido, como cristiáns deberiamos influír en que cantos nos rexen ou mandan (tanto a nivel político como relixioso ou social) non sexan como aquelescriticados por Xesús, é dicir, como aqueles que “tiranizaban” ou “asoballaban” co seu “poder”.

                 Deberiámoslle pedirlle tamén, xa que logo, ao Señor que suscite entre nós persoas que teñan o servizo aos demais como lema das súas vidas, persoas que saiban ofrecer con humildade a todas as xentes e culturas a mensaxe liberadora, sandadora de Xesús. Porque se Xesús veu onda nós e vive entre nós polo seu Espírito, non é certamente para se quedar pechado nos lindeiros dos que oficialmente nos consideramos “cristiáns”, senón para se constituír en vida e felicidade para cantos o buscan (aínda sen sabelo) en calquera parte do mundo.

                 Pois se Xesús criticaba concretamente no texto comentado os xefes políticos dos pobos como “tiranos” ou “asoballadores”, igualmente o faría con xefes relixiosos,grandes ou pequenos, que intentasen forzar as persoas a se facer membros dunha concreta e determinada relixión, sexa esta a que for.

         Redutos opresores e asoballantes coma estes terían que abrir de par en par as ventás para que por elas entre o Espírito, é dicir, ese aire fresquiño, saudábel, libre e servizal de Xesús que tanto precisa o mundo.

 

Manuel Cabada Castro


VER TAMÉN:

https://www.gruposdejesus.com/29-tempo-ordinario-b-marcos-1035-45-4/


FICHAS B








 

Comentarios

Publicacións populares